Foz, 5 de maio de 2020. O Banco de Alimentos do Concello de Foz atende actualmente a 84 familias con escasos recursos económicos. O número de beneficiarios deste servizo aumentou como consecuencia da situación ocasionada pola pandemia do coronavirus.
A concelleira focense Ana Rojo explicou hoxe que “o Concello de Foz, desde a Área de Servizos Sociais e a través do Banco de Alimentos, estamos a dar soporte a 84 familias con nulos ou escasos recursos económicos. Debido á situación creada polo COVID-19, a perda de emprego, o peche da hostalería, comercios e mercados abocou a moitas familias á demanda do Banco de Alimentos, a maioría delas con bebés e nenos en idade escolar e en etapa de crecemento. É por isto polo que tratamos de dar máis cobertura nos alimentos, que xa se estaban a repartir, incidindo moito máis nos produtos frescos e con máis aporte nutricional, como as proteínas das carnes, do peixe e dos ovos , que se lles inclúen cada pouco no lote que se lles facilita. Tamén as vitaminas, que se encontran nas froitas e verduras, e ademais facemos moita incidencia no leite e noutros lácteos como os iogures e queixo. Tamén lles facilitamos o pan fresco do día e incluso menús preparados para levar, cociñados por restaurantes da zona e institucións de Foz que nolos fan chegar. Mañá mesmo entregaremos lotes de alimentos ás familias, nos incluirán mel entre outros produtos como patacas e cereais para os nenos”.
A edil de Servizos Sociais engadiu que “hai poucos días o Concello de Foz achegou en transporte para a comarca da Mariña 20.000 quilos de patacas e onte volveuse dispoñer dun transporte para traer 3 palés de plátanos para toda a Mancomunidade, e por descontado para Foz. E estanse facendo xestións, xunto co coordinador do Banco de Alimentos, para traer un transporte de carne que doa a Xunta de Galicia, para achegar ás familias esa carne de tenreira e cordeiro, que trataremos de entregarlles despezada e embolsada. Incrementamos tamén os produtos de hixiene, como xel e champú, papel hixiénico, cueiros de bebé e incluso tamén para adultos con incontinencia funcional. E ademais produtos de limpeza tan necesarios para os fogares como deterxente da lavadora, lixivia e fregapratos”.
Ana Rojo destaca que “se está a facer un esforzo importante e necesario desde o noso Concello, facilitando transporte para as achegas do Banco de Alimentos de Lugo, como se fixo nos meses de febreiro, marzo e abril de 8, 9 e 10 toneladas de froitas e verduras procedentes de Valencia e Murcia para a comarca da Mariña, incluído Foz”.
E rematou agradecendo desde o departamento de Servizos Sociais do Concello de Foz “a colaboración desinteresada de empresas, institucións e particulares co Banco de Alimentos do noso Concello. Grazas no nome do alcalde e no meu propio por estar aí dispostos a axudarnos da mellor maneira que saben, con parte do seu traballo”.






















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



