Ribadeo, 2 de outubro de 2019. Do 4 ao 6 de outubro terá lugar en Ribadeo a XVII Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón, que foi presentada esta tarde pola concelleira de Cultura, Pilar González, e pola viúva do dramaturgo, Matilde González. Trátase dunha edición especial porque o seu inicio coincide co décimo aniversario do pasamento de Cortezón. Ata Ribadeo chegarán grupos teatrais de Castro de Rei, Palas de Rei e Vedra.
A edil ribadense dixo que “esta edición ten un carácter especial pois precisamente o día 4 de outubro hai 10 anos do pasamento do autor que homenaxeamos cada ano con esta Mostra. Estamos convencidos de que compartimos co autor de Xelmirez ou A gloria de Compostela a idea do teatro afeccionado como un piar fundamental daquel outro para o que el escribiu. En cada programa da Mostra tentamos mesturar tipos de público, tipoloxía dos textos e mesmo diversificar na procedencia dos grupos aínda que maioritariamente son da provincia de Lugo. A deste ano terá lugar esta fin de semana, como desde hai varias edicións, no Teatro”.
Pilar Otero explicou que “comezamos o venres ás 20.00 horas coa asociación Os Baluros Teatro. É a máis lonxeva das 3 formacións que nos visitan. Orixinouse en 1969, cando un grupo de mozas e mozos de Castro de Rei e Santa Locaia dirixidos pola mestra Olga Vila, montaron a obra Non chores Sabeliña, espertando neles o interese polo teatro. Ao longo destes anos foron pasando polo grupo unhas 50 persoas, superando o número de 250 actuacións as que se fixeron por toda Galiza, Madrid e Cataluña. Traen a Ribadeo a súa obra máis representativa, O Menciñeiro á forza, na que participan varios dos actores e actrices que xa a interpretaran hai máis de 40 anos”.
A concelleira de Cultura seguiu a relatar que “o sábado tamén ás 20.00 horas recibimos a Metátese Teatro, de Palas de Rei que representan Na busca dun traballo. Metátese xurdiu en 1992 coa pretensión de achegar o teatro contemporáneo a todos os públicos, bebendo das correntes máis vangardistas, para interactuar co público e captar o espírito da sociedade actual desde unha perspectiva crítica. E todo isto levado á práctica baixo unha filosofía liberadora e construtiva que emprega o teatro como vehículo para gozar do tempo de ocio. Metátese conta cun amplo historial de montaxes teatrais e organiza a Mostra Internacional de Teatro Amador de Palas de Rei – Teatro no Camiño de Santiago, pola que teñen pasado compañías teatrais de todo o mundo. Coincidindo coa Mostra entréganse os Premios Mácara e Careón, que recoñecen a labor profesional de todos aqueles que dalgún xeito están vinculados ao Teatro Amador. Así mesmo, Metátese colabora xunto con outras entidades da comarca da Ulloa en actividades a prol e na defensa da cultura, o patrimonio e o medio ambiente. Este carácter de dinamizadores culturais tamén o teñen os actores e actrices de Andaravía Teatro, de Vedra, que interpretan o domingo ás 17.30 horas a montaxe para nenas e nenos a partir de 5 anos Brincacontos. Andaravía Teatro é unha compañía de teatro amador impulsada pola Asociación Cultural Papaventos de Vedra, asociación en activo desde novembro do ano 88. Desde aquela teñen no seu currículo moitas montaxes. Do seu labor cultural un dos proxectos máis importantes é a Mostra de Teatro Teatrofilia, referente no teatro amador galego. Esta proposta, Brincacontos, está indicada para público infantil a partir de 6 anos e conta con bruxas, grilos e miñocas no seu elenco. Así que xa saben, se hai pequenos na casa que teñan máis de 5 ou 6 anos poden facer un plan teatral para este domingo. O prezo da entrada é como saben as persoas asiduas de 3 euros”.
Matilde González, a viúva de Daniel Cortezón, sinalou que “cando o Concello puxo en marcha a Mostra de Teatro Afeccionado e lle puxo o nome de Daniel Cortezón, foi unha grande alegría para el. O traballo destes grupos afeccionados que traballan con dificultades, pero con moito entusiasmo son os que axudan a manter vivo o espírito do teatro. Varias das obras de Cortezón foron representadas por colectivos de teatro afeccionado, e digo colectivos pois a maioría das súas obras requiren moitos actores e non é posible ser representadas por un grupo de teatro pequeño”.
González subliñou “a permanente homenaxe e recordo que se lle fai a Daniel Cortezón todos os anos con esta mostra, é neste 2019 máis emotivo posto que o venres, día 4 de outubro, cando comeza cúmprense 10 anos do seu pasamento. Quero das as grazas ao Concello de Ribadeo, á Concellaría de Cultura e moi especialmente a Neves Paz, técnica de Cultura, que é a que ao longo de todos estes anos organizou esta Mostra para que chegue a todos nós e con ela manter o nome de Daniel Cortezón sempre vivo”.
Pilar Otero referiuse a maiores a dous espectáculos infantís que terán lugar xa esta mesma semana: “dentro da programación do APEGO de Ribadeo, a parte da representación do Brincacontos de Andaravía Teatro temos máis propostas para as nenas e nenos. Esta mesma semana terán lugar na biblioteca as dúas última propostas de animación á lectura a partir das artes escénicas que se organizou neste comezo de curso para o alumnado de primaria dos dous centros de ensino, Gregorio Sanz e Sagrado Corazón de Xesús. Parécenos moi importante o contacto dos pequenos coas artes escénicas. Facelo en colaboración cos coles posibilita chegar a un grande número de pícaros que doutro xeito non vería teatro ou contacontos ou música en moito tempo. Esta actividade fai que arredor de 300 nenos e nenas visiten a nosa biblioteca, que é algo que tamén nos interesa. Xa mañá mesmo teatro de marionetas Trécola representa Xogo revolto e o venres Aldaolado fará o propio con A ovella Engracia. Estas funcións forman parte do programa de animación á lectura da Rede de Bibliotecas de Galicia Ler conta moito e xiran arredor da igualdade”.




















Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partirán de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



