Lugo, 8 de maio de 2021. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou a ampliación das prazas da residencia pública que a institución provincial ten no concello mariñano de Trabada debido á alta demanda que rexistra, con 20 persoas a día de hoxe na listaxe de agarda.
A decisión de solicitar á Xunta de Galicia o aumento da capacidade asistencial do Centro de Atención a Maiores trabadense en 9 prazas, ata chegar ás 39 persoas atendidas, foi adoptada nunha comisión de seguimento deste servizo provincial presidida por José Tomé e da que forman parte a Deputación e o Concello trabadense. En concreto, na reunión, celebrada este venres na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos, participaron o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, a Alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez, o Concelleiro de Saúde e Deporte desta localidade, Rubén García Freije, e a xefa do Servizo de Benestar da institución provincial.
A Deputación inicia agora o procedemento administrativo para aumentar ata 39 as prazas residencias deste centro para dar resposta “á necesidade social da comarca e tamén á listaxe de agarda que temos para esta residencia, o que demostra unha vez máis que o noso modelo público, de calidade e de proximidade, funciona”, subliña o Presidente. Así mesmo, detalla que “o centro foi construído para poder dar resposta a esas prazas e conta coa capacidade e as infraestruturas o suficientemente amplas para atender a 9 persoas máis sen renunciar aos altos niveis de calidade asistencial que nos marcamos”.
Unha vez que a Deputación reciba a autorización da Administración galega, a Deputación e o Concello de Trabada deberán modificar o convenio especifico entre as dúas administracións para establecer as novas achegas que cada unha delas deberá facer para axudar a sufragar os custes das prazas.
A día de hoxe, o Centro de Atención a Maiores de Trabada conta con 28 residentes, atopándose a día de hoxe máis de 20 persoas na listaxe de agarda. Cómpre lembrar que unha das prazas existentes está reservada para ser ocupada pola vía de urxencia se é necesario.
Ampliación do equipamento
Para poder atender a 39 persoas usuarias no CAM de Trabada serán necesarias un conxunto de actuacións valoradas nun importe de en torno aos 20.000€. Entre elas, destaca o equipamento das habitacións con camas, colchóns e diferente mobiliario necesario para que a estancia sexa o máis pracenteira posible. Así mesmo, proxéctase a ampliación da sala polivalente, que aínda que é ampla e acolledora, farase máis grande para aproveitar mellor o espazo e lograr que aumente en luminosidade ao recibir con esta mellora un maior grao de luz solar directa. Tamén se adecuarán os espazos de almacenamento para adaptalos ás novas necesidades.
Un modelo que pon no centro ás persoas
O Presidente recalca que a crise da Covid-19 ratificou que o modelo asistencial público e de proximidade, que pon no centro ás persoas en non ao negocio, polo que aposta a Deputación de Lugo achega “un plus de calidade na atención aos usuarios e de tranquilidade para as familias, xa que son centros pequenos nos que se garante que os maiores reciben os coidados e servizos que precisan e aos que teñen dereito, preto do seu lugar habitual de residencia. O noso modelo favorece o arraigo dos veciños e veciñas e crea emprego sostible no rural, o que contribúe a fixar poboación”, asegura José Tomé.
“En políticas sociais seguimos asumindo moitas competencias impropias e facémolo porque a Xunta de Galicia non cubre as necesidades da nosa provincia e porque estamos convencidos de que, só así, garantimos a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, sobre todo daquelas persoas con máis risco de exclusión”, explica o Presidente. Neste sentido, destaca que a Deputación non só está abrindo novos centros, senón que estamos ampliando os que temos en funcionamento, polo que damos un paso máis alá na atención social á veciñanza”.
De feito, dende o 2019, a Deputación de Lugo, ademais de dar múltiples pasos para avanzar nos compromisos adquiridos cos concellos en materia de residencias, abriu xa os centros da Fonsagrada e de Castroverde, e neste ano poñerá en marcha os de Pedrafita do Cebreiro, Meira e Navia de Suarna, co que pasará das cinco dotacións actuais -Pol, Trabada, Ribadeo, Castroverde e A Fonsagrada- a oito.
Comisión de seguimento das residencias
Por outra banda, as directoras dos cinco Centros de Atención a Maiores da Deputación mantiveron un encontro cos responsables da área de Benestar Social da institución provincial para actualizar protocolos e poñer en común o desenvolvemento do día a día de cada unha das residencias. Unhas reunións que o mandatario provincial considera “moi importante manter para analizar as particularidades e situacións que se están dando en cada un dos centros, e actuar en base a cuestións firmes e escenarios reais”, explica o Presidente. “Tanto as directoras dos centros, como todo o persoal, un cento de traballadores e traballadoras, están facendo un labor excepcional, con moita dedicación e compromiso”, recalca.























Varios grupos participan en obradoiros de cestería na Devesa e de manualidades en Rinlo, Cinxe e As Anzas. A Área de Benestar Social, Saúde e Familia quere “potenciar deste xeito a convivencia e encher de propostas os locais sociais do noso concello e de entretemento ás persoas que viven nas parroquias de Ribadeo”.
A programación inclúe propostas variadas como cociña, manualidades, cestería, risoterapia, baile e poda, pensadas para ofrecer alternativas de lecer e fomentar un envellecemento activo entre a veciñanza. Desde o Concello destacan que as actividades “están a ter unha resposta moi positiva por parte dos veciños e veciñas”, o que demostra o interese por este tupo de propostas. Neste sentido, poñen en valor a importancia de promover este tipo de iniciativas, xa que “contribúen a promover un envellecemento activo e melloran a calidade de vida das persoas, xa que fomentan a participación social e serven como punto de encontro”.
O tráfico estará regulado por semáforos e está previsto que este venres rematen as obras.
O xurado profesional outorgou o primeiro premio ao Restaurante Ca Vitoriano por “El susurro del llagar”, seguido do Blanco Hotel Spa e de Los Olivos. No xurado popular, o triunfo foi para Los Olivos, acompañados no podio polo Novak Café e A Mar de Fondo. O Concello de Navia destacou o impacto do evento no dinamismo da vila e o papel clave da hostalaría como motor económico e turístico.
Fixoo no marco do Campionato Galego de Coctelería celebrado no Hostal dos Reis Católicos.
O presidente, José Manuel Gómez Puente, destacou o bo tempo e o reencontro do grupo nun percorrido de 22 km entre Pedrafita e Triacastela. A próxima etapa será o 1 de maio, entre Triacastela e Sarria, e xa está aberta a inscrición no teléfono 623 22 68 25.
Ás doce en punto, tres foguetes —un por cada palabra do nome oficial— foron lanzados desde O Castrodouro, capital histórica do termo municipal e orixe da localidade, pois alí, hai 806 anos, Afonso IX concedeu o título de vila e todo un distrito que administrar; episodio histórico do que deriva o nome do concello. Os veciños reunidos mostraron a súa satisfacción pola recuperación da denominación histórica, afirmando moitos deles que nunca deixaran de empregar o nome completo. Do mesmo xeito, os maiores agradeceron aos impulsores da iniciativa a restitución do topónimo que a historia legou ao municipio alfocés.



