A Mariña, 22 de xaneiro de 2025. A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense presentou este xoves en FITUR a figura de Sargadelos coa que se rende unha merecida homenaxe ás Carolas ou Canouras, consideradas pioneiras da actividade turística na Mariña. Esta proposta quere poñer en valor a aquelas mulleres labregas que, a finais do século XIX e sobre todo no século XX, chegaban acompañadas pola familia e as veciñas ata a costa da Mariña procedentes das zonas do interior da comarca e da provincia de Lugo para tomar os “baños de mar”.
A figura deuse a coñecer hoxe no discurso da presentación A Mariña, unha viaxe á identidade, un acto celebrado no stand de Galicia e dirixido a autoridades, turoperadores, prensa especializada e profesionais do sector turístico. Os asistentes foron os primeiros en coñecer esta peza que xorde da colaboración da Mancomunidade coa emblemática marca galega de cerámica Sargadelos, profundamente vinculada ao territorio da Mariña Lucense. A peza, que quere sintetizar a identidade do destino, foi elaborada como agasallo institucional e estase a valorar a súa futura comercialización.
No acto interviñeron a presidenta da Mancomunidade, Rocío López; o delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia de Lugo, Javier Arias; a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.
Figura A Carola
As Carolas ou Canouras chegaban á costa da Mariña nas primeiras semanas de setembro para darse 9 baños no mar durante 9 días consecutivos, un número impar máxico da tradición galega, e facíano por prescrición médica ou pola sinxela recomendación doutros coñecidos. Durante eses días aloxábanse na zona, en lugares como Ribadeo, Foz, Barreiros ou Viveiro. Aínda que xa está documentada a súa existencia no século XIX, foi a partir da apertura da Caseta de Baños La Cantábrica, na praia de San Miguel de Ribadeo, cando máis afluencia se rexistrou.
Esta homenaxe forma parte da estratexia que vén desenvolvendo a Mancomunidade nos últimos anos ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística, ferramenta impulsada pola Secretaría de Estado de Turismo, e dos convenios anuais de colaboración coa Xunta de Galicia e coa Deputación de Lugo, e que afonda na identidade do territorio a través dos seus valores, das súas tradicións e das súas xentes. Durante o acto, a presidenta da Mancomunidade, Rocío López, tivo palabras de agradecemento para todas aquelas persoas que traballan “para a recuperación desta figura, investigando e divulgando a través de colaboracións, conferencias, publicacións, programas turísticos e culturais, visitas guiadas e mesmo retomando a tradición en setembro de regalarse 9 sanadores baños de mar”.
Tal como explicou a presidenta da Mancomunidade no discurso de presentación, recuperar a figura das Carolas é sinónimo de manter a identidade, o carácter e a autenticidade do territorio: “estamos orgullosas de ser quen somos e do territorio que habitamos e queremos compartilo co mundo”, salientou. “As Carolas descubriron a nosa paisaxe, desfrutaron do noso mar e forman parte do patrimonio inmaterial do noso territorio”, compartiu Rocío López, quen manifestou que, sen lugar a dúbidas, esta homenaxe é unha “reivindicación necesaria sobre esta figura que forma parte indiscutible da nosa historia turística e cultural”.
Propostas turísticas
Autoridades, turoperadores, prensa especializada e profesionais do sector tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man os proxectos que se veñen desenvolvendo na Mariña nos últimos anos no marco dos convenios anuais coa Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo e máis salientablemente do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense, financiado pola Xunta de Galicia, a Secretaría de Estado de Turismo e a propia Mancomunidade de Concellos co apoio da Deputación de Lugo, así como as novas propostas, coas que se da un paso máis na posta en valor do territorio.
Nesta liña, a presidenta da Mancomunidade lembrou que nos últimos anos desenvolvéronse diferentes proxectos cos que “construír un destino integrado, sostible e atractivo, para ampliar a temporada turística e para atraer novos segmentos”. Trátase, tal como afirmou, dunha “aposta por un modelo que respecta e protexe o patrimonio da Mariña, que aporta valor á sociedade e que pensa nas persoas”. Para Rocío López non hai dúbida: “hoxe amosamos ao mundo unha marca turística sólida, que se abre camiño entre outros grandes destinos”.
