As citas será o 15 de febreiro en Cervo, o 17 en San Ciprián e o 21 en San Román, coa implicación do tecido asociativo e importantes premios
Cervo, 23 de xaneiro do 2026.O Concello de Cervo xa ten todo preparado para celebrar o Entroido cun programa diverso, participativo e pensado para todos os públicos. A edición deste ano terá como grandes protagonistas os tres desfiles que se desenvolverán en Cervo, San Cibrao e San Román de Vilaestrofe: tres escenarios cun mesmo espírito festivo para converter estas datas nun dos momentos máis agardados do calendario local.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou na presentación que “o Entroido é unha das festas máis queridas pola veciñanza, unha cita que mestura tradición, creatividade e convivencia, e que cada ano demostra a enorme implicación do tecido asociativo do noso concello”.
A rexedora agradeceu especialmente “o traballo imprescindible das asociacións culturais e veciñais”, en referencia a Airiños do Xunco e As Espalladoras, organizadoras dos entroidos de Cervo e San Román, respectivamente, coa colaboración neste último da Comunidade de Montes Veciñais de Vilaestrofe e da Asociación de Veciños. Tamén recoñeceu o labor da A.C. Comisión de Festas de Lieiro, que participará no Entroido de San Cibrao cun posto de chocolate, sobremesas, bolos preñados e empanadillas. “Sen elas sería imposible ofrecer unha programación tan completa e de tanta calidade”, subliñou.
García Caramés puxo en valor “a variedade de propostas, os importantes premios e a aposta pola animación musical en todos os desfiles, para que o Entroido se viva na rúa, en familia e tamén pola noite”.
ENTROIDO DE CERVO – Domingo 15 de febreiro
O Entroido arrancará en Cervo o domingo 15 de febreiro cun desfile que partirá do colexio ás 18:00 horas e rematará na carpa da Praza do Souto. A Charanga Os Macanudos será a encargada de poñer a música durante o percorrido, e a festa continuará coa sesión de DJ Conxuro.
Haberá premios para disfraces individuais, parellas, grupos e comparsas, consistentes en figuras de Sargadelos e cestas con produtos típicos de Entroido. As comparsas deberán ter máis de 8 integrantes.
Inscricións: 629 95 17 61 (Raquel) e 617 31 32 07 (Rafa).
As comparsas anotadas con antelación recibirán unha cesta de produtos típicos.
Organiza: Airiños do Xunco.
ENTROIDO DE SAN CIBRAO – Martes 17 de febreiro
O martes 17, o Entroido trasladarase a San Cibrao cun gran desfile que sairá ás 18:00 horas da Praza dos Campos, percorrendo as principais rúas da localidade.
Repartiranse 2.280 euros en premios entre as categorías individual, parellas, grupos, comparsas e xuvenil. A animación correrá a cargo da Charanga Os Macanudos, e tras a entrega de premios continuará a música con DJ Aaron.
A A.C. Comisión de Festas de Lieiro instalará un posto con chocolate, sobremesas, bolos preñados e empanadillas, contribuíndo ao ambiente festivo e gastronómico.
Inscricións:
• Na Casa da Cultura de San Cibrao, en horario de mañá, do luns 26 de xaneiro ao luns 16 de febreiro.
• O propio día do desfile, na carpa, ata unha hora antes do inicio.
As persoas inscritas con antelación recibirán vales de consumición para locais hostaleiros e bolos preñados.
ENTROIDO DE SAN ROMÁN DE VILAESTROFE – Sábado 21 de febreiro
O Entroido pecharase o sábado 21 cunha gran festa nocturna en San Román de Vilaestrofe, organizada pola Asociación Mulleres Rurais As Espalladoras, coa colaboración do Concello de Cervo, da Asociación de Veciños de San Román e da Comunidade de Montes.
A partir das 22:00 horas, o Pavillón de San Román acollerá un desfile e unha festa amenizados polo Grupo JB Son e a discomóbil Conxuro. Haberá premios para adultos e público infantil.
Inscricións: 656 272 802.
Convite á participación
A alcaldesa animou a veciños e visitantes a sumarse á celebración: “Queremos que a xente saia á rúa, se disfrace, participe e sinta o Entroido como unha festa aberta, alegre e compartida. Cervo é un concello vivo, e estes días demóstrano mellor ca nunca”.
O Concello convida a toda a veciñanza e ás persoas que visiten o municipio a gozar dun Entroido cheo de cor, música e diversión, no que tradición e festa volven ir da man.
As inscricións para os tres desfiles estarán abertas desde o luns 26 de xaneiro.




















Unha comedia orientada para público adulto dirixida por Cándio Pazó. Hora: 20.30. Sipnose: 1880, Curros Enríquez é denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento Galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.
A xornada comezou cun aperitivo no bar O Colorado, onde os socios se reuniron para o tradicional brinde previo ao xantar. O encontro continuou no Restaurante Asturias nun ambiente de fraternidade, gozando dun cocido digno de exaltación e dunha longa sobremesa. Durante a velada, os asistentes compartiron lembranzas e falaron das actividades que a asociación prepara para o futuro, nun ano no que Os Cacholeiros se achegan ao seu 35º aniversario. A entidade aproveita esta celebración para reivindicar unha vez máis os pratos tradicionais, elaborados con produtos locais e de tempada, e o labor dos establecementos hostaleiros do concello e da comarca.
A cita terá lugar ás 14.30 horas no Restaurante Louzao, en Area. A actividade, promovida polo Centro de Información á Muller e pola Delegación Municipal da Muller do Concello de Viveiro, está concibida como un encontro de convivencia e participación arredor do 8M. O prezo do xantar é de 50 euros. O Concello de Viveiro publicará nos vindeiros días a programación completa organizada con motivo do 8M.
A presidenta da Deputación, Carmela López, e outros cargos do PSdeG destacaron o valor do grelo como produto emblemático e subliñaron que iniciativas como esta impulsan a economía local, apoian ao sector produtor e reforzan a identidade do rural lucense.
O distintivo, concedido por ADEAC, recoñece a excelencia ambiental e a xestión sostible do territorio.En 2026 o programa acada cifras récord, con máis de 1.200 km de sendeiros en 154 municipios. A senda franquía destaca pola súa calidade paisaxística e ambiental, ao unir Castello e Porcía a través de acantilados, praias e espazos de alto valor ecolóxico. Este recoñecemento reforza o compromiso de El Franco cun modelo que combina conservación, educación ambiental e turismo sostible, situando o concello na rede estatal de itinerarios de excelencia. A entrega oficial das bandeiras será o 6 de marzo no Castelo de Cullera.
Sinalaron que conta cunha Indicación Xeográfica Protexida con case 70 hectáreas cultivadas, 194 produtores e máis de 215.000 kg certificados en 2025, cun valor superior aos 430.000 euros. Tamén subliñaron que forma parte dos 36 selos de calidade de Galicia e que festas como esta dinamizan o rural e favorecen a venda directa entre produtores e consumidores.
O Restaurante Oviedo-2 será o encargado de elaborar o caldo, o compango e as filloas de sobremesa. O acto incluirá tamén lectura de poemas e música, coa participación de Eli García-Bouso, que interpretará algunhas pezas inspiradas en Rosalía de Castro. O prezo do xantar será de 15 euros para socios/as e 20 euros para non socios/as. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo a agrupacionfranciscolanza@gmail.com ou mediante unha mensaxe de WhatsApp ao 699 809 606.



