A Mariña, 29 de xullo de 2022. A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense colabora na mellora da sinalización turística do legado indiano en Ourol a través de placas con códigos QR e un folleto para ampliar información sobre 17 edificacións. A información estará dispoñible na web de Turismo da Mancomunidade e a publicación na Casa do Concello ourolesa e tamén nas oficinas de turismo da comarca. A iniciativa, que se enmarca no Plan de Sostibilidade Turística, ten por obxectivo revalorizar o patrimonio e a historial local.
No día de hoxe o presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, Francisco Cajoto, acompañado do alcalde do Concello de Ourol, José Luis Pajón, de Pilar García Porto, en representación da Deputación de Lugo, Paloma Vázquez por parte da Xunta de Galicia e Isabel Rodríguez, subdelegada do Goberno en Lugo, visitaron o concello ourolense para coñecer os resultados dos traballos en torno á Ruta Indiana en Ourol, unha nova proposta turística e cultural para revalorizar o patrimonio e a historia local.
Cajoto explicou que “con este proxecto colabora a Mancomunidade a cargo da liña de mellora da sinalización turística no destino dentro do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense, convenio subscrito entre a Mancomunidade, a Axencia de Turismo de Galicia da Xunta e a Secretaría de Estado de Turismo, co apoio da Deputación de Lugo. Esta iniciativa encádrase dentro dos obxectivos do PST na Mariña Lucense, como é impulsar un desenvolvemento turístico sostible no territorio poñendo en valor o seu patrimonio cultural e natural para frear a perda demográfica especialmente nas áreas rurais axudando a redistribuír o gran fluxo de persoas que se concentran no litoral”.
O presidente da Mancomunidade indicou que “a ruta propón un percorrido polo patrimonio indiano máis destacado do municipio de Ourol, abarcando quince fermosas vivendas, as antigas escolas de Merille e Vicente Casavella (hoxe Casa do Concello) e o emblemático Cemiterio de Xerdíz, construído en 1908. As dezasete edificacións atópanse identificadas con placas que conteñen códigos QR que permiten acceder á información descritiva situada na web oficial de turismo da Mariña Lucense (amarinalucense.gal), polo que tamén terán acceso a ela todas as persoas que entren nesa páxina”.
O alcalde de Ourol, José Luis Pajón, lembrou que “por desgraza este concello, coma moitos mais de Galicia, sufriron o problema da emigración, aínda o sofren hoxe en día. Entonces esta xente que foi sobre todo para Cuba, que fixo fortuna alá, que lles foi moi ben, que tiveron negocios, empresas, pois reverteron aquí para demostrar un pouco a capacidade económica que tiñan naquel momento facendo unhas edificacións moi bonitas e grandes. Aquí temos unhas cantas no noso concello que queremos poñer en valor porque queiras ou non é un patrimonio que temos aquí, que de momento case era descoñecido, era coñecido pola xente de aquí nada máis, pola xente da zona”. O rexedor agarda que se convertan nun reclamo turístico.
Fran Cajoto subliñou que “se trata dunha proposta integradora do patrimonio local, que achega aos visitantes -a través da arquitectura- a unha parte imprescindible da historia da Mariña Lucense: a emigración a América e o relevante legado que os emigrados deixaron no territorio. Para promover esta nova iniciativa, creouse unha imaxe de marca desta ruta e editouse un folleto bilingüe galego-castelán, que estará dispoñible na Casa do Concello de Ourol e nas oficinas de turismo da Mariña Lucense”. Dende a Mancomunidade estúdase a posibilidade de continuar este traballo, que xa se iniciou previamente en concellos coma Ribadeo cunha aposta firme polo seu legado indiano, no resto de municipios con destacado patrimonio relacionado.
Saídas guiadas nun autobús de época
Por outra banda, o Concello organiza na fin de semana do 6 e 7 de agosto, saídas guiadas gratuítas nun autobús de época, nas que o vehículo percorrerá algúns dos puntos máis significativos do roteiro, acompañando aos viaxeiros nunha singular viaxe no tempo. Ofertáronse catro saídas o sábado 6 e dúas o domingo 7 cun total de 96 prazas que se completaron en cuestión de horas.
O alcalde ourelés destacou a acollida da iniciativa: “cando abrimos as inscricións creo que ao segundo día xa apenas quedaban prazas, a verdade é que a acollida foi estupenda, eu case estaba un pouco sorprendido, entonces eu augúrolle bastante éxito a isto. O primeiro día, que é o 6 de agosto, vamos rematar aquí a xornada cun pequeno concerto con boleros, tangos, cancións típicas do Caribe e de Sudamérica”.























Foz será o protagonista do programa Voces de Lugo, de RadioVoz, que se emitirá en directo de 12 a 14 horas desde a cafetería Marexada para toda a provincia. Félix Jorquera charlará co alcalde, Fran Cajoto; coa concelleira de Cultura e Facenda, Inés López; con Pura García, que é directiva de Acia Foz-CCA; con Carmen Alonso, presidenta do Celtas de Foz; e coa dona da cafetería Marexada, Palmira Andrade. Con eles fará un balance do verán, analizará os proxectos para os vindeiros meses e tamén o momento polo que atravesa o deporte local.
Trátase dunha viaxe para dúas persoas con estancia de catro noites nun hotel de catro estrelas en réxime de todo incluído, voos e equipaxe. O sorteo tivo lugar o pasado mes de xuño.
A cita previa pode solicitarse a través do teléfono 981.928.080 ou da web
A medida tamén fai que as familias perdan a gratuidad do comedor escolar, asumindo un gasto novo. O Concello reclama recuperar a parada mentres non exista unha alternativa segura e manter tanto o transporte como o comedor gratuíto, pedindo unha solución urxente que non prexudique ás familias de Mántaras.
Un total de 32 participantes déronse encontro nesta segunda edición, demostrando o seu nivel e desfrutando dunha mañá de competición e compañeirismo. Os gañadores das diferentes categorías foron: Antón Pernas (Sub 8), David Bustabad (Sub 10), Xulio Pernas (Sub 12), Deivid Pérez (Sub 14), Manuel Castro (Sub 16) e Breixo Alvite (Sub 18). A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, entregou os trofeos e medallas aos vencedores. O Concello felicita a todas as persoas participantes polo seu esforzo e por contribuír ao crecemento do xadrez no municipio, reafirmando a súa aposta polo deporte, pola participación e por ofrecer novas oportunidades para gozar e aprender.
A proba , organizada polo Club Ciclista Viveiro, reuniu máis de 130 ciclistas e coroou as campioas galegas de todas as categorías femininas -desde infantil ata master-, e aos campions galegos de infantil e cadete. A Praza da Galeguidade acolleu a saída e meta da competición, que se desenvolveu nun circuíto estático de 18,9 quilómetros pasando polo Porto da Gañidoira, a 699 metros de altura.
Trátase de dous MG ZS Hybrid+ Comfort, equipados coa tecnoloxía híbrida autorrecargable Hybrid+, que permite combinar eficiencia e un menor consumo no uso habitual. Segundo os datos do fabricante para este modelo, presenta unhas emisións de entre 113 e 115 g/km de CO₂ e un consumo de combustible de entre 5 e 5,1 litros aos 100 quilómetros, segundo o ciclo WLTP. A adquisición supuxo un investimento de 51.848,50 euros, IVE incluído, financiado a través do Fondo de Compensación Ambiental correspondente ao ano 2026.



