Ribadeo, 17 de novembro, 2025. A vila de Ribadeo clausurou con gran éxito as xornadas “Ribadeo cara o mar”, celebradas entre o 13 e o 16 de novembro. A proposta do Concello, deseñada para poñer en valor a ría dende unha perspectiva ambiental, patrimonial, social e económica, contou coa participación de máis dun cento de persoas. O evento foi financiado polo GALP A Mariña-Ortegal con fondos europeos do FEMPA 2021-2027. Durante os catro días, veciños e visitantes gozaron dun formato dinámico que combinou a divulgación, o turismo e a reflexión, a través de xeorrutas, visitas guiadas, charlas técnicas, debates e degustacións gastronómicas.
A actividade comezou o xoves cunha ruta xeolóxica de Porcillán a Rochas Brancas, a cargo do xeólogo ambiental Iván Rodríguez Lombardero. A xornada inaugural concluíu cunha destacada mesa redonda que reuniu os alcaldes de Ribadeo, Vegadeo e Castropol para discutir a identidade compartida da ría. Nesta apertura, o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, defendeu un modelo de desenvolvemento equilibrado para o estuario. Vega declarou que “non hai que ser radical en ningún plantexamento” e afirmou que a ría é un espazo a respectar, pero non se debe ir “en contra do noso propio futuro, antepoñendo o non polo non a todo o que se plantexe facer na ría”. O alcalde avogou por industrias compatibles co medio ambiente e por explotar o deporte náutico, un ámbito que considera pouco aproveitado.
O venres, o foco púxose no tecido produtivo e a investigación ligada ao mar, con visitas ao porto pesqueiro e comercial, aos estaleiros, á fábrica de algas e ao centro de investigación CECUMAR. A mañá incluíu tamén unha xeorruta ata as Aceas. Pola tarde, o arqueólogo submarino Miguel San Claudio ofreceu a charla “A ría de Ribadeo: un patrimonio cultural con futuro”, subliñando o valor do patrimonio somerxido e o seu potencial para impulsar o turismo cultural na zona.
A xornada do sábado centrouse na biodiversidade do estuario. Pola mañá, un grupo de participantes, guiados por Hablando de Pájaros, explorou a ría para o avistamento de aves e coñeceu as áreas de interese ambiental. Posteriormente, o biólogo e divulgador científico Dani Prieto ofreceu unha sesión sobre conservación, alertando sobre a riqueza ecolóxica do estuario e a necesidade urxente de preservala. A xornada concluíu cunha degustación gastronómica local.
As xornadas finalizaron o domingo cun paseo en barco para unha visita interpretativa dende o porto de Porcillán. O broche de ouro púxoo unha mesa redonda moderada por Dani Gayoso, que debateu sobre os retos da economía azul e o turismo sostible na ría.
Nesta mesa participaron Daniel Vega (Alcalde de Ribadeo), Paloma Vázquez (Xefa da Área Provincial de Turismo en Lugo da Xunta de Galicia) e Pablo Fernández (Presidente do Real Club Náutico de Ribadeo). O evento concluíu con outra degustación gastronómica amenizada pola banda local Lola de Simón & the swing peaks.
Estas xornadas reforzaron a mensaxe de que a ría de Ribadeo é un recurso compartido cunha riqueza que transcende fronteiras municipais. O alcalde Daniel Vega quixo subliñar a importancia do proxecto para o municipio, sinalando que “Ribadeo cara ao mar non é máis que una plataforma que quere poñer en valor todo un patrimonio, un territorio … que nos fai comarca única e que segue avanzando”.
O gran respaldo do público confirma a necesidade de seguir impulsando iniciativas de participación cidadá que axuden a coñecer, protexer e proxectar o futuro da ría, reforzando a aposta de Ribadeo por un turismo de calidade, unha visión empresarial sostible e a cooperación institucional.






















Ás 16 horas deste mércores, o 112 Galicia tivo constancia dunha saída de vía a través do sistema de aviso e-Call do vehículo accidentado. Ocorreu no quilómetro 6 da LU-861, á altura de Santaballa. O propio implicado explicou nese momento que precisaba axuda para saír do vehículo. Nada máis ter constancia, os xestores do 112 Galicia solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros de Vilalba e servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros axudaron a retirar á persoa do vehículo, mais non foi necesario excarcerar.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo participou este martes nos actos programados con motivo da festividade da Patroa de Ribadeo, Santa María do Campo.
Destacou o apoio da Deputación ao sector primario a través da Granxa Gayoso Castro, centro de referencia en recría, formación e innovación. O evento, organizado pola Asociación Pura Raza Cabalo Galego, incluíu o concurso morfolóxico de distintas categorías —ponis, cabalos do país, cruzados, percheróns, Pura Raza Galega e andadura serrada e chapeada— e unha exhibición de doma de alta escola con eguas de pura raza galega.



