Lugo, 7 de marzo de 2019. O voceiro do Goberno da Deputación, Álvaro Santos Ramos, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, o Presidente do Colexio Oficial de Graduados Sociais de Lugo, Manuel Núñez, e a Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, presentaron este xoves o servizo de asesoramento socio-laboral que 95 graduados sociais da provincia prestarán de balde a lucenses en situación de vulnerabilidade e con escasos recursos. Na presentación, que tivo lugar nas instalacións do Colexio Oficial de Graduados Sociais de Lugo, tamén participaron membros da directiva e numerosos colexiados e representantes de diversas institucións da cidade e da provincia.
Este novo servizo adopta unha fórmula pioneira en España ao desenvolverse con apoio institucional. A Deputación de Lugo asinou un convenio co Colexio Oficial de Graduados de Lugo para poder desenvolver esta prestación na provincia cunha achega de 30.000 euros. Así o destacou o Presidente do Colexio de Graduados Sociais, que salientou a importancia da sinatura do convenio de colaboración co organismo provincial para poder difundir o servizo entre todos os posibles usuarios, o que requiría un investimento que non estaba ao alcance da entidade colexial. Este apoio pon de manifesto, como indicou Manuel Núñez, o compromiso da Deputación coa “Xustiza Social”, lema que preside a actividade do Colexio Oficial de Graduados. Tamén quixo agradecer o apoio da Alcaldesa de Lugo, que se volcou no plan en canto o coñeceu e foi a que os animou a darlle cobertura provincial con axuda da Deputación.
Santos Ramos subliñou que “vivimos no medio dun maremagnum administrativo que é moi complexo para as persoas que están suxeitas a esas normas. Este servizo constitúe un vehículo condutor cara un cambio social que garante unha relación fluída entre traballadores e empregados, así como entre cidadáns e a administración. Outro dos piares deste servizo é que é un espazo de consulta fiable e accesible, que vén para quedarse e que constituirá un antes e un despois na prestación de servizos sociais nesta provincia”.
Méndez López valorou que “os servizos sociais están moitas veces saturados e sobrecargados de competencias, cada vez con máis persoas demandantes. Por tanto temos que facer un esforzo neste eido, dinamizando o tecido económico e fomentando a autonomía persoal a través do emprego de calidade, o que necesariamente pasa por un asesoramento axeitado prestado por profesionais expertos”.
López Izquierdo destacou que “viamos que era patente a necesidade de asesoramento e parecíanos fundamental que este servizo se estendera a todo o territorio da provincia. Dotar de asistencia de calidade ás persoas que máis o necesitan encaixa cos obxectivos do goberno da Deputación, que pasa por outorgarlles aos cidadáns e cidadás as ferramentas necesarias para resolver os seus problemas cotiás”.
Un servizo necesario
O servizo de asesoramento desenvolvido polo Colexio de Graduados Sociais parte da necesidade detectada polo colectivo profesional en numerosos traballadores e mesmo pequenas empresas, que debido á crise atópanse en situación vulnerable e con escasos medios para acceder a asesoramento especializado nas materias que máis lles preocupan. Este servizo, de balde para os usuarios e usuarias, ofrécelles a estes cidadáns un soporte no que podan asesorarse sobre as directrices á hora de xestionar as súas cuestións laborais e sobre dereitos ou coberturas sociais, así como trámites e xestións, a través de profesionais expertos nestas materias, como son os graduados sociais.
95 Graduados Sociais para veciños de toda a provincia
O Colexio de Graduados Sociais de Lugo conta con 95 colexiados expertos en Dereito do Traballo e da Seguridade Social, que neste momento son exercentes libres e contan con despachos en toda a provincia, nos que asesoran a diario ao 80% das Pemes e representan tecnicamente ante os Xulgados do Social e Tribunais Superiores de Xustiza a traballadores, pensionistas e empresas.
Eles serán os encargados de prestar este servizo de xeito gratuíto, dispoñible en todas as localidades da provincia de Lugo. Grazas ao apoio da Deputación poderá desenvolverse unha campaña de difusión e información para chegar ao máximo número posible de potenciais beneficiarios. O Colexio de Graduados Sociais ten como obxectivo canalizar unha coordinación cos departamentos de Servizos Sociais dos Concellos da provincia de Lugo, de xeito que lle trasladen as consultas dos veciños ou veciñas nos que detecten necesidade deste asesoramento socio-laboral. O servizo foi deseñado para ofrecer un acceso áxil e rápido, no que os interesados só teñen que solicitar unha cita, indicando cal é a súa zona, e expoñer o motivo da consulta. Logo recibirán o asesoramento directo dun profesional experto nun corto prazo.
