BURELA .- A biblioteca do Instituto Perdouro acolleu o acto académico de clausura das actividades do Proxecto de Innovación Educativa destinado ao fomento dos usos da lingua galega no termo municipal de Burela. Coa intervención de Cristina Rubal, Vicedirectora Xeral de Planificación e Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, finalizou un acto moi emotivo no que se homenaxeou a tres colectivos moi destacados no compromiso co noso idioma propio: Sofía P. Lestao (da hostelaría), Albano González Cancio (director da Banda de Música Dambara) e Rosana Carballés (en representación do Burela F.S.). Previamente tiñan intervido a coordinadora do proxecto de innovación educativa, a profesora María José Andión; o director do Instituto, Juan G. Sama; o cronista oficial da localidade, Benjamín González; e o alcalde de Burela,Alfredo Llano.
O programa de actividades comezou ás 6 da tarde, coa visita á Escola Infantil de Burela, unha das máis antigas de Galicia e que leva aplicando o Modelo Burela dende os seus inicios, agora feito realidade e dado a coñecer polo noso Proxecto. Cristina Rubal visitou as instalacións por espazo de media hora, acompañada por Teresa Quelle, directora da Escola, e comprobou “ in situ” os métodos de traballo do equipo docente.
Media hora máis tarde, a representante do goberno galego desprazouse ao cemiterio parroquial, onde visualizou os textos de diversas lápidas e mostrou a súa admiración polo labor de dinamización do Proxecto de Innovación do Instituto Perdouro.
Ás sete da tarde, celebrouse o Encontro Letra Viva no IES Perdouro, un acto que contou coa participación de representantes da vida social da localidade. Entre outras personalidades, estiveron presentes a presidenta da Asociación de Veciños “O Vencello”, os presidentes da Sociedade Deportiva Burela e do Clube de Baloncesto Burela e da Asociación de Sendeirismo “Pasada das Cabras”.
Tras a exposición da memoria de actividades, realizada pola profesora María José Andión (coordinadora do Proxecto), os participantes visualizaron a proxección da participación do lingüista hindú Anik Nandi nunha das actividades do Modelo Burela e tributaron unha merecida homenaxe aos promotores do uso lingüístico normalizado nas áreas do deporte, a música e as actividades comerciais. O público acolleu moi vivamente as intervencións de Sofía Prieto, Albano González e Rosana Carballés.
No mesmo acto, en representación do Cronista Oficial de Foz, os integrantes do Proxecto Educativo entregaron a Neves Cando (Concelleira de Cultura), Alfredo Llano (Alcalde) e Benjamín González (Cronista Oficial de Burela) a copia do pregón das Festas Patronais da localidade escrito e pronunciado en 1986 polo poeta Manuel María.
Finalizado o acto académico, os responsables do Proxecto de Innovación convidaron a unha Cea “Modelo Burela” á representante da administración autonómica. O acto gastronómico celebrouse no Restaurante Miranda, do porto de Burela, onde puideron visualizar un novo xeito de comunicación posto en práctica polo deseñador local Xosé Miranda.
TEXTO DO DISCURSO DA COORDINADORA DO PROXECTO
Subdirectora Xeral de Política Lingüística, Alcalde, Concelleiros e Concelleiras, Equipo directivo, representantes das entidades colaboradoras, compañeiros e compañeiras, reunímonos hoxe aquí cun obxectivo común: A LETRA VIVA, A LETRA GALEGA VIVA XUNTO COAS DAS OUTRAS LINGUAS.
Isto é o que pretendemos día a día os compoñentes do Proxecto de Innovación Lingüística elaborado xa dende hai catro anos e que hoxe continúa coa súa proposta firme de dar a coñecer tanto á comunidade educativa como á sociedade en xeral e, en particular, aos habitantes deste pobo burelés, cómo se vai afianzando a nosa lingua nos distintos sectores da vida cotiá: na administración, no audiovisual, no ensino, na relixión, no deporte, nas artes, no comercio, na hostalaría,… Todo isto veu demostrándose co traballo destes anos. Neste último, no curso 2009-2010, continuamos o percorrido, con novas etapas: levamos o audivisual Modelo Burela por Galiza e alén das nosas fronteiras.
Dende que a mediados de decembro do 2009 Política Lingüística concedeu ao noso Proxecto un accésit o Modelo Burela non fixo máis que percorrer quilómetros e quilómetros para difundir a realidade plurilingüe coa que convivimos sen ter que renunciar ao galego.
Comezou viaxando a Madrid o 26 de xaneiro de 2010 da man de Bernardo Penabade e Matías Nicieza para inaugurar o ciclo “Documentales sobre la memoria” coa presenza do rector da Universidade Complutense.
