Ribadeo, 13 de xuño de 2023. A V Carreira Nocturna Rinlo-Ribadeo, que terá lugar o 19 de agosto, foi presentada esta mañá no salón de plenos do Concello.
Na quenda de intervencións o xefe de Deportes da Xunta en Lugo, Manuel Otero, declarou: “quero aproveitar para darlle a benvida a todos eses deportistas deses clubs que nos van acompañar. Moitas grazas a todos os patrocinadores e colaboradores, en especial ao Concello de Ribadeo, e, por suposto, ao organizador, o Club Atletismo Ribadeo, que xa é todo un referente non só no ámbito provincial senón tamén no autonómico, tanto no apartado deportivo como no de organización. É rara a semana que non lles mande uns parabéns, o que é bo sinal”.
Otero animou aos asistentes a gozar da riqueza cultural e gastronómica de Ribadeo: “a todos os que nos acompañen a disfrutar do atletismo e da carreira e a todos os familiares quero pedirlles que veñan a Ribadeo non só a gozar do deporte senón tamén da gastronomía, do patrimonio e da cultura, que é a forma de dinamizar economicamente Ribadeo e toda a súa comarca”.
O xefe de Deportes engadiu: “seguro que vai saír todo de marabilla pola garantía que nos dá a organización do Club Atletismo Ribadeo”.
O alcalde, Fernando Suárez, manifestou: “é unha excelente noticia para o Concello de Ribadeo en xeral, non soamente para a institución que presido a día de hoxe en particular, que sexa a quinta edición desta iniciativa que desenvolve o Club Atletismo Ribadeo que xunta a tantas persoas nun momento do ano no que se prevé moita afluencia de xente en Ribadeo e en toda a comarca”.
O rexedor subliñou que “é unha iniciativa singular, dado que carreiras hai moitas pero nocturnas non hai tantas, e iso esperta unha atracción que nestes últimos anos está indo a máis e ademais contrasta tamén con esas outras iniciativas que desenvolve o Concello de Ribadeo en solitario, como pode ser a media maratón Ribadeo-As Catedrais, pero nesta singularmente o Concello apoia, como fan as outras administracións que están aquí tamén para botar unha man”.
Suárez Barcia dixo que “ao longo de todos estes anos foi un pracer traballar co Club de Atletismo Ribadeo, fixéronse grandes cousas entre o Concello e esta entidade, ao igual que con outras. E esperemos que de aquí en diante sigades indo tan ben como ata agora. Que vaia ben e que se anoten moitos a esta carreira nocturna. É un pracer estar, a un lado ou a outro, pero sempre apoiando ao club”.
Pola súa banda, a presidenta do Club Atletismo Ribadeo, Ana Ferradás, indicou que “a nosa principal satisfacción é que todos se sintan como vencedores desta carreira.
Agardamos ter a mesma resposta que nas anteriores edicións e agradecemos moitísimo o apoio de todas as institucións, de todos os patrocinadores e de todos os voluntarios, que son máis de 30 para esta carreira de só 9 quilómetros. Sen todos eles sería imposible levala a cabo. Moitas grazas a todos e verémonos o 19 de agosto”.
Ao acto de presentación asistiron, entre outras persoas, a concelleira de Igualdade, Mónica Freire, e o propietario do restaurante A Cofradía, de Rinlo, Gerardo Martínez, así coma outras directivas do club ribadense.
























A representación terá lugar este sábado día 18, ás 19:30 horas, no local social da Asociación de Veciños de Marzán, un dos destinos habituais nas xiras anuais da compañía. O Centiño mantén así a tradición de visitar este espazo, onde agarda compartir co público unha tarde divertida e chea de humor. A agrupación teatral continúa así coa difusión da súa nova obra, que segue a percorrer diferentes escenarios da comarca.
Durante a xornada Lionel compartirá a súa experiencia no mundo da escrita, dando a coñecer os seus procesos creativos e as temáticas que caracterizan os seus libros. O acto incluirá un coloquio participativo cos asistentes do club onde poderán preguntar e intercambiar opinións co autor sobre o libro lido “A raíña das velutinas”.
O sábado terá lugar no Casino o III Showcooking, con cociña en directo e maridaxe de viños. O público poderá votar os seus pinchos favoritos e participar no sorteo dunha noite no hotel Marqués de Riscal. A entrega de premios será o luns 20 ás 19:00 h. O Concello e Destino Navia animan a veciños e visitantes a gozar desta cita gastronómica.
Haberá degustación diaria de ostras na carpa do porto. Concertos, showcookings, visitas guiadas e actividades mariñeiras. Lancha pola ría, exposición de maquetas e concurso fotográfico #somoslasostra2026, ademais propostas especiais en Acueo, La Casilla e Restaurante Peñalba.
A etapa, cun percorrido duns 150 quilómetros, partiu arredor das 11:30 horas e rematou en Barreiros, atravesando concellos como Xermade, Muras, Viveiro ou Foz. A proba reúne a equipos do ciclismo profesional internacional e sitúa a provincia de Lugo como escenario dunha das citas deportivas máis destacadas do calendario. O Goberno colabora no desenvolvemento da carreira a través das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que velan polo correcto desenvolvemento da proba e pola seguridade de participantes e afeccionados.
As persoas interesadas poden anotarse ata o 24 de abril na Casa do Concello (Cervo) ou na Casa da Cultura (San Cibrao). A actividade está dirixida a persoas pensionistas empadroadas no municipio. Trátase dunha xornada pensada para compartir, celebrar e desfrutar en comunidade.