Así, lembrou que a construción deste modelo turístico sostible descansa en iniciativas como os Plans e Obradoiros con Corazón, que achegan a diversidade do territorio a través dos guías e artesáns locais; a implantación do SICTED, que impulsa a calidade turística nos destinos a través dos seus produtos e servizos; a promoción do turismo ornitolóxico e o xeoturismo, con programas de formación, material divulgativo e o I Encontro NatureWatch A Mariña; o I Foro de Turismo e Sostibilidade, que puxo a Mariña no foco do debate sobre o turismo sostible da man de expertos internacionais; a creación do Colectivo de Gastronomía da Mariña, para dar valor ao sector; ou o mantemento da rede de aloxamentos Turismo Slow Norte de Galicia, que aglutina a empresas especialmente sensibles cun modelo de xestión sostible.
Neste punto, quixo lembrar ás institucións e ás persoas que creron que un turismo sostible é posible na Mariña e que, co seu traballo, contribuíron para avanzar cara ese modelo de futuro. “Grazas por confiar e por achegar o voso gran de area”, manifestou.
Fitur 2026
A Mancomunidade está presente en FITUR para manter tamén xuntanzas con profesionais do sector, representantes doutros destinos e provedores de servizos, co obxectivo de comunicar os activos da Mariña, promover sinerxias e intercambiar información sobre servizos e produtos de potencial interese para o xeodestino.
O día 23 a Mancomunidade formará parte da mesa redonda Turismo e sector primario: novas sinerxias para o desenvolvemento local dentro da programación das xornadas Fitur Know-How & Export e no contexto do modelo MISEA da Secretaría de Estado de Turismo e que se está implementando na Mariña a través de SEGITTUR.
A Mancomunidade conta cun espazo de información turística dentro do stand de Galicia, no que ten a disposición dos visitantes diferentes materiais corporativos, como a guía A Mariña al descubierto, o mapa turístico e os folletos de turismo ornitolóxico e xeoturismo, entre outros.
Un ano máis, a Mancomunidade aproveita o espazo de promoción internacional de FITUR para dar a coñecer a súa oferta turística e, ao mesmo tempo, establecer contactos interesantes para o impulso da Mariña como territorio de referencia no sector do turismo.





















O Restaurante Oviedo-2 será o encargado de elaborar o caldo, o compango e as filloas de sobremesa. O acto incluirá tamén lectura de poemas e música, coa participación de Eli García-Bouso, que interpretará algunhas pezas inspiradas en Rosalía de Castro. O prezo do xantar será de 15 euros para socios/as e 20 euros para non socios/as. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo a agrupacionfranciscolanza@gmail.com ou mediante unha mensaxe de WhatsApp ao 699 809 606.
Neste espazo radiofónico, de 12 a 14 horas, Félix Jorquera falará coa directora do IES de Foz, Leticia Maseda, co coordinador do evento, José Ríos, así como con alumnado e profesorado participante e moi implicado nos Campionatos Internacionais de Baristas e Catas de Café, que estes días enchen Foz de xente e de aroma cafeteiro.
Os propietarios, Javier Montero e Tita Iglesias, recolleron o recoñecemento na Coruña, agradecendo o apoio da clientela, do seu equipo —formado integramente por mulleres— e da propia guía. O establecemento mantén esta recomendación desde 2021 e suma tamén un Sol Repsol, obtido en 2024 e renovado para 2026. O hotel restaurante Javier Montero abriu as súas portas en novembro de 2018.
Unha comedia orientada para público adulto dirixida por Cándido Pazó. Hora: 20.30. Sipnose: 1880, Curros Enríquez é denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento Galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.
A xornada comezou cun aperitivo no bar O Colorado, onde os socios se reuniron para o tradicional brinde previo ao xantar. O encontro continuou no Restaurante Asturias nun ambiente de fraternidade, gozando dun cocido digno de exaltación e dunha longa sobremesa. Durante a velada, os asistentes compartiron lembranzas e falaron das actividades que a asociación prepara para o futuro, nun ano no que Os Cacholeiros se achegan ao seu 35º aniversario. A entidade aproveita esta celebración para reivindicar unha vez máis os pratos tradicionais, elaborados con produtos locais e de tempada, e o labor dos establecementos hostaleiros do concello e da comarca.
A cita terá lugar ás 14.30 horas no Restaurante Louzao, en Area. A actividade, promovida polo Centro de Información á Muller e pola Delegación Municipal da Muller do Concello de Viveiro, está concibida como un encontro de convivencia e participación arredor do 8M. O prezo do xantar é de 50 euros. O Concello de Viveiro publicará nos vindeiros días a programación completa organizada con motivo do 8M.
A presidenta da Deputación, Carmela López, e outros cargos do PSdeG destacaron o valor do grelo como produto emblemático e subliñaron que iniciativas como esta impulsan a economía local, apoian ao sector produtor e reforzan a identidade do rural lucense.