Ao día seguinte, recibíamos en Burela a tres representantes do Concello de Vigo, encargadas dos departamentos de nomalización lingüística e de inmigración. Aquí puideron coñecer de primeira man o noso Proxecto e as actividades levadas a cabo ata daquela, interesándose principalmente no método empregado para a integración dos inmigrantes.
O día 30 do mesmo mes asistíamos en Santiago de Compostela catro membros do PIL a presentar o noso Proxecto nas
XORNADAS DE FORMACIÓN PARA O PROFESORADO QUE PARTICIPA NOS PROXECTOS DE INNOVACIÓN LINGÜÍSTICA DOS CENTROS DE ENSINO PREMIADOS POLA SECRETARÍA XERAL DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA (2009-2010)
Xa no propio Centro, en febreiro, comezamos novas actividades para continuar co proceso de dinamización do galego. A profesora de informática, Esperanza Pernas, fixo co seu alumnado un blog que se irá completando cos integrantes do proxecto, colaboradores especiais e con vínculos ás páxinas das entidades coas que colaboramos (Concello de Burela, IES Monte Castelo, Instituto Sanxillao de Lugo, Consellaría de Educación e Secretaría Xeral de Política Lingüística, Universidade de Santiago, en concreto, coa Facultade de Ciencias da Educación, Deputación da Coruña, Concello de Vigo, AMESDE, Centro Social O Pichel de Santiago, Centro Social A Esmorga de Ourense, A. C. Foucelhas de Ordes ou a A. C. de Trabada, entre outros).
Ademais, demos as pautas para a Xornada de dinamización. En grupos de dous ou tres integrantes do PIL conseguimos ter datos actuais sobre o emprego do galego en distintos ámbitos (necrolóxicas, música, centro de saúde, deporte, comuñóns, casamentos civís e relixiosos) cos que faremos unha publirreportaxe para dar a coñecer os datos á sociedade.
O 2 de marzo, co obxectivo do Modelo Burela de difundir as linguas estranxeiras, contamos coa presenza de Mª Helena Fidalgo de Lemos, profesora de Artes no IES Monte Castelo, natural de Mozambique, dun pequeno pobo onde se fala galego-portugués.
Neste punto do desenvolvemento do Proxecto, os integrantes do PIL están investigando e buscando os interlocutores axeitados para que lles den a información sobre o emprego do galego nos últimos tempos nos distintos campos.
E o Modelo Burela achégase a centros de ensino de concellos veciños, como é o caso de Xove ou Viveiro.
Todo este traballo vese recompensado unha vez máis por un novo premio ao Modelo Burela, o que a Fundación Lois Peña Novo outorga ao Concello de Burela pola integración lingüística a través do Proxecto cuxo berce é o IES Perdouro. O día 30 deste mes de xuño, representantes do Concello, deste Centro e doutros colectivos acudiremos para recoller o premio ao Castelo de Soutomaior.
E para dar testemuño da implicación dos nosos colaboradores na difusión do Proxecto contamos aquí e agora cunha moi boa representación da sociedade á que nos diriximos:
– ROSANA CARBALLÉS FERNÁNDEZ, xogadora do C.D. Burela Fútbol Sala feminino. Nada en Caracas (Venezuela), pertenceu aos equipos de Fútbol Sala de Foz, Xove e Funeraria Apóstol. O seu palmarés é de envidiar: Subcampiona galega infantil (1998), Campiona de España coa selección cadete (2002), Campiona e subcampiona da liga autonómica (2005 e 2006 respectivamente) e na tempada 2008-2009 conseguiu con C.D. Burela F.S.F. o ascenso á División de Honra na que este ano quedaron en sexta posición. Ela e todos os compoñentes do equipo levan o Modelo Burela por España adiante semana tras semana.
– SOFÍA PRIETO LESTAO, rexenta a cafetería-bar A Fazenda aquí en Burela, especializado en cafés e petiscos creativos. Barista profesional, Campiona galega no 2008, terceira clasificada no campionato nacional de baristas 2008-2009 e, por fin, Campiona de España de Catas de café 2009. Agora mesmo estará xa en Londres onde competirá cuns 55 países polo título Mundial.
Desexámoslle moita, moita sorte e mostrámoslles a conversa que con mantivemos con ela o martes no seu lugar de traballo onde o galego rezuma por todas partes.
