Víctor F. Freixanes, presidente da RAG: “As Letras Galegas deste ano recoñecen na persoa de Francisco Fernández del Riego a resistencia non menos heroica dos que aquí quedaron, os heroes calados, en palabras de Seoane. Co seu exemplo e coa seu traballo gañaron un futuro para todos nós”
Lourenzá, mércores 17 de maio de 2023. A Real Academia Galega celebrou este mediodía o pleno extraordinario co gallo do Día das Letras Galegas en Lourenzá, localidade natal do seu protagonista, Francisco Fernández del Riego (1913-2010). Figura central da cultura galega do século XX, don Paco foi luz nas tebras do franquismo, alegría de vivir e pensamento útil, persoa na que coincidiron ideario e acción e incomparable obreiro da cultura galega. Con palabras coma estas, Margarita Ledo Andión, Francisco Díaz-Fierros Viqueira e Xesús Alonso Montero foron trazando nas tres alocucións académicas o retrato de quen foi tamén membro dunha xeración que “gañou o futuro para todos nós”, concluíu o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.
A Real Academia Galega rendeulle homenaxe en 2022 ao exilio galeguista en México a través do poeta e activista valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán. Desta volta, as Letras Galegas recoñecen na persoa de Del Riego “a resistencia non menos heroica dos que aquí quedaron, os heroes calados, en palabras de Luís Seoane”, afirmou Víctor F. Freixanes. “Non é certo que perdesen, malia a traxedia que tiveron que padecer. Co seu exemplo e coa seu traballo gañaron un futuro para todos nós. É algo que nunca esqueceremos e que nunca llelo agradeceremos abondo”, rematou.
A sesión arrincou co discurso de Margarita Ledo Andión, Del Riego: joie de vivre e pensamento útil, que afonda na consideración que o homenaxeado soubo darlles aos medios de comunicación como esfera pública precisa para “facer que as palabras se tornen acontecemento“. “O deber da presenza na prensa para que con cada texto medre a aposta por un país en andamento foi tarefa que norteu de ben cedo a paixón de Del Riego e a dunha xeración metida a xornalista que trouxo a subxectividade, a implicación persoal, para o modo de pensar a comunitas”, analizou a académica.
Ideario e acción coinciden na figura de quen, como os lucciole, os vagalumes da fosa oitava do oitavo inferno da Divina comedia, foi quen de “refulxir e fender as tebras” da ditadura, comparou: “Paco del Riego é ese lucciole, ese verme de luz que persiste en facer chegar o sinal na escuridade total, que actúa para perder o medo abisal que anula o recordo, que sabe sobordar a dor que encobre o sufrimento, que nunca se vai sentir vencido e que quere partillar esa posibilidade sandadora”.
Del Riego escribiu máis de 4000 entregas de opinión, crónicas, conversas e comentarios dende os primeiros anos 30, cando era só un estudante de Dereito, ata o seu pasamento. Nos milleiros de páxinas que deixou na prensa destacan certos trazos como o deber da memoria, o afán de describir para facer existir, a elaboración de retratos aos que se lles apón a función de encarnar modelos que imitar, a exhibición das fontes ou a erudición, debullou a académica.
O reencontro semiclandestino con Seoane trece anos despois de seren separados
Tras a guerra, o intelectual volveu escribir artigos en galego nas páxinas de La Noche e iniciou un novo tempo de múltiples colaboracións. Entre 1947 e 1956 foi o coordinador local do Galician Programme, no que foi tamén o autor de guións máis prolífico, e foi colaborador de numerosas cabeceiras tanto da Galicia como da diáspora, dende Vieiros (México) ata a Galicia emigrante (Buenos Aires), esta última dirixida por Luís Seoane, antigo compañeiro dos anos universitarios en Santiago de Compostela. A amizade entre ambos, un membro destacado do exilio interior e outro do exterior, foi evocada por Xesús Alonso Montero nunha alocución na que rememorou o seu breve “encontro semiclandestino”, trece anos despois de seren separados pola sublevación militar e tres despois de retomaren o contacto por carta. Aconteceu cando o barco no que viaxaba o artista instalado na Arxentina fixo escala en Vigo. Seoane viña de pasar un tempo en Francia e Inglaterra, onde exhibira con certo éxito os seus cadros.
