Foz, 1 de xullo de 2024. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, e a concelleira de Turismo, Comercio e Sanidade, Kathy Navarro, presentaron este luns na praia da Rapadoira o equipo de salvamento para este verán, que comeza hoxe, 1 de xullo, ás súas funcións.
O Concello de Foz iniciou a tempada estival con 15 profesionais no servizo de salvamento: 1 xefe de socorristas, 9 socorristas titulados -1 máis que no ano 2023- e 5 auxiliares de praias. Todo o persoal de salvamento está integramente financiado polo Concello de Foz, que permanece á espera da resolución da subvención da Xunta de Galicia que permitiría aumentar o número de socorristas contratados.
As praias da Rapadoira e Llas terán servizo de salvamento de luns a domingo, en horarios de 13 a 19 horas entre semana e de 12 a 20 horas as fins de semana. As praias de Areoura, Peizás e Pólas contarán con servizo de socorrismo entre semana de 13 a 19 horas e sábados e domingos de 13 a 20 h, excepto os luns -Areoura e Peizás- e os martes -Pólas- nas que non haberá servizo de salvamento por descanso do persoal. Foz conta este ano 2024 con seis bandeiras azuis. Só se izarán na praia da Rapadoira, que contará cun distintivo correspondente á praia, e outro polo sendeiro azul, dado que co persoal dispoñible non é posible cubrir as esixencias da ADEAC no resto das praias. O alcalde explica: “sempre primamos a seguridade nas praias aos distintivos destaca o alcalde. Por iso facemos un esforzo moi importante por contar con servizo de salvamento no maior número de areais posibles, especialmente nas praias máis concorridas”.
A Concelleira Kathy Navarro destaca a ampla dotación de servizos nas praias de Foz, con servizo de baño adaptado a persoas con minusvalía na praia da Rapadoira: “dispoñemos de cadeira anfibia para o baño, zona de sombra, punto de auga e pasarela ata a area húmida no centro da Rapadoira. Deste xeito aseguramos que calquera persoa poda desfrutar das nosas praias, que ningunha limitación física sexa un impedimento. Preocúpanos a prevención e a saúde, por iso contamos con DESA nas praias de Rapadoira e Llas, as máis concorridas, para atender con urxencia unha posible insuficiencia cardíaca”.
Hoxe, 1 de xullo, ábrense ao público ademais os baños de todas as praias e das áreas recreativas do Bispo Santo e Ponte de Ferro, que terán unha limpeza diaria, a excepción da Rapadoira e Llas, que contarán con dúas limpezas ao día. Ao rematar o verán comezarán as obras para a reforma integral do posto de socorro e dos sete baños da praia da Rapadoira, ao abeiro das subvencións para embelecemento do litoral galego financiadas integramente por fondos Next Generation da Unión Europea.
O Concello de Foz continúa co traballo de desbroce, limpeza e preparación das praias, que rematará nos vindeiros días.
Concelleira e alcalde queren agradecer a todo o persoal o seu esforzo e compromiso, persoal que se incremente nestes meses de verán en 28 persoas, incluíndo salvamento, xardinería, limpeza viaria, recollida de lixo e auxiliares de turismo.
“Seguiremos incrementando o esforzo para manter un Foz cada vez máis coidado e limpo, que é o noso obxectivo. Pedimos tamén a colaboración de todos: usar as papeleiras e os contedores de lixo, non fumar nos espazos prohibidos, recoller as deposicións das mascotas, non depositar enseres na rúa fóra do servizo municipal permiten que Foz luza como merece. Limpar, pero sobre todo non ensuciar”, rematan.






















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



