No medio dos lóstregos e tronos da tormenta da crise o goberno veuse obrigado a cambiar de rumbo. Non sei se para poñer proa ao temporal, que no caso de galerna non é o máis indicado porque a forza do mar pode escachar con todo o barco, ou se é para poñerse á capa, contando con volver á normalidade dende onde nos deixe o vendaval.
O domingo (16-05-10) saíron os resultados dunha enquisa en El País tratando de explicar as reaccións da poboación, da que quero facer unha interpretación persoal, sen ningún tipo de pretensión solucionadora. Non me vou parar a valorar os cambios na intención de voto entre os partidos maioritarios, porque son normais e responden ás reacción lóxicas do cabreo cidadán cando ve que “a corda rompe sempre polo máis frouxo”. A xente ten dereito a facer cambios emocionais aínda que logo teña que laiarse, arrepentirse ou desenganarse e máis tarde xustificarse baduando en contra dos políticos, personaxes deostados pero necesarios en calquera réxime político. Son reaccións lóxicas, porque cando hai tormenta so queremos que pase axiña e cando volve a calma esquecemos as penurias vividas e pensamos que o bo tempo vai durar para sempre.
Vaia por diante que penso que as medidas tomadas polo goberno son extemporáneas, inxustas e insolidarias, que de momento fanlle pagar a crise aos máis débiles e aos máis inocentes e ás vítimas dunha situación producida pola irresponsabilidade de banqueiros e especuladores que foron salvados cos cartos de todos e agora rinse a gargalladas impoñéndonos as súas leis de mercado e o pago das súas ambicións e avaricias.
Non nos damos conta que todos estamos metidos no mesmo barco; uns co timón, outros nas máquinas, outros na cociña e a maioría na cuberta. Observo que a visión da realidade é diferente dependendo da posición social de cada quen e que tripulación atópase espantada discutindo cada un dos seus propios intereses, sen ver que a mareira pode levarnos a todos ao fondo do mar.
Vexamos o que pensa o universo da enquisa sobre as medidas tomadas polo goberno do Estado.
- Baixar un 15% o soldo dos membros do goberno.- aproba esta medida o 95% dos enquisados. Normal, xa que os políticos son minoría e están moi mal mirados porque existe a sensación de que se aproveitan demasiado dos seus cargos.
- Reducir o 5% o salario dos funcionarios.- Está de acordo o 58%. Neste caso son menos que o resto da poboación e non teñen boa fama e son envexados pola seguridade no posto de traballo, polas vacacións e mal valorados polo pésimo funcionamento das administración públicas de cara aos cidadáns normais.
- Adecuar o número de unidades nos envases dos medicamentos.- Medida aprobada polo 87%. Sempre se viu que o actual sistema é un desbalde e un negocio para as multinacionais farmacéuticas.
- Que as Autonomías e concellos aforren 1.200 millóns.- Apoio do 82%. Existe a idea interesadamente promocionada de que estas administracións son moi dilapidadoras. Agora habería que saber en que van aforrar ¿en servizos sociais?, ¿en educación?, ¿no parque de bombeiros?, ¿en persoal?, ¿nas contratacións temporais?, ¿en festas i eventos varios?. Coñecer os matices pode facer cambiar as opinións.
- Reducións dos investimentos públicos do Estado.- Está de acordo o 53%. A xente pensa que o Estado gasta moito, o cal é certo, pero de onde recorta, ¿das estradas?, ¿das autovías?, ¿do AVE?, ¿dos portos?. ¿non repercutirá isto en máis paro e menos desenvolvemento?.
- Eliminar o cheque-bebé.- En contra o 49%, a favor o 48%. Unha boa mostra de insolidariedade e de que cada quen mira polo seu. Os maiores de 35 anos están de acordo en que se elimine, pois eles xa non van ter fillo, aínda que logo non estarán de acordo en que se conxelen as pensión.
- Redución de 600 millóns da Axuda Oficial ao Desenvolvemento.- Desaprobada polo 53%. Espero que esta maioría entendera ben a pregunta e amosasen a súa solidariedade cos países do terceiro mundo, ¿ou pensarían que desenvolvemento era para nós?.
- Conxelación das pensións.- O 66% en contra. Normal isto vainos tocar a todos máis tarde ou máis cedo.
- En porcentaxes similares e polas mesmas razón a xente oponse á reducións da xubilación parcial e a eliminación da retroactividade da Lei de Dependencia.
É posible que na defensa pechada dos intereses persoais poda suceder que o barco escore demasiado e se vaia a pique. Daquela cada quen terá que enfrontarse solo á tempestade. Os máis fortes han coller os mellores salvavidas, os que teñan sorte han atopar unha boia para seguir sufrindo frío e fame na soidade do océano. Moitos outros morrerán nas fauces insaciables das quenllas. E o dono do barco dando ordes dende terra firme e segura.



















Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
O sindicato denuncia a decisión unilateral da empresa de retirar días de descanso e implantar quendas que dificultan a conciliación. As concentracións serán nos centros de traballo de Foz (Uxío Novoneira s/n) e Ribadeo (Avda. Galicia 27). Lémbrase que non é unha folga e apélase á solidariedade da plantilla para defender as condicións laborais conquistadas.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.



