A Obra Social de ABANCA constrúe «Igualdade Dixital» a partir da experiencia adquirida na mellora de habilidades tecnolóxicas de persoas maiores tras formar a case 42.000 persoas de toda Galicia en 10 anos
A Mariña, 14 de abril, 2026. «Igualdade Dixital» constrúese ao redor dunha plataforma web para a formación no uso de móbiles e as súas aplicacións. Está pensada tanto para a autoformación como para servir de apoio a proxectos formativos, e para o seu uso por formadores ou mentores dixitais. O lanzamento do proxecto leva asociado un programa de accións gratuítas baseadas nos contidos da plataforma e abertas á cidadanía en 11 localidades nos meses de abril e maio. Estas accións presenciais están especialmente dirixidas ás persoas que teñen maiores dificultades de acceso á tecnoloxía e necesitan unha figura de confianza que as guíe. Na rede de Espazos +60 de Afundación haberá un total de 83 cursos de 1,5 horas cada un, neses dous meses, para a formación en competencias dixitais.
O vindeiro venres, 17 de abril, impartirase o primeiro curso, “Pide a túa cita médica en liña no SERGAS”, no Espazo +60 Afundación de Monforte de Lemos. A continuación programáronse formacións sobre “Xestiona as túas contas con ABANCA móbil”, o 24 de abril; “Descobre a intelixencia artificial: primeiros pasos con ChatGPT”, o 8 de maio; “Comunícate con familiares e amizades usando WhatsApp”, o 15 de maio; “Configura e personaliza o teu móbil”, o 22 de maio; e “Caixeiros: banca 24 horas para facer a túa vida máis doado”, o 29 de maio. Todas elas impartiranse en horario de 10.30 a 11.30 h, fóra da do 29 de maio, que se impartirá de 11.00 a 12.00 h, previa reserva no propio Espazo +60 ou no seguinte formulario.
No Espazo +60 Afundación de Viveiro impartirase o vindeiro mércores, 22 de abril, o primeiro curso, “Descobre a intelixencia artificial: primeiros pasos con ChatGPT”. A continuación, programáronse formacións sobre “Caixeiros: banca 24 horas para facer a túa vida máis doado”, o 27 de abril; “Trámites coa Administración na internet: plataforma Cl@ve, certificado dixital ou DNIe”, o 4 de maio; “Como realizar as túas compras en liña de forma segura”, o 11 de maio; “Descobre as redes sociais: Instagram”, o 18 de maio; e “Xestiona as túas contas con ABANCA móbil”, o 25 de maio. Todas elas impartiranse en horario de 18.30 a 19.30 h, fóra das do 22 de abril e 18 de maio, que se impartirán de 18.00 a 19.00 h, previa reserva no propio Espazo +60 ou no seguinte formulario.
No Espazo +60 Afundación de Lugo impartirase o vindeiro xoves, 23 de abril, o primeiro curso, “Aprende a enviar diñeiro con Bizum con ABANCA móbil”. A continuación, programáronse formacións sobre “Empeza a usar o correo electrónico Gmail: abrir unha conta e enviar e recibir correos”, o 30 de abril; “Ferramentas útiles de Google no teu móbil para o día a día: lector de códigos QR, notas e calendario”, o 7 de maio; “Comunícate con familiares e amizades usando WhatsApp”, o 14 de maio; “Descobre a intelixencia artificial: primeiros pasos con ChatGPT”, o 21 de maio; e “Caixeiros: banca 24 horas para facer a túa vida máis doado”, o 28 de maio. Todas elas impartiranse en horario de 10.00 a 11.00 h, previa reserva no propio Espazo +60 ou no seguinte formulario.
As persoas maiores empregan cada vez máis a miúdo, e cada vez con máis competencias, as tecnoloxías dixitais. Pero mesmo na franxa de idade de persoas con maiores competencias segue habendo unha importante fenda, en uso e coñecementos, con respecto ás xeracións posteriores: segundo o INE, unicamente o 13% das persoas de 65 a 74 anos teñen habilidades avanzadas fronte ao 53% de 25 a 34 anos. E iso inflúe, por exemplo, na capacidade de pedir unha cita no centro de saúde empregando só medios telemáticos. Ou de acceder a contidos de entretemento, participar nas redes sociais ou sentir seguridade ante posibles fraudes. Afundación dá un paso adiante na súa estratexia, tras máis dunha década enfocada na redución da fenda de acceso aos servizos dixitais por parte das persoas maiores, co lanzamento do proxecto «Igualdade Dixital» cun enfoque máis centrado no desenvolvemento de actividades formativas para mellorar as competencias dixitais.
A plataforma
A web de «Igualdade Dixital» ofrece obradoiros interactivos, guías descargables, vídeos formativos, exercicios prácticos… Abordan temáticas clave como a ciberseguridade, a xestión da identidade dixital e o manexo de ferramentas administrativas básicas. A plataforma, que se pode usar gratuitamente previo rexistro, facilita unha aprendizaxe autónoma e intuitiva, con seguimento dos avances e un test de competencias iniciais para orientar no itinerario. Pero tamén pode ser empregada como recurso didáctico para actividades formativas presenciais de persoas que necesiten ou prefiran unha aprendizaxe guiada. É válida para quen aprende sen ningún coñecemento previo e tamén para quen quere mellorar as súas competencias.
