O goberno local mantivo unha xunta de voceiros para tentar consensuar as propostas municipais e defenderá melloras orientadas a reducir o tráfico pesado no núcleo urbano
Viveiro, 2 de xuño de 2026. O Concello de Viveiro formulará alegacións ao estudo informativo e de impacto ambiental das variantes leste e oeste do municipio, actualmente en fase de información pública, co obxectivo de mellorar o proxecto e adaptalo mellor ás necesidades reais da vila. Con este fin, o goberno local celebrou hoxe pola mañá unha xunta de voceiros na que se puxeron sobre a mesa as propostas elaboradas a partir dos estudos técnicos realizados polo Concello e das reunións mantidas cos técnicos municipais e, tamén, cos técnicos da Xunta de Galicia, que se desprazaron a Viveiro para analizar o documento e orientar sobre a viabilidade das modificacións que se pretenden formular.
O propósito do executivo municipal era intentar consensuar estas alegacións co resto dos grupos da corporación para remitilas conxuntamente. Ese acordo non foi posible, aínda que si se contou co apoio e coas achegas do grupo Por Viveiro. Con respecto á falta de unanimidade, a alcaldesa Mariña Gueimunde explicou que «démoslles a todos os grupos políticos a posibilidade de que fixeran as súas aportacións e, unha vez máis, o BNG e o PSOE desmarcáronse do que vai ser unha infraestrutura clave para o desenvolvemento económico de Viveiro a curto prazo; nin sequera fixeron suxestión algunha».
A prioridade segue a ser mellorar un proxecto chamado a ter unha incidencia directa na mobilidade do municipio. O obxectivo é deseñar unha variante que contribúa a sacar tráfico pesado do núcleo urbano e que facilite que os movementos de mercadorías vinculados a Porto Celeiro e á actividade madeireira poidan canalizarse por fóra da trama urbana, co que tamén se reforzaría a seguridade viaria e a funcionalidade das conexións.
Entre as alegacións que se presentarán figura a ampliación dos radios de curvatura nalgunhas zonas do trazado, ao considerar o Concello que esa modificación permitiría mellorar as condicións de circulación nunha infraestrutura deseñada para velocidades superiores ás que se viñan mencionando no debate público. O goberno local entende que esta revisión contribuiría a facer máis axeitado o percorrido desde o punto de vista técnico.
O Concello proporá tamén a incorporación de máis carrís de adiantamento ou tráfico lento naquelas zonas nas que as pendentes así o aconsellen, dadas as particularidades orográficas de Viveiro e o condicionante que supón tamén a liña ferroviaria no deseño da infraestrutura.
Outro dos puntos que o Concello considera necesario revisar é o enlace ao centro de Viveiro. A proposta municipal pasa por estudar a posibilidade de non renunciar a esa conexión, pero trasladándoa cara á zona de Pé de Boi, de xeito que poida conectarse coa avenida de Benito Galcerán. Esta alternativa permitiría analizar unha solución máis funcional sen situar o enlace nun punto menos axeitado para o tráfico.
Mariña Gueimunde destacou que «o Concello está a facer un traballo serio e rigoroso, baseado en informes técnicos e na realidade actual de Viveiro, para presentar melloras que poidan ser estudadas». A rexedora engadiu que «o importante é non perder unha infraestrutura necesaria para o futuro da vila e seguir defendendo unha solución útil, viable e pensada para mellorar a mobilidade, a seguridade e a competitividade do municipio».
O documento, agora en exposición pública, é o marco sobre o que corresponde traballar neste momento e que as alegacións municipais irán orientadas a introducir melloras realistas e tecnicamente sostibles para reforzar o proxecto.





















Ás 16 horas deste mércores, o 112 Galicia tivo constancia dunha saída de vía a través do sistema de aviso e-Call do vehículo accidentado. Ocorreu no quilómetro 6 da LU-861, á altura de Santaballa. O propio implicado explicou nese momento que precisaba axuda para saír do vehículo. Nada máis ter constancia, os xestores do 112 Galicia solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros de Vilalba e servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros axudaron a retirar á persoa do vehículo, mais non foi necesario excarcerar.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo participou este martes nos actos programados con motivo da festividade da Patroa de Ribadeo, Santa María do Campo.
Destacou o apoio da Deputación ao sector primario a través da Granxa Gayoso Castro, centro de referencia en recría, formación e innovación. O evento, organizado pola Asociación Pura Raza Cabalo Galego, incluíu o concurso morfolóxico de distintas categorías —ponis, cabalos do país, cruzados, percheróns, Pura Raza Galega e andadura serrada e chapeada— e unha exhibición de doma de alta escola con eguas de pura raza galega.



