O pleno extraordinario celebrarase o mércores 15 de xullo
Viveiro, 9 de xullo de 2026. O Goberno municipal de Viveiro levará a próxima semana (o mércores 15) a un pleno extraordinario a proposta de aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Dá o paso despois de acelerar nos últimos meses a súa tramitación e completar os informes preceptivos necesarios para avanzar no documento.
Así o anunciou Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro, nunha comparecencia na que tamén participaron Martín Vale, tenente de alcaldesa, e Bernardo Fraga e Manuel Galdo, concelleiros de Por Viveiro. Gueimunde destacou que o PXOM foi considerado como unha prioridade desde o inicio do actual mandato e que a documentación xa está a disposición dos grupos municipais para o seu estudo antes da sesión plenaria.
A alcaldesa puxo en valor o traballo realizado para axilizar a tramitación dun documento de gran complexidade técnica e administrativa. Neste proceso mantivéronse reunións con varias consellerías, encontros de coordinación entre técnicos da Xunta e do Concello de Viveiro, e contactos co equipo redactor do plan, co obxectivo de resolver requirimentos, detectar posibles atrancos e completar a documentación con garantías.
«Desde o primeiro momento tivemos claro que Viveiro necesitaba avanzar na aprobación dun novo instrumento de planificación urbanística que permitise ordenar o territorio e sentar as bases do desenvolvemento económico e do futuro do municipio», sinalou Gueimunde.
A alcaldesa agradeceu o traballo realizado polos técnicos municipais, o equipo redactor e as persoas que participaron no proceso, e subliñou que a colaboración entre todas as partes foi fundamental para chegar a este punto. Tamén destacou que o Concello actuou para reforzar a tramitación cando foi necesario, entre outras medidas coa contratación de apoio xurídico externo para completar o informe preceptivo que permitise elevar o documento ao pleno.
Mariña Gueimunde definiu a aprobación provisional como «un paso decisivo» para dotar a Viveiro dunha ferramenta urbanística actualizada, capaz de ordenar o crecemento con criterios de sustentabilidade, equilibrio e respecto polo patrimonio natural, a paisaxe e a identidade do municipio.
A alcaldesa incidiu tamén na importancia do PXOM para ofrecer seguridade xurídica á veciñanza, ás empresas e ás persoas que queiran investir en Viveiro. «É unha ferramenta esencial para impulsar o desenvolvemento económico, facilitar novos proxectos, xerar oportunidades e contribuír a fixar poboación», afirmou.
Pola súa banda, Bernardo Fraga, concelleiro de Por Viveiro, cualificou o momento como «histórico» para o municipio e lembrou que Viveiro leva desde o ano 2006 condicionado por unha normativa provisional que, segundo indicou, supuxo «un lastre» para o seu crecemento.
Fraga agradeceu ao equipo de goberno o cumprimento deste compromiso e destacou a implicación de Mariña Gueimunde e Martín Vale na tramitación do documento. O concelleiro de Por Viveiro sinalou que a aprobación provisional do PXOM era unha das prioridades marcadas polo seu grupo e que representa unha oportunidade para abrir unha nova etapa no desenvolvemento do municipio.
O edil explicou tamén que o modelo urbanístico do plan non foi modificado nesta fase para evitar cambios substanciais que obrigasen a retrotraer a tramitación. Segundo indicou, o documento aposta por un crecemento ordenado e sostible, pola rehabilitación, pola mellora da ordenación urbana e pola ampliación de zonas edificables en núcleos rurais e en ámbitos como Covas, Celeiro ou Xunqueira.
Unha vez que o pleno aprobe provisionalmente o PXOM, o documento deberá remitirse á Xunta de Galicia para continuar a súa tramitación. O Concello confía en que este paso permita avanzar cara á aprobación definitiva dun plan chamado a superar anos de provisionalidade urbanística e a abrir un novo escenario para Viveiro.























Cada participante pode presentar unha única fotografía, en papel e formato dixital, seguindo as bases dispoñibles na web da Deputación. A celebración do aniversario inclúe actividades como a Xornada de Degustación da Tenreira de Ancares, unha xornada micolóxica e un obradoiro de rescate na montaña, ademais doutras propostas ambientais e divulgativas nos próximos meses.
Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.



