Lugo, 21 de novembro de 2025. A Deputación de Lugo aprobou estes venres novos investimentos por 2.352.073,84€ para continuar mellorando a mobilidade da provincia. Esta inversión permitirá, por unha banda, acometer o acondicionamento de seis estradas nos concellos de Xove, Muras e Palas de Rei; e pola outra, reforzar as tarefas de conservación e mantemento da rede viaria provincial. Ademais, tamén se deu luz verde a tres convenios de colaboración nos concellos de Vilalba, Taboada e A Fonsagrada “para que poidan continuar ofrecendo máis e mellores servizos aos seus veciños e veciñas”, así o avanzou a Voceira socialista do Goberno Provincial, Pilar García Porto, tras a reunión semanal da Xunta do Goberno.
No que ten que ver coa Mobilidade, detallou que “licitamos por 818.403,65€ as obras de mellora de 3 vías provinciais ao seu paso polo concello de Xove” e recordou que “este proxecto enmárcase dentro do convenio de colaboración que asinamos con este municipio mariñán para cederlle as 10 vías de titularidade provincial”. O acordo comprendía o arranxo de 4 destas estradas antes de traspasalas e hoxe licitáronse as primeiras obras que afectan a 3 destas vías:
– Na LU-P-2601, a vía que une a autonómica LU-862 co Portiño de Moras, arranxarase un treito de algo máis de 2 quilómetros -do 2,850 ó 5,285-, quedando así acondicionada practicamente a totalidade da estrada.
– Na LU-P-2604, que vai da autonómica LU-862 ata Valcarría por Monte, mellorarase un tramo de algo máis de 3 quilómetros desde o inicio da vía -do 0 ao 3,140-.
– E na LU-P-2605, entre A Tronca e Tarolo por Vila, os traballos realizaranse nun tramo de case 3 quilómetros tamén desde o comezo da estrada -do 0 ao 2,700-.
As obras que se van acometer son a reapertura de cunetas, a pavimentación con aglomerado en quente e a sinalización horizontal e vertical. Unha vez se inicien os traballos o prazo de execución será de 9 meses. Nesta liña, García Porto recalcou que “mediante estes traballos damos o primeiro paso para cumprir co acordo asinado con Xove, no que nos comprometíamos a mellorar e ceder estas vías nun prazo de catro anos”.
A Voceira destacou que “hoxe demos o visto bo a un trámite semellante en Palas de Rei coa adxudicación de 83.986€ para o acondicionamento dun tramo urbano da LU-P-2901. Con este investimento arranxarase un treito de 816 metros, desde o cruce coa N-547 ata o final da rúa Agro do Rolo”. Recordou que “esta actuación forma parte do convenio de colaboración que asinou o Presidente da Deputación, co Alcalde do municipio e que comprende tamén a cesión deste treito”.
As obras, que contan cun prazo de execución dun mes e medio, unha vez se inicien e das que se encargará a empresa Francisco Gómez y Cía SL, afectarán ao treito que vai do punto quilométrico 35,180 ó 35,996 e consistirán na mellora da drenaxe, no afirmado e na sinalización.
Tamén en materia de mobilidade licitouse por 266.589,37€ a rehabilitación de dous tramos de dúas vías ao seu paso polo concello de Muras.
Por unha banda mellorarase un treito de case 3 quilómetros -do 0 ao 2,915- desde o inicio da LU-P-3402. Esta é a vía que une A Gañidoira coa parroquia de Viveiró e que dá acceso a puntos de interese turístico como o Miradoiro de Mazoi. Os traballos consistirán na reapertura de cunetas, na pavimentación con aglomerado en quente e na sinalización horizontal e vertical.
Neste proxecto tamén se inclúe o arranxo dun tramo de algo máis de 6 quilómetros da LU-P-6502, a estrada que vai de Vilalba a Chavín pola Balsa. Unha vía de especial relevancia para a veciñanza de Muras porque dá acceso ao Colexio Público de Monseivane, á ermida de San Andrés ou á Igrexa de San Martiño de Lanzós. Neste caso, os traballos realizaranse desde o punto quilométrico 18,100 ao 24,300 e consistirán na reapertura de cunetas, na reparación de desperfectos, na repavimentación e na sinalización horizontal e vertical. O prazo de execución de ambos proxectos será de tres meses.
Adxudicado o contrato de conservación e mantemento da zona 6
“Ademais do arranxo e a mellora das vías provinciais facemos tamén un importante esforzo investidor para a súa conservación e así manter a nosa rede de estradas nas mellores condicións posibles”, avanzou a Voceira que sinalou que “adxudicamos por 1.024.321,86€ o contrato de conservación e mantemento da zona 6 da rede viaria provincial, que conforma os concellos de Becerreá, Cervantes, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro”.
Servicios Agrícolas y Excavaciones Fonsagrada SL resultou a adxudicataria do contrato, que ten unha duración de dous anos con posibilidade de prorrogalo por un ano máis.
Cooperación cos Concellos
Na reunión desta mañá aprobáronse tamén 158.772,96€ nos concellos de Vilalba, A Fonsagrada e Taboada.
– Luz verde a unha inversión de 58.680€ en Vilalba para a rexeneración de accesos nos núcleos de Cabanamille, na parroquia de Belesar, e no de Ver, na parroquia de Goiriz.
– 49.983,39€ en Fonsagrada para mellorar os accesos a Goxe e O Mido, dous núcleos da parroquia de Piñeira que son especialmente importantes porque teñen numerosas parcelas de explotación agraria e forestal.
– E 50.109,57€ ao municipio de Taboada para a mellora de accesos a Gulfar, na parroquia de Xián, e para acondicionar o camiño de Fontefria á N-540, na parroquia da Torre.
Mediante este acordo, a Deputación tamén financiará o subministro de equipos cos que reforzar a capacidade operativa dos servizos municipais: un martelo eléctrico, unha tesoira podadora e un xogo de ramplas de aluminio. “Un equipamento que permitirá ao Concello desenvolver tarefas de mantemento e conservación que repercutirán directamente nos servizos que se prestan á veciñanza, garantindo intervencións máis áxiles, eficaces e seguras”, rematou García Porto.





















Será o sábado 26 de setembro de 20:00–22:30 no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo. Entrada: 34,90 €, inclúe viño seleccionado e aperitivo.
Ás 16 horas deste mércores, o 112 Galicia tivo constancia dunha saída de vía a través do sistema de aviso e-Call do vehículo accidentado. Ocorreu no quilómetro 6 da LU-861, á altura de Santaballa. O propio implicado explicou nese momento que precisaba axuda para saír do vehículo. Nada máis ter constancia, os xestores do 112 Galicia solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros de Vilalba e servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros axudaron a retirar á persoa do vehículo, mais non foi necesario excarcerar.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo participou este martes nos actos programados con motivo da festividade da Patroa de Ribadeo, Santa María do Campo.



