García Porto o anunciou que a Xunta de Goberno adxudicou estes venres uns traballos que beneficiarán aos concellos de Xermade, Pedrafita do Cebreiro, Burela, Antas de Ulla, A Pastoriza e Sober
Lugo, 19 de agosto de 2022. A Deputación de Lugo aprobou este venres un novo investimento por preto de 1,3M€ para a mellora da rede de estradas provincial. Así o anunciou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, tras a reunión da Xunta de Goberno, na que se acordou adxudicar obras en seis vías que discorren polas comarcas de Lugo, a Terra Chá, A Montaña, A Mariña, A Ulloa e a Ribeira Sacra.
García Porto lembrou que a rede viaria provincial da Deputación de Lugo “é a de maior extensión de toda España e para o seu acondicionamento e mellora destinamos moitos recursos económicos”, recordando que “nos Orzamentos deste ano 2022 están consignados máis de 17M€ para estas vías, o que representa preto do 20% do presuposto total da institución”.
“Cumprimos a palabra dada”
Por concellos, a voceira socialista explicou que en Xermade a Deputación adxudicou por case 300.000€ os traballos de mellora do último tramo que falta por acondicionar da estrada de Momán ás Pontes, a LU-P-2204. Trátase do treito que vai do punto quilométrico 8,340 ao 9,802. A empresa Francisco Gómez y Cía SL foi a adxudicataria e ten un prazo de execución de 7 meses.
“O Presidente da Deputación comprometeuse a rematar esta estrada neste mandato e, con este paso que damos hoxe, cumpre a súa palabra: Os 9 quilómetros da vía de Momán ás Pontes estarán renovados no ano 2023”, recalcou. A institución provincial investiu máis 1,3M€ nesta vía que vertebra o concello de Xermade e esa zona da provincia con As Pontes e con Santiago de Compostela.
En Pedrafita do Cebreiro deuse luz verde á adxudicación da mellora do tramo que restaba para completar o acondicionamento da LU-P-1301, que conecta este municipio da Montaña con Seoane do Courel. Estes traballos, que levará a cabo a empresa Vazper 3SL, teñen un investimento de 275.000€ e un prazo de 5 meses de execución. “Con esta actuación, cumprimos tamén o compromiso manifestado polo Presidente da Deputación de ter completamente renovada neste mandato esta estrada tan importante, á que en total destinamos máis dun millón de euros”, explicou García Porto.
A Deputación de Lugo tamén mellorará a estrada da Marosa, a LU-P-1510, que conecta San Cibrao con Burela no seu tramo inicial, dende o comezo da vía ata o punto quilométrico 9,301, cun orzamento de 123.420€. A empresa Carferlo SLU realizará a obra que ten un prazo de execución de 3 meses.
En Antas de Ulla sacouse adiante a adxudicación á empresa Francisco Gómez y Cía SL do contrato para acometer as obras da LU-P-4002, de Palas de Rei a Antas por Ponte Mercé. A esta actuación, que afecta ao tramo comprendido entre o punto quilométrico 10,470 e 11,614, destínanse máis de 100.000€ e conta cun prazo de execución de 3 meses e 2 semanas.
Na Pastoriza, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación da mellora da LU-P-4401 no seu tramo inicial ao seu paso polo centro urbano do municipio, coñecido como Avenida Principal. A Deputación destina 350.000€ para dotar de novas beirarrúas ás marxes da vía, rehabilitar o firme, instalar nova sinalización mediante marcas reflexivas brancas e mellorar a iluminación.
García Porto explicou que “con este proxecto completaremos as obras de mellora que xa se están acometendo cun investimento de máis de 300.000€ para rexenerar -por tramos- o firme de preto de 11 quilómetros desta vía e a pintura da totalidade da estrada”.
Finalmente, no concello de Sober quedou adxudicado o acondicionamento dun novo treito da LU-P-5903, que conecta o núcleo soberino e Doade, comprendido entre os puntos quilométricos 12,845 e 15,350. Estes traballos contan cun orzamento de máis de 133.000€ e un prazo de execución de 3 meses.
“Esta actuación, na que se van hormigonar as cunetas á altura do núcleo de Vilachá, completa as obras que adxudicamos ao longo deste mandato nesta estrada cun investimento total duns 200.000€”, recordou a voceira, e anunciou que nos vindeiros días está previsto que comecen traballos de acondicionamento nesta estrada, neste caso entre os quilómetros 13,740 e 14,480.
A Deputación cos concellos
Por outra banda, a Xunta de Goberno tamén deu luz verde ao convenio de colaboración a través do que a Deputación de Lugo lle aportará 307.500€ ao Concello de Castroverde para o acondicionamento e ampliación do Centro Multiusos situado na vila, unhas instalacións nas que se desenvolve gran parte da actividade sociocultural do municipio.
“A achega que facemos dende a institución provincial supón a metade dos 615.000 euros de investimento que é necesario en total para acometer esta importante actuación, coa que o Concello de Castroverde poderá ofrecer máis e mellores servizos ós seus veciñas e veciñas”, sinalou a Deputada.
Así mesmo, quedou aprobado un convenio de colaboración coa Confederación de Empresarios de Lugo por un importe de 60.000€ para desenvolver o proxecto CEL Expansión 2022. Trátase dunha liña de traballo dirixida a fomentar a expansión das empresas lucenses, recuperando a súa proxección exterior.
