Viveiro, 5 de xullo, 2026. O Resurrection Fest Estrella Galicia 2026 baixou o pano dunha edición para o recordo. Máis de 140.000 asistentes en Viveiro gozaron durante catro xornadas de 100 bandas repartidas en catro escenarios, confirmando unha vez máis o extraordinario momento que vive o festival e superando as cifras da xa histórica edición do 20º aniversario, celebrada en 2025.
A edición deste ano volveu bater récords de asistencia dentro do propio recinto. A xornada do xoves converteuse no día con maior afluencia de público de toda a historia do Resurrection Fest, reflectindo o enorme interese espertado por un cartel que reuniu algunhas das bandas máis importantes do planeta.
Viveiro volveu acoller algunhas das maiores lendas da historia da música. Iron Maiden, iconas irrepetibles do heavy metal, ofreceron unha actuación destinada a quedar gravada para sempre na memoria do festival. Xunto a eles, Sabaton, unha das bandas máis destacadas do metal contemporáneo; Limp Bizkit, protagonistas do que xa moitos consideran o concerto máis lendario vivido no Resurrection Fest; ou o inconfundible Marilyn Manson, un dos grandes iconos mundiais do rock, fixeron desta unha edición sinxelamente inesquecible.
O festival volve demostrar que transcende o puramente musical para converterse nun motor económico, social e cultural de primeiro nivel. A edición de 2026 xerou máis de 1.500 postos de traballo directos e máis de 4.000 empregos indirectos, cunha repercusión socioeconómica estimada en máis de 50 millóns de euros e un impacto mediático superior aos 60 millóns. En conxunto, o Resurrection Fest Estrella Galicia acada un impacto global superior aos 110 millóns de euros, consolidándose como un dos principais motores culturais e económicos de Viveiro, A Mariña, a provincia de Lugo e toda Galicia.
Estes datos son o reflexo dun proxecto que continúa medrando sen perder a súa esencia. Un festival nacido en 2006 que, vinte anos despois, segue a construírse desde a paixón pola música, pola cultura e por unha comunidade que converteu o Resurrection Fest en moito máis ca un evento: nunha forma de entender a música en directo.
A organización quere agradecer profundamente a confianza e o compromiso de todos os patrocinadores que fan posible este proxecto. De maneira moi especial, ao Concello de Viveiro, á Deputación de Lugo e á Xunta de Galicia, cuxa colaboración resulta fundamental para que o chamado “milagre viveirense” siga sendo unha realidade ano tras ano.
Así mesmo, merece un recoñecemento especial Estrella Galicia, compañeira de viaxe desde a primeira edición do festival e partner estratéxico que acompañou ao Resurrection Fest desde o seu nacemento. O seu apoio constante forma parte inseparable da historia e do crecemento do festival.
Pero, por riba de todo, esta edición volve pertencer a quen realmente fai posible o Resurrection Fest: o seu público. Grazas ás decenas de miles de persoas chegadas desde todos os recunchos do mundo que, un ano máis, demostraron por que esta comunidade é única. O Resurrection Fest existe grazas a todos eles desde aquel primeiro festival celebrado en 2006 e continúa medrando mantendo intactos os seus valores: convivencia, respecto e paixón pola música.
A organización quere destacar tamén o traballo do equipo de Bring The Noise, a promotora do festival. Un equipo humano que dedica os doce meses do ano a preparar con enorme esforzo, dedicación e agarimo un evento que o público goza durante catro días. O Resurrection Fest segue sendo un festival feito a man por amantes da música para amantes da música.
E precisamente co peche desta edición, Bring The Noise xa traballa no Resurrection Fest Estrella Galicia 2027, co obxectivo de seguir facendo medrar un proxecto que ano tras ano continúa elevando o listón e consolidando a Viveiro como unha referencia imprescindible para a música en directo en Europa.