Asesoramento en materias sociais e laborais
Entre as cuestións que se poden consultar figuran xestións relacionadas con estranxeiría ou outras materias sobre prestacións da Seguridade Social, relacións e conflitos laborais. Desde pensións de xubilación, invalidez, non contributivas, etc, ata prestacións por desemprego, reclamacións salariais ou despidos. Ademais, o Colexio abre este servizo a colectivos como emprendedores novos ou senior que queiran abrirse camiño no autoemprego e carezan de medios para acceder a un asesoramento de calidade. Neste senso, o proxecto pretende cubrir unha parcela que non poden abarcar no seu conxunto os servizos sociais, que é a atención integral, abranguendo o aspecto laboral ademais do social. Citan como exemplo o dunha persoa que queda en paro e non ten dereito a axudas sociais pero si pode ter dereito a unha prestación por desemprego. Neses casos, explica, necesitará tamén o apoio de expertos en xestións deste tipo para poder canalizar a solicitude o ou ver cales son as súas opcións.























Trátase dunha viaxe para dúas persoas con estancia de catro noites nun hotel de catro estrelas en réxime de todo incluído, voos e equipaxe. O sorteo tivo lugar o pasado mes de xuño.
A cita previa pode solicitarse a través do teléfono 981.928.080 ou da web
En concreto, o sinistro ocorreu na N-634, en Vilaframil. Neste caso, un dos vehículos implicados envorcou e o único ocupante quedou atrapado, polo que necesitou axuda dos Bombeiros de Barreiros para poder saír do coche. Cando foi liberada, a persoa recibiu os primeiros coidados dun equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 desprazado no lugar dos feitos. En relación ao outro condutor implicado no accidente, cómpre destacar que tamén era o único ocupante, resultou ileso e estaba liberado e accesible.
A medida tamén fai que as familias perdan a gratuidad do comedor escolar, asumindo un gasto novo. O Concello reclama recuperar a parada mentres non exista unha alternativa segura e manter tanto o transporte como o comedor gratuíto, pedindo unha solución urxente que non prexudique ás familias de Mántaras.
Un total de 32 participantes déronse encontro nesta segunda edición, demostrando o seu nivel e desfrutando dunha mañá de competición e compañeirismo. Os gañadores das diferentes categorías foron: Antón Pernas (Sub 8), David Bustabad (Sub 10), Xulio Pernas (Sub 12), Deivid Pérez (Sub 14), Manuel Castro (Sub 16) e Breixo Alvite (Sub 18). A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, entregou os trofeos e medallas aos vencedores. O Concello felicita a todas as persoas participantes polo seu esforzo e por contribuír ao crecemento do xadrez no municipio, reafirmando a súa aposta polo deporte, pola participación e por ofrecer novas oportunidades para gozar e aprender.
A proba , organizada polo Club Ciclista Viveiro, reuniu máis de 130 ciclistas e coroou as campioas galegas de todas as categorías femininas -desde infantil ata master-, e aos campions galegos de infantil e cadete. A Praza da Galeguidade acolleu a saída e meta da competición, que se desenvolveu nun circuíto estático de 18,9 quilómetros pasando polo Porto da Gañidoira, a 699 metros de altura.
Trátase de dous MG ZS Hybrid+ Comfort, equipados coa tecnoloxía híbrida autorrecargable Hybrid+, que permite combinar eficiencia e un menor consumo no uso habitual. Segundo os datos do fabricante para este modelo, presenta unhas emisións de entre 113 e 115 g/km de CO₂ e un consumo de combustible de entre 5 e 5,1 litros aos 100 quilómetros, segundo o ciclo WLTP. A adquisición supuxo un investimento de 51.848,50 euros, IVE incluído, financiado a través do Fondo de Compensación Ambiental correspondente ao ano 2026.