“Reforzarase de xeito extraordinario o asesoramento en materias como axudas, mercados exteriores e outros incentivos para a mellora da súa competividade e posición en novos mercados. Esta actuación enmárcase na situación internacional derivada da guerra en Ucraína”, explicou García Porto.
Axudas pioneiras por coidar o medio ambiente
O Goberno provincial aprobou así mesmo na súa reunión semanal a resolución provisional das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común beneficiadas polas axudas económicas convocadas pola Deputación dentro do proxecto europeo Life in Common Land que ten en marcha para promover a conservación e o desenvolvemento sostible do territorio da Serra do Xistral.
O total da liña de axudas alcanza os 300.000€, que recibirán 10 comunidades de montes veciñais dos concellos do Valadouro, Xove, Muras, Ourol e Viveiro. “Con estas subvencións, que sacamos en réxime de concorrencia competitiva, o que facemos é recoñecer e retribuír o traballo e as boas prácticas que fixeron os comuneiros e comuneiras a través da súa actividade gandeira para manter e mellorar os hábitats de turbeiras e queirogais húmidos do Xistral, un conxunto de hábitats que é único na Europa continental”, explicou a voceira socialista.
Trátase de pagos compensatorios polos resultados de conservación realizados ao longo dos anos 2019, 2020 e 2021. García Porto sinalou que se trata “dunha medida pioneira no noso país, e que, a raíz desta experiencia, poderase replicar noutros territorios de España e de Europa. É dicir, queremos que esta experiencia piloto, de pagar por conservar o medio ambiente, non se quede aquí, senón que continúe e que se implante noutras zonas”.
A Deputación de Lugo promove moi diversas iniciativas para aproveitar a riqueza medioambiental da provincia, como unha oportunidade para dinamizar a economía vinculada ao sector primario, e desta forma, axudar a fixar poboación. Precisamente, un dos proxectos que ten este obxectivo é o programa Life in Common Land, no que se enmarcan estas axudas ás comunidades de montes.
Póliza de seguro
A Xunta de Goberno aprobou a adxudicación da póliza de seguro de responsabilidade civil xeral da Deputación de Lugo por un importe de preto de 84.000€ a MAPFRE España. O contrato terá unha duración de un ano prorrogable, de un en un, ata un máximo de catro, e entrará en vigor o vindeiro 31 de agosto, a data de vencemento da póliza vixente.
























Foz será o protagonista do programa Voces de Lugo, de RadioVoz, que se emitirá en directo de 12 a 14 horas desde a cafetería Marexada para toda a provincia. Félix Jorquera charlará co alcalde, Fran Cajoto; coa concelleira de Cultura e Facenda, Inés López; con Pura García, que é directiva de Acia Foz-CCA; con Carmen Alonso, presidenta do Celtas de Foz; e coa dona da cafetería Marexada, Palmira Andrade. Con eles fará un balance do verán, analizará os proxectos para os vindeiros meses e tamén o momento polo que atravesa o deporte local.
Trátase dunha viaxe para dúas persoas con estancia de catro noites nun hotel de catro estrelas en réxime de todo incluído, voos e equipaxe. O sorteo tivo lugar o pasado mes de xuño.
A cita previa pode solicitarse a través do teléfono 981.928.080 ou da web
A medida tamén fai que as familias perdan a gratuidad do comedor escolar, asumindo un gasto novo. O Concello reclama recuperar a parada mentres non exista unha alternativa segura e manter tanto o transporte como o comedor gratuíto, pedindo unha solución urxente que non prexudique ás familias de Mántaras.
Un total de 32 participantes déronse encontro nesta segunda edición, demostrando o seu nivel e desfrutando dunha mañá de competición e compañeirismo. Os gañadores das diferentes categorías foron: Antón Pernas (Sub 8), David Bustabad (Sub 10), Xulio Pernas (Sub 12), Deivid Pérez (Sub 14), Manuel Castro (Sub 16) e Breixo Alvite (Sub 18). A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, entregou os trofeos e medallas aos vencedores. O Concello felicita a todas as persoas participantes polo seu esforzo e por contribuír ao crecemento do xadrez no municipio, reafirmando a súa aposta polo deporte, pola participación e por ofrecer novas oportunidades para gozar e aprender.
A proba , organizada polo Club Ciclista Viveiro, reuniu máis de 130 ciclistas e coroou as campioas galegas de todas as categorías femininas -desde infantil ata master-, e aos campions galegos de infantil e cadete. A Praza da Galeguidade acolleu a saída e meta da competición, que se desenvolveu nun circuíto estático de 18,9 quilómetros pasando polo Porto da Gañidoira, a 699 metros de altura.
Trátase de dous MG ZS Hybrid+ Comfort, equipados coa tecnoloxía híbrida autorrecargable Hybrid+, que permite combinar eficiencia e un menor consumo no uso habitual. Segundo os datos do fabricante para este modelo, presenta unhas emisións de entre 113 e 115 g/km de CO₂ e un consumo de combustible de entre 5 e 5,1 litros aos 100 quilómetros, segundo o ciclo WLTP. A adquisición supuxo un investimento de 51.848,50 euros, IVE incluído, financiado a través do Fondo de Compensación Ambiental correspondente ao ano 2026.



