Foz, 9 de outubro de 2020. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, di que hai que tombar o expediente de regulación de emprego (ERE) que afecta a máis de 500 traballadores da factoría Alcoa e tamén evitar que paren as cubas da fábrica.
O rexedor municipal focense manifestou que isto “é un pau máis da multinacional Alcoa e desde logo todos vamos estar apoiando aos traballadores e traballadoras e facendo presión. Todas as administracións (Xunta de Galicia e Goberno do Estado) están traballando conxuntamente e, tal como dixo o vicepresidente da Xunta, o ERE presentado nestes termos é presuntamente un fraude de lei. Polo tanto o que temos que facer agora é tombar este ERE, que vén no peor momento posible, cando xa se deron todas as concesións a favor dunha venda ao grupo Liberty e se non era así intermediando a través da SEPI”.
Fran Cajot engadiu: “non podemos permitir de ningún modo que a planta de Aluminio e as cubas paren e máis de 500 traballadores vaian ao paro, cando están no medio da vida laboral, en pleno funcionamento, producindo un aluminio de calidade e cando hai un grupo investidor que ademais de continuar coa produción de aluminio quere ampliar e investir na comarca”.
O alcalde de Foz remata comentando que “temos que estar todos fortes, agora estamos coa mente en Alcoa e nas nosas veciñas e veciños afectados, apoiando e forzando. As administracións deben continuar co seu esforzo e non permitir isto de ningunha maneira, que fagan o que teñan que facer para que o traspaso se faga efectivo e que a fábrica non peche nin pare nin haxa un só despido”.
