Advirten de que o estado das instalacións é “moi deficiente” e que o propio expediente prevé un investimento de arredor de 1,5 millóns de euros para melloralas
Xove, 21 de abril, 2026. O PSdeG de Xove denuncia que o goberno local do Partido Popular aprobou no pleno ordinario deste luns a proposta para privatizar a xestión municipal do abastecemento, saneamento e tratamento da auga. As e os socialistas cualifican a decisión de “gravísima”, ao considerar que pretende entregar a unha empresa privada un servizo básico e condicionar o futuro do Concello durante os vindeiros oito anos.
O Grupo Municipal Socialista votou en contra dunha medida que, ao seu xuízo, evidencia que o PP renuncia a asumir a xestión directa dun servizo esencial. Desde o PSdeG sosteñen que, tras vinte anos á fronte do Concello, o alcalde “pretende resolver as deficiencias do sistema non con planificación, investimento e xestión pública, senón apartándose das súas responsabilidades e deixando a auga en mans privadas”.
As e os socialistas advirten de que esta decisión “hipotecará” o Concello durante dúas lexislaturas completas e subliñan que o PP non incluíu esta proposta no programa electoral co que concorreu ás eleccións de 2023. Por iso consideran especialmente grave que se aprobase a un ano das municipais e sen abrir un debate previo coa veciñanza sobre o futuro da xestión da auga.
Desde o PSdeG sinalan tamén que o goberno local deixou ao descuberto a súa incapacidade para xestionar esta área, ao escudarse na falta de persoal e no mal estado das instalacións. Para a formación socialista, esta xustificación constitúe “a confesión dun fracaso político e de xestión” por parte do executivo.
Advirten ademais de que o modelo proposto prevé un forte incremento dos custos. Segundo explican, o prezo actual rolda os 400.000 euros anuais, mentres que a proposta do PP estima un gasto total próximo aos 5 millóns de euros nos vindeiros oito anos, o que supón unha media duns 550.000 euros ao ano. “A pregunta é moi clara: quen vai pagar isto? Pois, como sempre, acabarano pagando as veciñas e veciños de Xove”, denuncian.
O PSdeG subliña igualmente que o estado das instalacións é “moi deficiente” e que o propio expediente prevé un investimento duns 1,5 millóns de euros para melloralas. “A veciñanza vai pagar cos seus impostos o arranxo das infraestruturas e, despois, o Concello vai entregar a xestión a unha empresa privada para que obteña rendemento económico. Ese é o modelo do PP”, critican.
“O alcalde leva vinte anos no cargo sen resolver este problema e agora, a un ano das eleccións, saca da manga unha privatización que condicionará o futuro de Xove”, sostén o PSdeG, que lembra ademais que esta operación reproduce un modelo xa coñecido no municipio, como ocorreu coa privatización do servizo de recollida do lixo.
Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista rexeitou a proposta e defendeu que “os servizos básicos non se privatizan para que outros fagan negocio co que paga toda a cidadanía. O que ten que facer un goberno responsable é asumilos, arranxalos e xestionalos ben, non quitarse de enriba os problemas e deixar que a factura a pague a veciñanza”.
Durante a sesión abordouse tamén a prórroga por un ano do servizo de recollida do lixo, un punto no que o PSdeG se abstivo, deixando clara a súa posición de que, se goberna en Xove, traballará para recuperar a xestión pública deste servizo.




















O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



