Alumnado do IES Basanta Silva participou na iniciativa “Cambia de Bando”, que permitirá analizar as actitudes e crenzas machistas e impulsar novas accións de sensibilización entre a mocidade
Vilalba, 24 de novembro de 2025. A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, estivo presente esta mañá no IES Santiago Basanta Silva durante a participación do alumnado de 3º da ESO no proxecto “Cambia de Bando”, unha iniciativa impulsada pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) co obxectivo de promover a igualdade e combater as actitudes e crenzas machistas entre a mocidade galega.
Durante a presentación da actividade, a rexedora destacou que “este tipo de iniciativas son fundamentais para abrir os ollos, detectar crenzas que ás veces están normalizadas e dar á mocidade ferramentas para identificar e rexeitar comportamentos machistas”.
O alumnado realizou o test interactivo “Canto machismo tes?”, composto por oito preguntas con catro respostas posibles en cada unha delas. Ao responder, cada estudante recibiu un feedback inmediato sobre o grao de machismo ou igualdade que reflectía a súa elección.
Os resultados obtidos na aula amosan que o 61,1% do alumnado participante ten unha conciencia en proceso, que camiña cara a un pensamento igualitario, mentres que o 38,9% mantén aínda crenzas machistas arraigadas, o que pon de manifesto a necesidade de continuar traballando neste ámbito.
Neste sentido, a alcaldesa subliñou que “os datos que saíron desta actividade son moi valiosos porque demostran que queda traballo por facer, pero tamén que hai unha xeración que está a camiñar con paso firme cara a unha sociedade máis igualitaria”.
Vilalba convértese así no sétimo concello de Galicia en participar no proxecto. As respostas dos estudantes pasarán a formar parte dunha mostra global a partir da cal a FEGAMP elaborará un estudo sobre actitudes machistas na mocidade galega que permitirá deseñar novas accións de sensibilización baseadas en datos reais.
Tras a realización do test, o alumnado participou nunha sesión de sensibilización en igualdade impartida pola axente municipal do Concello de Vilalba. Durante a actividade analizáronse en grupo os resultados do test e desmontáronse estereotipos e crenzas presentes en moitas das respostas, como parte da programación municipal do 25N.
A alcaldesa concluíu que “desde o Concello continuaremos apostando por programas que permitan educar e sensibilizar porque a loita contra a violencia machista non se pode limitar a un día: é unha responsabilidade de todo o ano”.
O test permanece aberto ao conxunto da cidadanía na páxina web do proxecto, onde tamén poden consultarse os resultados acumulados ata o momento.




















O Dúo Eclipse será o encargado de poñer a música nunha nova tarde-noite chea de ritmo, baile e bo ambiente no Guateque de Arruguiñas. A cita é este sábado, 28 de febreiro na Casa do Mar de San Cibrao ás 19:30 h. Ademais, o alumnado de 2º de Bacharelato, en colaboración coa Oficina de Voluntariado Xuvenil, ofrecerá bingo e chocolate para completar a festa. O evento conta tamén coa colaboración da Asociación de Xubilados Terramar.
O Restaurante Oviedo-2 será o encargado de elaborar o caldo, o compango e as filloas de sobremesa. O acto incluirá tamén lectura de poemas e música, coa participación de Eli García-Bouso, que interpretará algunhas pezas inspiradas en Rosalía de Castro. O prezo do xantar será de 15 euros para socios/as e 20 euros para non socios/as. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo a agrupacionfranciscolanza@gmail.com ou mediante unha mensaxe de WhatsApp ao 699 809 606.
Neste espazo radiofónico, de 12 a 14 horas, Félix Jorquera falará coa directora do IES de Foz, Leticia Maseda, co coordinador do evento, José Ríos, así como con alumnado e profesorado participante e moi implicado nos Campionatos Internacionais de Baristas e Catas de Café, que estes días enchen Foz de xente e de aroma cafeteiro.
Os propietarios, Javier Montero e Tita Iglesias, recolleron o recoñecemento na Coruña, agradecendo o apoio da clientela, do seu equipo —formado integramente por mulleres— e da propia guía. O establecemento mantén esta recomendación desde 2021 e suma tamén un Sol Repsol, obtido en 2024 e renovado para 2026. O hotel restaurante Javier Montero abriu as súas portas en novembro de 2018.
Unha comedia orientada para público adulto dirixida por Cándido Pazó. Hora: 20.30. Sipnose: 1880, Curros Enríquez é denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento Galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.
A xornada comezou cun aperitivo no bar O Colorado, onde os socios se reuniron para o tradicional brinde previo ao xantar. O encontro continuou no Restaurante Asturias nun ambiente de fraternidade, gozando dun cocido digno de exaltación e dunha longa sobremesa. Durante a velada, os asistentes compartiron lembranzas e falaron das actividades que a asociación prepara para o futuro, nun ano no que Os Cacholeiros se achegan ao seu 35º aniversario. A entidade aproveita esta celebración para reivindicar unha vez máis os pratos tradicionais, elaborados con produtos locais e de tempada, e o labor dos establecementos hostaleiros do concello e da comarca.