O noso agradecemento esténdese igualmente a todos os provedores, colaboradores e empresas que participan no festival, cunha mención especial á industria galega, amplamente representada nesta edición. Apostar polo talento, os servizos e o tecido empresarial de Galicia seguirá sendo unha prioridade para o Resurrection Fest.
A edición de 2026 volve celebrarse sen incidencias reseñables e deixa para a historia algunhas das imaxes máis espectaculares que viviu a música en directo no noso país. Un festival que continúa medrando, batendo récords e demostrando que desde Viveiro se pode construír un dos grandes eventos musicais de Europa.





















A clientela aproveita esta cita para facerse con artigos de tempada a prezos moi interesantes. É a segunda vez neste mes de agosto que se celebra o Comercio na Rúa en Ribadeo. Para a organización desta campaña Acisa conta coa colaboración do Concello de Ribadeo, Comercio Galego e Xunta de Galicia.
Con motivo desta data tan especial, o alcalde Demetrio Salgueiro, xunto ás concelleiras Tamara Soto e Mª Dolores Meitín, visitouna para felicitala persoalmente e compartir con ela unha celebración tan emotiva. O Concello destacou a alegría e o orgullo que supón chegar ao século de vida e trasladoulle os seus parabéns, desexándolle saúde, felicidade e moitos máis anos rodeada dos seus seres queridos.
Dende as 10 da mañá máis de 170 vehículos ocuparán o aparcamento de Coto ata as 13:30, cando partirán en caravana cara Arealonga. Alí permanecerán ata as 17:00, momento no que iniciarán a ruta pola estrada das praias, regresando ás 18:30 para a entrega de premios e a clausura, prevista para as 20:30. A cita reunirá máis de 300 participantes, con presenza de persoas chegadas de Pamplona, Bilbao e doutros puntos do Estado. O evento, organizado por retroclasicos_barreiros e co apoio do Concello, continúa a atraer amantes dos vehículos clásicos e a dar visibilidade á beleza de Barreiros.
No acto intervirán o autor e Xoan Ramón Fernández Pacios, cronista oficial de Foz. A actividade está organizada pola Federación de Librarías de Galicia en colaboración co Concello de Foz.
Villares visitou a exposición fotográfica dedicada a Calvo-Sotelo, instalada na praza de Pancho Maseda, que forma parte do programa conmemorativo do centenario. A mostra reúne unha selección de imaxes seleccionadas pola propia familia do expresidente para achegar á cidadanía diferentes momentos da súa traxectoria persoal e política. A conmemoración, que se estende ao longo de todo 2026, busca poñer en valor a figura de Calvo-Sotelo e a súa relación con Ribadeo, onde deixou unha importante pegada vinculada, entre outras cuestións, ao impulso de infraestruturas.
Durante case dúas horas desenvolveuse unha conversa aberta arredor do mundo do espírito e do contido da obra, nun encontro ao que asistiu un grupo numeroso de persoas dispostas non só a escoitar, senón tamén a dialogar e compartir reflexións. Tras a intervención inicial de Pepe Peinó como responsable do proxecto, tomou a palabra o escritor Lionel Rexes, quen achegou novas perspectivas antes de abrir o debate ao público. As opinións, argumentos e matices sobre relixión, espiritualidade, Deus e os valores que sustentan a convivencia foron enchendo o espazo nun ambiente participativo e respectuoso, no que as diferenzas quedaron en segundo plano fronte á forza do diálogo, a solidariedade e o afecto.
O alcalde, Dani Vega, fixo un balance moi positivo: “foi un concerto moi especial nun marco espectacular, como é a igrexa parroquial de Ribadeo, e no que o gaiteiro Carlos Núñez encandilou aos asistentes co seu repertorio. Todos os asistentes disfrutámolo moito”. Xunto a Carlos Núñez estiveron o rexedor e as concelleiras de Cultura, Turismo e Seguridade, Begoña Sanjurjo, Marta Saiz e Montse Seijo.



