Ribadeo, 25 de xullo, 2026. O vindeiro 12 de agosto Ribadeo será escenario dun fenómeno astronómico excepcional: un eclipse solar que poderá observarse na súa totalidade desde a Mariña. Para o BNG de Ribadeo, esta ocasión debería servir para poñer en valor o patrimonio natural do concello e promover un turismo científico, sostible e respectuoso. Porén, a formación nacionalista considera que tanto o goberno municipal como a Xunta de Galicia están a demostrar unha vez máis a ausencia dun modelo claro, unha falta de autoestima e un grave desprezo polo medio ambiente.
O BNG manifesta a súa profunda preocupación ante a organización dun evento nas inmediacións da praia das Catedrais que inclúe unha pantalla xigante e diversas actuacións musicais, entre elas a dunha orquestra de gran formato. A formación denuncia que esta decisión pon en risco a protección dun dos Monumentos Naturais máis valiosos e visitados de Galicia, priorizando o espectáculo de masas fronte á conservación e ao turismo de calidade. Lembra que a praia das Catedrais xa conta cunha sona internacional consolidada, con aforo completo en tempada alta e unha constante presenza en producións audiovisuais, polo que seguir apostando por unha promoción masiva revela, ao seu xuízo, unha visión turística desfasada.
O BNG critica que o que inicialmente se anunciara como unha actividade para observar o eclipse cunha explicación guiada dun astrónomo de prestixio acabou convertido nunha nova festa promovida polo goberno local. A formación alerta dos riscos de celebrar unha verbena nocturna na contorna superior dos cantís, un espazo protexido e de difícil control, especialmente no que atinxe á seguridade, ao acceso indebido ás zonas sensibles e á posible acumulación de lixo.
A recente clausura temporal da praia por motivos de seguridade, sinala o BNG, evidencia a urxencia de adoptar medidas de protección. Lembra que Ribadeo conta desde 2020 cun Plan Especial de Protección das Catedrais, que prevé un aparcadoiro exterior e un centro de interpretación para ordenar os accesos, mais denuncia que o alcalde Daniel Vega non avanzou na súa implantación en tres anos de mandato.
Para o BNG, esta parálise e a organización dunha macrofesta nun espazo protexido poñen de manifesto a incapacidade do goberno municipal para exercer unha xestión rigorosa. Afirma que o executivo local recorre a festas e propaganda para ocultar a falta de proxecto e de solucións aos problemas reais do concello. A formación insiste en que As Catedrais son un tesouro natural e non un escenario para o autobombo institucional.
Por todo isto, o BNG de Ribadeo:
– Esixe ao alcalde e á Xunta a rectificación inmediata e a reubicación das actividades festivas en espazos urbanos da vila.
– Reclama que na contorna das Catedrais só se desenvolvan actividades de divulgación científica controlada, con aforo limitado e sen impacto acústico nin luminoso.
– Demanda a activación urxente do Plan Especial de Protección das Catedrais para ordenar definitivamente os accesos ao areal.
A formación conclúe que protexer As Catedrais é garantir o futuro de Ribadeo, e que o patrimonio natural non debe poñerse en risco para compensar a falta de xestión dun goberno municipal á deriva.





















Ás 16 horas deste mércores, o 112 Galicia tivo constancia dunha saída de vía a través do sistema de aviso e-Call do vehículo accidentado. Ocorreu no quilómetro 6 da LU-861, á altura de Santaballa. O propio implicado explicou nese momento que precisaba axuda para saír do vehículo. Nada máis ter constancia, os xestores do 112 Galicia solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros de Vilalba e servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros axudaron a retirar á persoa do vehículo, mais non foi necesario excarcerar.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo participou este martes nos actos programados con motivo da festividade da Patroa de Ribadeo, Santa María do Campo.
Destacou o apoio da Deputación ao sector primario a través da Granxa Gayoso Castro, centro de referencia en recría, formación e innovación. O evento, organizado pola Asociación Pura Raza Cabalo Galego, incluíu o concurso morfolóxico de distintas categorías —ponis, cabalos do país, cruzados, percheróns, Pura Raza Galega e andadura serrada e chapeada— e unha exhibición de doma de alta escola con eguas de pura raza galega.



