Burela, 22 de xullo, 2020. Con dúas décadas de experiencia como xogador e como unha grande referencia para a Familia Laranxa, Juanma Marrube asumirá a cuarta tempada á fronte do banco do Pescados Rubén Burela FS para seguir pelexando na elite, entre os mellores, en 2020-21. “Será o cuarto ano mantendo unha cultura moi definida de traballo e de xogador. Estou moi contento por esta nova oportunidade dun proxecto continuísta” transmitía así o alfocego a ilusión e ganas por unha tempada certamente diferente, acompañado polo presidente, Manuel Blanco.
Capitaneado pola veteranía de dous baluartes mariñáns, Edu e Matamoros, o equipo laranxa soña con seguir dando pasos no segundo exercicio en Primeira División, xunto a Lucho, Iago Míguez, Álex Diz, Renato, Pitero, Eto’o e Kaluza. “Vai ter unha mestura entre o xogador que coñece o traballo e filosofía do equipo e un prototipo de xogador moi concienciado do que é Burela, con experiencia e galego, ademais doutros que teñen antecedentes no club”, adiantaba o técnico, que en apenas un mes cumprirá 41 anos e toda unha vida dedicada ao fútbol sala.
O vindeiro luns, 27 de xullo, a escuadra do Mariskal comezará a prepararse regresar á competición, para unha liga que arrincará o 5 de setembro: “Levamos moitos meses sen preparación conxunto, sen o aliciente da competencia e da competición, e preséntasenos un horizonte con interrogantes. Será unha pretempada comprimida, xa temos o comezo o 5 de setembro, con tres partidos a primeira semana de liga; teremos que ter moito coidado cos xogadores e tamén en canto ao Covid-19. Temos que estar moi preparados, con moita prevención, coa incerteza de que o calendario poida sufrir cambios axustado ás posibles medidas sanitarias”, reflexionaba Juanma, desexando que o balón volva rodar en Vista Alegre para ledicia de todos e con moitos retos e desafíos por diante.
