Partido moi competido no Javier Imbroda entre o primeiro e segundo clasificados
Burela, 9 de marzo, 2024. Ás 16.30h desta tarde, no pavillón Javier Imbroda Ortiz, de Melilla, disputábase o partido da a 22ª xornada de Primeira División Iberdrola, Melilla Ciudad Deporte Torreblanca – Pescados Rubén Burela FS, cun resultado final 1-2. Primeiro e segundo clasificados enfrontáronse nun partido tan competido como se esperaba debido ao grandísimo nivel de ambos os conxuntos. Cunha primeira parte que concentrou todos os goles e sen ningún na segunda pero con bo ritmo e numerosas oportunidades por parte dos dous rivais.
Na primeira parte domina o Pescados Rubén ata o minuto 3 no que abre o marcador o Melilla cun gol de Juliana tras unha bonita deixada de Ana Luiza. Continúa presionando o Burela xerando moitas e boas ocasións pero sen conseguir finalizar con acerto. Aumenta a presión do conxunto rival, no minuto 10 Caridad salva o segundo gol cun paradón a un disparo de Bía tras un pase de Juliana nunha ofensiva e no 11 outra ocasión clara das locais nun tiro de falta directo que salva Dany despexando o balón á banda. Sucédense as oportunidades por parte dos dous equipos ata que chega o empate, cun golazo de Cilene pola escuadra nun disparo afastado. Continúan as oportunidades, no 18 un trallazo de Dany a pase de Patricia e a continuación outra nunha falta perigosa para o Burela que se vai pola liña de fondo. No minuto 19 o Burela adiántase no marcador cun golazo de Antía Pérez, tamén pola escuadra, nun saque directo de falta que fulmina á porteira internacional do conxunto rival. Presiona o conxunto local ata o descanso, a segundos do mesmo o Torreblanca pode empatar o partido nunha falta moi perigosa sobre a liña da área, pero despexa Cami a córner.
No segundo tempo múltiples oportunidades que non conseguen entrar en ningunha das dúas porterías por parte dos dous equipos. Moito xogo de balón e dominio do Burela, aínda que cos minutos bastante repartidos. No minuto 30 Irene Samper pode avantaxar con maior folgura ao Burela pero Silvia interponse no seu camiño e no mesmo minuto Amandinha ten posiblemente a ocasión máis clara do partido nun disparo ao primeiro pau que rebota no segundo sendo o balón alcanzado por Caridad antes de que supere a liña de meta. Sucédense varias oportunidades, entre outras, dúas de Emilly nos minutos 35 e 36 que saen fóra e outra de Irene no mesmo minuto. No minuto 38 comeza a atacar con xogo de cinco o conxunto melillense, con Thais de porteira-xogadora ocasionando unha primeira ocasión no primeiro ataque. Defende o Pescados Rubén Burela FS con todo o afán ata o final, con alta presión do Melilla Ciudad Deporte Torreblanca que a 15 segundos do final ten a súa última oportunidade cun disparo potentísimo de Juliana, non logrando superar á nosa porteira, Caridad.
As nosas Guerreiras Laranxas, do mesmo xeito que os demais equipos da categoría, descansarán a próxima fin de semana da liga e moitas viaxarán coas súas respectivas seleccións. Na seguinte xornada, día 23 de marzo, as burelenses enfrontaranse ao LBTL Futsal Alcantarilla en Vista Alegre ás 18.45h.
Ficha Técnica Melilla Ciudad Deporte Torreblanca 1-2 Pescados Rubén Burela FS
Melilla Ciudad Deporte Torreblanca (1): Silvia; Lydia, Ana Luiza, Amandinha, Juliana -cinco inicial-, Jhennif, Silvinha, Thais, Jane, Bia, Bia (P). Entrenador: Morenín.
Pescados Rubén Burela FS (2): Caridad; Cami, Irene Samper, Rafinha, Patricia, – cinco inicial-, Dany (C), Cilene, Antía Pérez, Cris Blanco, Aroa, Emilly, Ana Eliza (P). Entrenador: Julio Delgado
Goles: 1-0, min.3: Juliana. 1-1, min.14: Cilene. 1-2, min.19: Antía Pérez.
Árbitros: Antonio Jesús García Robles, David Vela Bozada, Usama Sebti Mohtar, Rafik Mohamed Mohamed.
TA: Juliana, Ana Luiza, Jhennif.





















O Concello de Navia presenta este sábado 28 de febreiro, ás 12:00 h no Casino, o libro Tras las huellas de Campoamor en Alicante, de Luján Martínez Suárez. Ademais, adquiriu un valioso volume da RAE de 1865, que inclúe un discurso seu orixinal. O exemplar incorporarase á Biblioteca Municipal, ampliando o fondo dedicado ao poeta.
O Dúo Eclipse será o encargado de poñer a música nunha nova tarde-noite chea de ritmo, baile e bo ambiente no Guateque de Arruguiñas. A cita é este sábado, 28 de febreiro na Casa do Mar de San Cibrao ás 19:30 h. Ademais, o alumnado de 2º de Bacharelato, en colaboración coa Oficina de Voluntariado Xuvenil, ofrecerá bingo e chocolate para completar a festa. O evento conta tamén coa colaboración da Asociación de Xubilados Terramar.
O Restaurante Oviedo-2 será o encargado de elaborar o caldo, o compango e as filloas de sobremesa. O acto incluirá tamén lectura de poemas e música, coa participación de Eli García-Bouso, que interpretará algunhas pezas inspiradas en Rosalía de Castro. O prezo do xantar será de 15 euros para socios/as e 20 euros para non socios/as. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo a agrupacionfranciscolanza@gmail.com ou mediante unha mensaxe de WhatsApp ao 699 809 606.
Neste espazo radiofónico, de 12 a 14 horas, Félix Jorquera falará coa directora do IES de Foz, Leticia Maseda, co coordinador do evento, José Ríos, así como con alumnado e profesorado participante e moi implicado nos Campionatos Internacionais de Baristas e Catas de Café, que estes días enchen Foz de xente e de aroma cafeteiro.
Os propietarios, Javier Montero e Tita Iglesias, recolleron o recoñecemento na Coruña, agradecendo o apoio da clientela, do seu equipo —formado integramente por mulleres— e da propia guía. O establecemento mantén esta recomendación desde 2021 e suma tamén un Sol Repsol, obtido en 2024 e renovado para 2026. O hotel restaurante Javier Montero abriu as súas portas en novembro de 2018.
Unha comedia orientada para público adulto dirixida por Cándido Pazó. Hora: 20.30. Sipnose: 1880, Curros Enríquez é denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento Galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.
A xornada comezou cun aperitivo no bar O Colorado, onde os socios se reuniron para o tradicional brinde previo ao xantar. O encontro continuou no Restaurante Asturias nun ambiente de fraternidade, gozando dun cocido digno de exaltación e dunha longa sobremesa. Durante a velada, os asistentes compartiron lembranzas e falaron das actividades que a asociación prepara para o futuro, nun ano no que Os Cacholeiros se achegan ao seu 35º aniversario. A entidade aproveita esta celebración para reivindicar unha vez máis os pratos tradicionais, elaborados con produtos locais e de tempada, e o labor dos establecementos hostaleiros do concello e da comarca.


