Advirten que o remanente de tesourería reduciuse de 19 millóns en 2022 a 8,5 millóns en 2026 sen investimentos transformadores para o municipio
Xove, 13 de febreiro de 2026. O Grupo Municipal Socialista de Xove denunciou no primeiro pleno ordinario do ano a “falta absoluta de planificación” do goberno de Demetrio Salgueiro e advertiu da “preocupante deriva económica” que reflicten as contas municipais.
O pleno comezou coa aprobación dunha modificación de crédito de 18.000 euros para facer fronte á avaría dos ventiladores da piscina municipal, unha actuación cualificada de urxente polo executivo local. “Esta modificación prodúcese apenas unhas semanas despois da aprobación dos orzamentos de 2026”, denuncian.
Dende o PSdeG consideran que este feito evidencia unha xestión baseada na improvisación. “Non é razoable que un mes despois de aprobar os orzamentos haxa que recorrer a modificacións de crédito por cuestións que deberían estar previstas. Isto demostra que non existe planificación nin control, e que o Concello funciona a golpe de ocorrencia”, sinalan.
Déficit de máis de 2 millóns nas contas de 2025
O Pleno aprobou tamén a liquidación do exercicio 2025, que pecha cun déficit superior aos 2 millóns de euros. Para o Grupo Municipal Socialista, este resultado evidencia o desfase estrutural entre o que se presuposta e o que realmente se executa. “Levamos anos advertindo de que os orzamentos son un copia e pega, sen planificación nin proxecto de futuro. Xa non falamos dunha valoración política, son os propios datos os que o evidencian”, sinalan.
As socialistas lembran ademais que desde 2022 o Concello vén consumindo o remanente de tesourería ata reducilo case á metade, ao pasar de 19 millóns de euros a apenas 8,5 millóns en 2026, “sen que esa redución se traducise en grandes obras, infraestruturas estratéxicas ou melloras estruturais para a veciñanza”. “Reduciuse o aforro municipal en máis de 10 millóns de euros e Xove segue sen transformacións de fondo. Esa é a realidade”, subliñan.
Orzamentos comprometidos e sen marxe de actuación
Durante o debate plenario, o propio alcalde recoñeceu que o 92% do orzamento de 2026 xa está comprometido antes de comezar o exercicio, o que deixa ao Concello practicamente sen capacidade de decisión nin marxe para impulsar novos investimentos.
Para o PSdeG, esta situación é “especialmente grave” nun momento de crecemento económico e de oportunidade para modernizar servizos básicos, como a rede de abastecemento de auga, as estradas ou as infraestruturas portuarias.
Sen investimentos nin avances tras case dúas décadas de goberno
No apartado de rogos e preguntas, o PSdeG asegura que quedou patente a ausencia de investimentos da Xunta para 2026 e a falta de avances en proxectos como a ampliación do polígono industrial de Camba ou os pantaláns de Morás. “Todo está en trámites. Levamos 19 anos escoitando anuncios e promesas que nunca se traducen en feitos”, sinalan.
Durante o debate, o alcalde amosou o seu malestar polas preguntas formuladas pola oposición, unha reacción que, segundo o Grupo Socialista, “evidencia a incomodidade de ter que dar explicacións ante a falta de resultados”. “Tras case dúas décadas de goberno, Xove segue sen proxectos transformadores nin planificación a medio prazo”, apuntan.
“O que estamos vendo ano tras ano é unha forma de gobernar baseada na falta de planificación, na ausencia de proxectos e nun progresivo debilitamento da capacidade económica do Concello. Xove merece rigor, responsabilidade e un proxecto de futuro”, conclúen.



















Unha comedia orientada para público adulto dirixida por Cándio Pazó. Hora: 20.30. Sipnose: 1880, Curros Enríquez é denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento Galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.
A xornada comezou cun aperitivo no bar O Colorado, onde os socios se reuniron para o tradicional brinde previo ao xantar. O encontro continuou no Restaurante Asturias nun ambiente de fraternidade, gozando dun cocido digno de exaltación e dunha longa sobremesa. Durante a velada, os asistentes compartiron lembranzas e falaron das actividades que a asociación prepara para o futuro, nun ano no que Os Cacholeiros se achegan ao seu 35º aniversario. A entidade aproveita esta celebración para reivindicar unha vez máis os pratos tradicionais, elaborados con produtos locais e de tempada, e o labor dos establecementos hostaleiros do concello e da comarca.
A cita terá lugar ás 14.30 horas no Restaurante Louzao, en Area. A actividade, promovida polo Centro de Información á Muller e pola Delegación Municipal da Muller do Concello de Viveiro, está concibida como un encontro de convivencia e participación arredor do 8M. O prezo do xantar é de 50 euros. O Concello de Viveiro publicará nos vindeiros días a programación completa organizada con motivo do 8M.
A presidenta da Deputación, Carmela López, e outros cargos do PSdeG destacaron o valor do grelo como produto emblemático e subliñaron que iniciativas como esta impulsan a economía local, apoian ao sector produtor e reforzan a identidade do rural lucense.
O distintivo, concedido por ADEAC, recoñece a excelencia ambiental e a xestión sostible do territorio.En 2026 o programa acada cifras récord, con máis de 1.200 km de sendeiros en 154 municipios. A senda franquía destaca pola súa calidade paisaxística e ambiental, ao unir Castello e Porcía a través de acantilados, praias e espazos de alto valor ecolóxico. Este recoñecemento reforza o compromiso de El Franco cun modelo que combina conservación, educación ambiental e turismo sostible, situando o concello na rede estatal de itinerarios de excelencia. A entrega oficial das bandeiras será o 6 de marzo no Castelo de Cullera.
Sinalaron que conta cunha Indicación Xeográfica Protexida con case 70 hectáreas cultivadas, 194 produtores e máis de 215.000 kg certificados en 2025, cun valor superior aos 430.000 euros. Tamén subliñaron que forma parte dos 36 selos de calidade de Galicia e que festas como esta dinamizan o rural e favorecen a venda directa entre produtores e consumidores.
O Restaurante Oviedo-2 será o encargado de elaborar o caldo, o compango e as filloas de sobremesa. O acto incluirá tamén lectura de poemas e música, coa participación de Eli García-Bouso, que interpretará algunhas pezas inspiradas en Rosalía de Castro. O prezo do xantar será de 15 euros para socios/as e 20 euros para non socios/as. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo a agrupacionfranciscolanza@gmail.com ou mediante unha mensaxe de WhatsApp ao 699 809 606.



