Burela, 27 Febreiro 2019. Este mércores debátese no pleno do Concello de Burela á aprobación do novo contrato de xestión de residuos, limpeza viaria, limpeza de praias e xestión de punto limpo, no que se presenta un contrato de catro anos con opción a outro máis de prórroga e cun custe anual por riba dos 800.000 €, por riba dos 3 M€ ós catro anos.
Este prezo, a parte de presentar unha significativa subida do mesmo, fai pensar na opción que dende o BNG se ven defendendo dende o inicio da lexislatura, que non é outra que a recuperación da xestión do servizo por parte do Concello de Burela, algo que tanto os nacionalistas coma o PSOE levaban no seu programa eleitoral pero semella que ó equipo de goberno mudou de opinión ou realmente non estaba xa nos seus plans. “Existen informes de costes e sobre a viabilidade da recuperación do servizo, dos que non imos dubidar, pero que semella non afondan o suficiente na análise, non exploran tódalas opcións posibles. É obrigación do equipo de goberno mirar polo interese do conxunto da veciñanza e facer un traballo serio e honesto neste sentido” sinalou Mario Pillado, voceiro do grupo municipal do BNG, que continuou decindo “ o concello veciño de Cervo presta o servizo de forma directa, nunhas condicións obxectivamente mais complexas para o mesmo que as do noso concello. En catro anos nin se plantexou a posibilidade de mancomunalo servizo, a pesar das nosas propostas. Tamén existe a posibilidade de que dende a Mancomunidade de Concellos da Mariña preste o servizo para todos os concellos, tendo en conta que o alcalde é o mesmo tempo presidente deste organismo e éste ten competencias neste ámbito contidas nos seus estatutos, pero tampouco se explorou esta opción” indicou Pillado, para concluír que “é unha cuestión de interese político, que se ve que agora non existe por parte do goberno local, polo que nos cremos que o lóxico é aprazar esta decisión para despois das eleccións e que o equipo de goberno futuro poda traballar con honestidade e seriedade, valorando tódalas opcións ata atopar a mellor para o conxunto da veciñanza”.
O goberno local mostra o seu total pasotismo e falta de rigor ó mando da xestión municipal.
Ademais dese tema, trataronse outros asuntos no pleno extraordinario, como un recoñecemento extraxudicial de crédito, que non tería nada de especial, se non fose porque de novo, un ano mais tarde, o informe de intervención deixa ó descuberto o absoluto desastre na xestión do goberno socialista. O devandito informe fala, de novo, en innumerables ocasións de falta de control do gasto e de que se gasta en determinadas actividades sen consignación orzamentadaria, polo que quedan servizos básicos e de obrigado cumprimento, como a corrente eléctrica, sen pagar.
As áreas ás que se refire o informe están relacionadas neste caso coa delegación de eduación, aínda que tamén festas populares e festexos. “Existes servizos como a Escola Municipal de Música que por non estaren debidamente orzamentados sufriron unha ampliación de ata 30.000 euros na partida correspondente, ou o alumeado de Nadal de 2017-18 que sufriu un aumento duns 15.000 euros” sinalou Pillado. “Recibiron o aviso do servizo de intervención o ano pasado e non fixeron caso absolutamente a nada do sinalado no informe, repetiron os mesmos erros sen a menor preocupación e como consecuencia seguen sen facer fronte a gastos fundamentais como o suministro eléctrico porque levan a cabo gastos sen telos orzamentados” comentou o voceiro do BNG.