A Mariña, 2 de xuño, 2026. A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, xunto a SEGITTUR, presentou este martes en Barreiros o Plan de Impulso para a Creación e Consolidación de Experiencias Agroturísticas, desenvolvido no marco do programa MISEA da Secretaría de Estado de Turismo. A Mariña é o único destino galego seleccionado para esta iniciativa estatal, na que tamén participan a Deputación de Cáceres, Fuerteventura, Deltebre e Valencia, todos eles pertencentes á Rede de Destinos Turísticos Intelixentes. O plan baséase no traballo realizado durante meses con produtores, empresas do sector primario e axentes locais, mediante obradoiros, sesións participativas e procesos de mentoría orientados a crear e mellorar experiencias agroturísticas innovadoras que diversifiquen a oferta turística, atraian visitantes durante todo o ano e contribúan á desestacionalización.
O acto contou coa participación da presidenta da Mancomunidade, Rocío López; da alcaldesa de Barreiros e vicepresidenta da Mancomunidade, Ana Ermida; da directora de proxecto en SEGITTUR, Olga Pérez; e do consultor turístico de GLOBALDIT, Kevin Salvador. Ana Ermida destacou a importancia de que Barreiros acollera a presentación dun plan que reforza a aposta da comarca por un turismo sostible e vinculado ao territorio, subliñando o papel dos concellos na dinamización do rural e na creación de oportunidades para o sector primario.
Na súa intervención, Rocío López agradeceu a confianza depositada por SEGITTUR e pola Secretaría de Estado de Turismo, sinalando que formar parte deste proxecto supón “unha satisfacción e tamén unha responsabilidade”, ao recoñecerse na Mariña o potencial para avanzar nun modelo turístico sostible, auténtico e ligado á identidade do territorio. López puxo en valor o traballo conxunto cos axentes locais e co sector primario, subliñando que o plan permitirá transformar o valor das explotacións agrogandeiras, pesqueiras e agrícolas en experiencias turísticas que conecten visitantes co territorio e xeren novas oportunidades económicas e sociais, especialmente no rural. Tamén insistiu na importancia da cooperación institucional para impulsar iniciativas estratéxicas que definan o futuro do turismo na comarca.
O deputado de Recursos Sostibles da Deputación de Lugo, Francisco Cajoto Caserío, felicitou á Mancomunidade polo traballo realizado e lembrou que a Mariña é a única comarca galega integrada neste proxecto nacional. Destacou o esforzo investido en obradoiros e xornadas para deseñar propostas agroturísticas capaces de atraer novos visitantes e fortalecer o turismo fóra da tempada alta.
O plan presentado aposta por aproveitar as fortalezas do territorio —a combinación de litoral e interior rural, a riqueza paisaxística e patrimonial, a tradición pesqueira e agrogandeira e unha gastronomía de prestixio— para profesionalizar aos produtores como promotores turísticos, mellorar instalacións e servizos, impulsar o emprendemento rural e avanzar na dixitalización e promoción das experiencias. A Mancomunidade conta coa colaboración de entidades como o GDR Terras de Miranda, o GALP A Mariña-Ortegal, o Colectivo de Gastronomía da Mariña, así como da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia.
En paralelo, continúa aberto o prazo de inscrición no curso Emprender no sector turístico na Mariña Lucense, que se celebrará do 6 ao 9 de xullo en Barreiros en colaboración coa Universidade da Coruña, e permanece aberta ata o 12 de xuño a convocatoria para a adhesión de novos servizos turísticos ao SICTED da Mariña, ampliada este ano para incorporar experiencias agroturísticas no marco do proxecto MISEA. Ao acto asistiron tamén representantes da Xunta, concellos da comarca, servizos turísticos e produtores locais.





















Será o sábado 26 de setembro de 20:00–22:30 no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo. Entrada: 34,90 €, inclúe viño seleccionado e aperitivo.
Ás 16 horas deste mércores, o 112 Galicia tivo constancia dunha saída de vía a través do sistema de aviso e-Call do vehículo accidentado. Ocorreu no quilómetro 6 da LU-861, á altura de Santaballa. O propio implicado explicou nese momento que precisaba axuda para saír do vehículo. Nada máis ter constancia, os xestores do 112 Galicia solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros de Vilalba e servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros axudaron a retirar á persoa do vehículo, mais non foi necesario excarcerar.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo participou este martes nos actos programados con motivo da festividade da Patroa de Ribadeo, Santa María do Campo.