O pintor e a súa dona, Maruxa Fernández López, viaxaban a bordo do Highland Princess en terceira, o que non lles permitía baixar do barco. Pero todo fai supoñer que o avogado vigués Valentín Paz-Andrade, ben relacionado co universo empresarial marítimo e director da revista Industrias pesqueras -para a que Del Riego traballaba-, puido mediar para que pisasen chan galego “durante tres horas, quizais unha miguiña escasas”. A parella foi recibida no peirao por Darío e Emilio Álvarez Blázquez, Celso Collazo Lema, Laxeiro, Carlos Maside, Valentín Paz-Andrade e o propio don Paco. Todos xuntos foron xantar á taberna do Eligio, non sen antes facer dúas paradas no estudio de Carlos Maside e nunha rúa próxima, onde Laxeiro lles amosou os seus últimos cadros. “Luís Seoane e Del Riego ían diante, capitáns que non paraban de preguntárense polos amigos mortos, polos compañeiros fusilados ou paseados e por un enfermo ilustre e venerado, por Castelao, daquela xa á beira do pasamento”, recreou Alonso Montero.
No momento da despedida, Del Riego, “o máis emocionado sen dúbida”, foi autorizado a subir ao barco. “Sabemos, por crónica oral totalmente fiable, que cando desatracaba o barco tivo que baixar por unha escada de corda, montar nunha lancha e chegar nela ao peirao, onde os seis amigos o agardaban desacougados”, narrou o académico. De regreso na Arxentina, Seoane confesaríalle ao vello amigo o moito que significou para el e Maruxa aquel reencontro: “Me hizo bien y mucho daño haber pasado por Vigo”. Tres anos despois, en 1952, Seoane publicaba en Buenos Aires o seu primeiro libro de poemas, Fardel de eisilado, con contén un poema titulado “Dende o Highland Princess”. “Nel, referíndose aos amigos, estampou este verso: Sumidos en espesas, mouras tebras”, concluíu Alonso Montero.
O devir da paisaxe na mirada de Del Riego
Francisco Díaz-Fierros Viqueira pechou a quenda de alocucións académicas cunha intervención sobre o devir da paisaxe en Del Riego, cara á que o autor demostrou, ao seu xuízo, unha “singular sensibilidade”, con notables referencias a dous espazos vitais fundamentais na súa vida: Lourenzá, a vila natal á que lle dedicou en 2004 o libro homónimo; e a cidade que o acolleu en outono de 1939, retratada en Vigo sentimental (2001).
A mirada de Fernández del Riego á paisaxe emerxe dende o seu primeiro libro, Cos ollos no esprito (1949), obra editada en Buenos Aires composta por varios ensaios. Este traballo auroral seu sobre o tema, considerou o académico, pode ter como mínimo dúas lecturas: unha referente á recuperación do xénero descritivo como forma fundamental e máis acaída para falar da paisaxe, e unha segunda que nos mergulla “de cheo na eterna polémica das interaccións entre o ser humano e o seu contorno natural”.
“Fernández del Riego, diante das posibilidades que ofrecen as terras do país, opta por unha solución antrópica, segundo as súas expresivas verbas: “Toda Galicia, tan varia, tan suxestiva, podería transformar as súas belezas naturais en riqueza, en potencialidade, en benestar dos seus. Este pensamento é compartido na época por compañeiros galeguistas, como o Valentín Paz-Andrade de Galicia como tarea (1959) ou o Xaime Isla das páxinas da Revista de Economía de Galicia (1958-1964), da que era o seu director”, contextualiza.
Entre outras contribucións neste eido, Díaz-Fierros referiuse tamén á plasmada no libro colectivo Paisaxe e cultura (1955), “no que se tentaba presentar o tema da paisaxe como un dos elementos fundamentais que influían e conformaban a nosa cultura particular”; ou n’O feito diferencial galego (2000), outra obra coral na que se aprecia unha evolución do seu concepto de paisaxe que o académico interpreta como influenciada pola lectura de “Abrente e solpor da paisaxe” (1958), de Celestino Fernández de la Vega. “A paisaxe non sería agora algo autónomo, exterior ao ser humano, senón máis ben un produto da mirada na que, á súa vez, estarían reflectidos todos os intereses e valores que caracterizaban o seu sentir máis íntimo. Deste xeito, para un anaco de natureza determinado, poderían existir diferentes paisaxes segundo o diversas que fosen as miradas”, explicou. Seguro que sen sospeitalo, Del Riego expresaba así ideas semellantes ás que se aprobarían ese mesmo ano en Florencia no marco do Convenio Europeo da Paisaxe, apuntou Díaz-Fierros.




















Esta cita, xa consolidada dentro da programación estable do centro, permitirá ao público gozar dunha mostra do traballo artístico e formativo desenvolvido ao longo do curso polo alumnado da especialidade. A actividade constitúe unha oportunidade para achegar a danza á cidadanía e poñer en valor o esforzo, a dedicación e a evolución das alumnas e alumnos participantes.
O Concello destaca que este novo éxito é froito do compromiso, do esforzo e da dedicación constante do deportista, cualidades que lle permiten seguir acadando resultados destacados a nivel estatal. Desde a entidade municipal transmítense os parabéns a González Villares por este subcampionato de España.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.



