“Temos que facer políticas para acercar os servizos ao rural”, subliñou José Tomé, quen destacou o traballo que fai a institución, despregando unha rede pública de residencias de maiores “que favorecen o arraigo cunha atención de calidade e crean emprego, precisamente os piares na loita contra o despoboamento”
Lugo, 19 de xullo de 2023. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, compartiu este mércores co Ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares Bueno, un almorzo informativo co tecido empresarial da provincia baixo a temática Lugo en Europa no edificio Impulso Verde, xunto á Alcaldesa, Lara Méndez, o Delegado do Goberno, Pedro Blanco, e a Subdelegada, Isabel Rodríguez. Un encontro no que o Ministro destacou que a institución provincial terá un papel clave na conferencia de alto nivel da Presidencia española da Unión Europea sobre políticas de envellecemento activo e reto demográfico que se celebrará en Lugo o vindeiro 8 de setembro.
“O Goberno de España decidiu descentralizar a Presidencia europea para que sexa do conxunto do país, e para a nosa provincia, que é unha das 27 do Estado que teñen problemas serios de despoboamento, este é un protagonismo moi importante”, valorou o Presidente, que cre que é fundamental “facer políticas para acercar os servizos ao rural”.
Neste sentido, José Tomé destacou o traballo que leva facendo anos a institución, dende a presidencia de José Ramón Gómez Besteiro, despregando unha rede pública de residencias de maiores “que favorecen o arraigo cunha atención de calidade e crean emprego, precisamente os piares na loita contra o despoboamento”.
Lembrou nese sentido que a Deputación de Lugo ten xa en marcha un total de 9 residencias –nos concellos de Pol, Trabada, Ribadeo, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil- que dan servizo na provincia a través dun modelo de pequenos centros públicos, nos que prima a atención ás persoas, e que conta con moi boa acollida en Europa. Así mesmo, recordou que está a traballar nos proxectos para a creación doutros 9 centros nos concellos da Pontenova, Portomarín, Guitiriz, Becerreá, A Pobra do Brollón, Ourol, Cervantes, Folgoso do Courel e Ferreira de Pantón. “Sitios ós que non van as empresas privadas nin a Xunta de Galicia, que nestes 14 anos nin apareceu por alí”, sinalou.
Unha rede de centros que, en palabras de José Tomé, “trata de acercar xustamente ese servizo aos cidadáns para que non haxa desarraigo, para que poidan vivir onde viviron sempre, coas súas familias, cos seus amigos e veciños”. Apuntou tamén a importancia que teñen estes centros para a creación de emprego no rural, “que é a mellor maneira de reter poboación”, porque segundo sinalou, “sen servizos e sen emprego non hai poboación no rural, dúas cuestións, o emprego e os servizos, que son pilares na loita contra o despoboamento no rural”.
Un Lugo que brille en Europa
O Ministro de Asuntos Exteriores do Goberno de España destacou esta mañá que “Lugo quere estar no centro da Presidencia española da Unión Europea, que arrancamos o pasado 1 de xullo e na que, como saben, esta cidade vai ter unha das reunións claves”. Albares sinalou que “a Alcaldesa e o Presidente da Deputación traballarán moi directamente para esa conferencia de alto nivel sobre envellecemento e despoboamento, na que se vai debater e na que se van tomar decisións claves en cuestións que teñen que ver co coidado dos nosos maiores, e para a cohesión territorial e a loita contra o despoboamento”.
Valorou tamén o Ministro o encontro co tecido produtivo da provincia que tivo lugar no Edificio Impulso Verde, unha construción de referencia en termos de sustentabilidade, e no que Albares puido “comprender mellor as necesidades desta provincia, para que poida brillar en Europa ao longo da súa Presidencia”.


















Para participar, só é preciso realizar unha compra igual ou superior a 10 euros e rexistrar o tícket na web
Trátasde dunha adaptación da novela de Neira Vilas no décimo aniversario da súa morte, dirixida por Cándido Pazó. 20.30 horas.
Ao remate creouse un pequeno xardín de plantas de tempada de cor rosa na contorna do parque Reina Sofía, como símbolo da loita e da visibilidade desta causa. O Concello agradeceu a participación de todas as persoas asistentes e destacou especialmente o labor da Asociación de Mulleres de San Ciprián, que decorou a cafetaría da Casa do Mar en tons rosas para acoller a merenda final, contribuíndo a crear un espazo cálido e significativo para pechar a xornada.
A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, explica que foi “un encontro para compartir, aprender e lembrar a importancia da prevención, a detección precoz e a investigación. E, como símbolo de apoio, un lazo rosa ilumina a fachada da Casa do Concello e os donativos recollidos destinaranse integramente á AECC”.
Ribagorda visitou Ribadeo acompañado polo director xeral de Comercio, Gabriel Alén, nun percorrido polas principais rúas comerciais da vila, xunto ao xerente de ACISA, Jesús Pérez, e a concelleira de Comercio, Marta Saiz. Na Pontenova, o presidente da Asociación de Comerciantes, José Luis Balseiro, reuniuse tamén con Alén e Ribagorda. A campaña “De compras pola Mariña”, promovida pola FCAM e financiada por Comercio Galego e a Xunta de Galicia, difundirá varios vídeos nas redes sociais e na plataforma De las cosas del comer. Ribagorda percorreu estes días Foz, Lourenzá, Viveiro, Burela, Ribadeo e A Pontenova, achegándose ao comercio local e ao patrimonio natural e cultural da comarca.
O encontro principal terá lugar no comedor da carta o mércores 28 de outubro, ás 14:30 h. Ese mesmo día, ás 09:00 h, Jesús Manuel Blanco García, presidente da asociación micolóxica Os Bolouros, ofrecerá unha charla introdutoria para abrir a xornada.
Recoñecéronse as ganderías con máis participación na baixada tradicional e na feira, así como os mellores exemplares das distintas razas e categorías equinas. García destacou o valor das San Lucas como espazo de recoñecemento ao gando cabalar e ao labor dos gandeiros, fundamental para o coidado dos montes e a preservación das paisaxes tradicionais. A xornada incluíu unha homenaxe a Luciano García, falecido en xullo, impulsor da baixada dos cabalos e fundador de Puraga.