Afundación lanza «Igualdade Dixital» desde a experiencia, despois de formar e asesorar a preto de 42.000 persoas maiores, entre 2015 e 2025, en temas relacionados co uso das tecnoloxías. Avanza así no cumprimento, ademais, dun dos obxectivos do seu Plan Estratéxico: apoiar o acceso das persoas maiores ao coñecemento e os servizos dixitais. Tan só no ano 2025, 1631 persoas recibiron formación en temas relacionados co uso da internet, dispositivos móbiles ou computadores. Afundación conta cun equipo profesional especializado na formación en competencias dixitais e o asesoramento a persoas maiores, ofrecendo un acompañamento integral que lles permite vencer as barreiras, gañar confianza e avanzar con seguridade.
A nova forma da fenda dixital: a fenda competencial
Das 1631 persoas que participaron en 2025 neste tipo de actividades formativas asociadas a proxectos de Afundación, o 62%, un total de 1.012, quixeron mellorar as súas habilidades no manexo de dispositivos móbiles. O indicador contrasta radicalmente co de 2015. Nese ano, só o 11% das persoas que participaron neste tipo de formación optaron por aprender máis sobre o manexo de teléfonos intelixentes. O 89% preferían a formación no uso dos seus equipos de escritorio. Esta evolución reflicte o avance das persoas maiores no uso da tecnoloxía e a súa incorporación maioritaria a internet a través dos dispositivos móbiles.
Neste período, 2015-2025, os indicadores da apropiación das tecnoloxías dixitais melloraron sensiblemente. Así o constatan os datos do Instituto Nacional de Estatística. As persoas de 65 a 74 anos empregan cada vez máis os medios telemáticos na súa vida cotiá. En 2015, só o 20% usaban diariamente internet. En 2025, a media foi do 75%.
Pero o maior uso de tecnoloxías non implica a desaparición das diferenzas entre idades á hora de acceder aos servizos da Sociedade da Información. Desde a área de Maiores de Afundación explican que o que hai anos era unha fenda de acceso converteuse nunha fenda de competencias. Ou o que é o mesmo: as persoas maiores acceden máis a internet, e mesmo un 13% dos de 65 a 74 anos teñen competencias avanzadas. Pero segue sendo necesario apoiar o avance. Un dato: só 4 de cada 10 usuarios da internet desa idade concertaron algunha cita ou fixeron unha reserva en liña no último ano, fronte ao 62% do total das persoas usuarias da internet, sen discriminación por idades, que empregan este tipo de servizos.





















Fixoo no marco do Campionato Galego de Coctelería celebrado no Hostal dos Reis Católicos.
Ocorreu pasadas as 15:30 horas. Un traballador tivo que ser evacuado ao hospital logo de caerlle o tronco dunha árbore enriba mentres realizaba tarefas no monte en Cervo. Aínda que estaba liberado e consciente, precisaba asistencia sanitaria. Os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 trasladárono finalmente ao Hospital de Burela. Neste operativo tamén participaron a Garda Civil e a Policía Local de Cervo.
Subliñou o traballo colectivo, o papel do voluntariado e a participación de arredor de mil corredores. Tamén puxo en valor o impacto económico e social da proba e o apoio institucional que permite o seu crecemento, incluída a difusión en streaming que levou a CAMOVI e a Viveiro a todo o mundo.
O presidente, José Manuel Gómez Puente, destacou o bo tempo e o reencontro do grupo nun percorrido de 22 km entre Pedrafita e Triacastela. A próxima etapa será o 1 de maio, entre Triacastela e Sarria, e xa está aberta a inscrición no teléfono 623 22 68 25.
Ás doce en punto, tres foguetes —un por cada palabra do nome oficial— foron lanzados desde O Castrodouro, capital histórica do termo municipal e orixe da localidade, pois alí, hai 806 anos, Afonso IX concedeu o título de vila e todo un distrito que administrar; episodio histórico do que deriva o nome do concello. Os veciños reunidos mostraron a súa satisfacción pola recuperación da denominación histórica, afirmando moitos deles que nunca deixaran de empregar o nome completo. Do mesmo xeito, os maiores agradeceron aos impulsores da iniciativa a restitución do topónimo que a historia legou ao municipio alfocés.
Viveiro, 20 de abril, 2026. A proba volveu converter Viveiro nun punto destacado do deporte e da convivencia, ademais de supoñer un impulso económico para o municipio. María Loureiro destacou que a Camovi “é un exemplo de colaboración e esforzo colectivo, que sitúa Viveiro no mapa e dinamiza a economía local”. O Partido Socialista lembra o seu apoio histórico á carreira e reafirma o seu compromiso para seguir contribuíndo ao seu crecemento. O PSOE agradece tamén á veciñanza a súa acollida e implicación, fundamentais para que o evento continúe medrando ano tras ano.
Castro destacou o labor da Asociación e o potencial da tradición do ferro como motor económico, social e cultural para Riotorto, subliñando a importancia de impulsar iniciativas que garantan futuro para estes oficios. A Deputación de Lugo mantén unha colaboración estable coa entidade, cunha achega de 14.000 euros. No marco deste apoio, a Asociación avanzou na documentación dos oficios do ferro, catalogando ferramentas, técnicas e a historia das antigas “ferrerías de monte”.