– ALBANO GONZÁLEZ CANCIO, director da Banda Dambara de Burela. Bo coñecedor do que o Modelo Burela significa, sempre disposto a colaborar nas actividades do Proxecto, este ano ten que estar moi contento por cumprirse dez anos da creación da Banda. Coa súa presenza aquí queremos darlle as grazas por camiñar con pezas musicais representativas de distintas linguas por Burela e fóra de aquí. Esta é só unha moi pequeniña homenaxe que terá continuación a principios do curso que ven.
Deste xeito, damos por rematado o II Encontro Letra Viva. Grazas a todos pola vosa colaboración, grazas polo apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, do Concello, do Equipo directivo, dos colaboradores e de todos os compañeiros e compañeiras que ano tras ano axudades a que este Proxecto siga adiante. Esta fin de semana redactaremos o Proxecto para o próximo curso, do que vos informaremos no Claustro do martes 29 de xuño para ser levado posteriormente ao Consello Escolar contando co respaldo do Equipo de Normalización Lingüística do Centro.
DISCURSO DE ALBANO GONZÁLEZ
Sra. subdirectora xeral de política lingüística, señor Alcalde, señoras concelleiras e concelleiros, equipo directivo, compañeiras e compañeiros educadores, veciñas e veciños, amigos todos na música…
Fálolles no nome da asociación á que pertenzo.
A asociación cultural musical DAMBARA naceu como un grupo de amigas e amigos aos que lles gustaba a música. Hoxe, somos máis de medio cento de socios, e contamos cunha escola de música propia. O que nós facemos é música de todo o Mundo vista dende o noroeste penínsular, con instrumentos galegos. Así, entendemos a música como unha língua universal, máis representativa de cada xeografía na que naceu e na que vive.
No noso repertorio, asemade de muiñeiras, jotas ou alboradas, podemos atopar pezas senlleiras da historia da música universal, coma yesterday de John Lennon e Paul McCartney, Aida de Verdi, “Yo te quiero dar” de La Mosca, ou La Saeta de Joan Manuel Serrat., asemdade do repertorio de compositores galegos e universais coma Gustavo Freire (Airiños Aires), ou Pascual Veiga. Tamén temos un nutrido número de obras portuguesas e da Raia, froito dos contactos que temos con bandas de Setúbal, Sines (famfarra dos bombeiros voluntarios), Almada, Évora,…
Na actualidade, a banda, compartindo na esencia os principios do noso benquerido “Modelo Burela”, e entendendo que a música é un excelente elemento de relación e unión dos pobos e de integración, temos programadas diferentes actuacións para os seguintes meses e para o ano que ven: na cidade de Córdoba, en Sines (posible actuación no Festival Músicas do Mundo), en Asturias (Festival Intercéltico de Cangas de Onís e de Luarca), etc.
E é que a multinacionalidade está tamén presente nas fileiras da nosa asociación, pois temos ou tivemos integrantes chegados de Andalucía, Castela, Perú, Portugal,…
A banda podemos dicir que imita con exactitude o Modelo Burel asa dende o noso nome: DAMBARA significa percusión en persa, e quixemos que así se chamase porque pensamos que non é necesario nomear cun nome galego á arte que nós facemos. Temos claro que facemos música universal, máis sempre cunha afinación e cun pouso galegos.
Outra particularidade da nosa banda é que está formada por integrantes moi heteroxéneos, e cun amplo espectro de idades, que van dende os 2 anos ata os 75 anos; e é tamén importante destacar que tanto a directiva coma máis da metade dos membros son mulleres. Mulleres traballadoras, que despois de atender ao seu labor diario ou á casa e aos fillos, sempre sacan tempo para vir ensaiar, para logo poder levar a cultura do noso país, e a nosa forma de entender a música polo Mundo adiante.
Sen máis que dicirlles conclúo felicitando ás miñas compañeiras e compañeiros da banda felicitándoos porque penso que a agrupación nosa tamén podemos dicir que é netamente 100% MODELO BURELA, e tamén quería felicitarvos a vós, compañeiros que creastes este modelo de planificación lingüística pola grandísima labor de divulgación da nosa lingua que están a facer. Pois se é certo que todas as linguas son importantes, a nosa, a que nos ensinaron os nosos avós, a que falaban os nosos gaiteiros, tamén o é… para falar na festa, na feira, na casa, e en moitos sitios máis…




















A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
Pasada a medianoite, un vehículo saíuse da vía na N-634. Como consecuencia do impacto, tres persoas resultaron feridas. Da asistencia sanitaria ocupáronse os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil de Tráfico da seguridade na vía. Os Bombeiros de Barreiros tamén acudiron, sen embargo, ningún dos feridos estaba atrapado.



