Coordinado pola doutora María Pilar Rodríguez Ledo, o libro analiza as claves biolóxicas, sociais e ambientais que explican a elevada esperanza de vida en Galicia e conta coa participación de referentes científicos como Ángel Carracedo, África González, Rosa María Meijide ou José María Failde
Santiago de Compostela, 25 de xullo de 2026. Galicia consolidouse nos últimos anos como un dos grandes territorios europeos de lonxevidade. Sobre esta realidade nace Galicia Vive+, unha obra colectiva editada por Ézaro que reúne destacados especialistas en xenética, medicina, inmunoloxía, investigación biomédica e ciencias do comportamento para analizar, desde unha perspectiva científica e divulgativa, as claves dunha vida máis longa e saudable.
A publicación presentarase oficialmente o martes 28 de xullo ás 20:00 no Hostal dos Reis Católicos e contará coa participación de Miguel Santalices, presidente do Parlamento; Antonio Gómez Caamaño, conselleiro de Sanidade; e María Pilar Rodríguez Ledo, coordinadora científica da obra.
Galicia Vive+ inclúe un prólogo do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e achegas de recoñecidos expertos como Ángel Carracedo, José María Failde, Roberto Fernández, Rosaura Leis, Rosa María Meijide, Pablo García Vivanco, África González, Juan Manuel Pías Peleteiro e Fernando Rebollal, todos eles profesionais vinculados ao estudo do envellecemento saudable e da mellora da calidade de vida.
Galicia, un laboratorio natural de lonxevidade
Ao longo dos seus capítulos, Galicia Vive+ analiza os principais factores que explican o fenómeno da lonxevidade galega, integrando evidencia científica recente en biogerontoloxía, epidemioloxía e saúde poboacional. A obra aborda cuestións como a regulación xenética, os procesos inflamatorios asociados ao envellecemento, o impacto da dieta atlántica, a actividade física cotiá ou a importancia do capital social e relacional no benestar das persoas.
O texto propón unha visión integradora da lonxevidade como resultado da interacción entre factores biolóxicos, ambientais e socioculturais. Desde esta perspectiva, conecta os determinantes moleculares do envellecemento cos estilos de vida e o entorno social, ofrecendo unha aproximación rigorosa e baseada na evidencia científica sobre como vivir máis anos e con mellor calidade de vida.
Ciencia, divulgación e ferramentas para vivir mellor
Os diferentes capítulos incorporan estudos de cohortes, datos demográficos e exemplos concretos que axudan a comprender como interactúan a herdanza xenética e o ambiente na extensión da esperanza de vida e, especialmente, nos anos vividos con boa saúde.
Con rigor científico e vocación divulgativa, Galicia Vive+ achega ao lector ferramentas e coñecementos baseados na evidencia para promover un envellecemento activo e saudable, converténdose nunha obra de referencia tanto para profesionais sanitarios e investigadores como para calquera persoa interesada en comprender os desafíos e oportunidades asociados á lonxevidade.
Ademais, o libro pon en valor o papel de Galicia como territorio de referencia internacional na investigación sobre envellecemento e calidade de vida, consolidando un espazo de encontro entre ciencia, sociedade e institucións.
María Pilar Rodríguez Ledo, coordinadora científica da publicación
A obra está coordinada por María Pilar Rodríguez Ledo, médica de familia e doutora en Medicina pola Universidade da Coruña, presidenta da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia (SEMG) e do Comité Territorial de Ética da Investigación de Santiago–Lugo.
Rodríguez Ledo conta cunha ampla traxectoria no ámbito da Medicina Familiar, a investigación e a xestión sanitaria. Foi coordinadora nacional do Grupo de Traballo de Metodoloxía e Apoio á Investigación da SEMG e subdirectora médica da Estructura de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte.
Ao longo da súa carreira participou en máis de 123 comunicacións científicas nacionais e internacionais, publicou máis dun centenar de traballos especializados e dirixiu múltiples teses de doutoramento. A súa labor investigadora e divulgativa foi recoñecida con distincións como o Premio de Innovación SEMG ou o Premio Nóvoa Santos.






















Será o sábado 26 de setembro de 20:00–22:30 no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo. Entrada: 34,90 €, inclúe viño seleccionado e aperitivo.
Ás 16 horas deste mércores, o 112 Galicia tivo constancia dunha saída de vía a través do sistema de aviso e-Call do vehículo accidentado. Ocorreu no quilómetro 6 da LU-861, á altura de Santaballa. O propio implicado explicou nese momento que precisaba axuda para saír do vehículo. Nada máis ter constancia, os xestores do 112 Galicia solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros de Vilalba e servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros axudaron a retirar á persoa do vehículo, mais non foi necesario excarcerar.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo participou este martes nos actos programados con motivo da festividade da Patroa de Ribadeo, Santa María do Campo.



