A Mariña, 15 de novembro de 2024. Preto de 700 persoas participaron este ano nas actividades e obradoiros da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense. As iniciativas desenvolvidas contribúen a desestacionalizar o turismo e a mellorar o coñecemento do territorio.
A fin de semana pasada remataba a campaña Outono na Mariña. Plans e Obradoiros con corazón, unha iniciativa que a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense puxo en marcha coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo.
As dúas propostas, Plans e Obradoiros con Corazón, similares nos seus obxectivos pero á súa vez diferentes, perseguen a desestacionalización do turismo, promovendo escapadas e viaxes curtos de fin de semana a esta comarca durante o outono; así como ampliar e mellorar o coñecemento dos recursos do territorio por parte da poboación local.
Todo da man de actividades: rutas, visitas guiadas e obradoiros participativos que poñen en valor o diverso e rico patrimonio cultural e natural da Mariña da man de guías oficiais de turismo, axentes e artesáns locais; en definitiva anfitrións do territorio que explican e presentan ao público asistente o territorio coma ninguén mellor o pode facer.
O 80% das persoas enquisadas en ambas iniciativas manifestaron que, a raíz das actividades, fixeron uso dos servizos de hostalería, restauración e/ou comercio local. Estes aspectos reafirman a idoneidade desta campaña como dinamizadora da oferta artesanal e turística da Mariña.
A Mariña. Plans con corazón. 16 rutas e visitas guiadas
Esta iniciativa veu a ser a continuación de A Mariña en Ruta, un programa que nas súas catro edicións anteriores baixo ese nome veu colleitando xa moi bos resultados con cerca de 1.000 persoas que puideron desfrutar da oferta de actividades ecoturísticas organizadas pola Mancomunidade.
Neste 2024 renovouse introducindo novidades e adaptando a súa identidade e nome á nova imaxe de marca turística da Mariña. Foron programadas un total de 16 rutas e visitas guiadas, que se realizaron nos 16 concellos que conforman o xeodestino da Mariña, a partir das propostas realizadas polos guías oficiais de turismo Ana Pena, Boris Vilar, Carmen Delia e Noela Feal, coa participación dunha serie de axentes e anfitrións, que colaboraron coa empresa especializada en ecoturismo Volta Montana, encargada da organización xunto á Mancomunidade. O resultado foi un proxecto que mantén os atributos que quere destacar a Mariña como destino diferente, próximo, aberto, amable e atractivo, un territorio que se conceptualiza no novo lema A Mariña. Galicia de Corazón.
O renovado programa Plans con Corazón, que se desenvolveu durante as fins de semana e tamén os festivos do 12 de outubro e do 1 de novembro, ata o 10 de novembro contou coa participación de 274 persoas procedentes de concellos da Mariña, da provincia de Lugo (Monforte de Lemos, Castro Riberas de Lea, Lugo, Vilalba, Xermade e Sarria), da Coruña (A Coruña, Oleiros, As Pontes, Santiago de Compostela e Touro), de Ourense (Ourense) ou Pontevedra (A Estrada), Asturias (Tapia de Casariego, Oviedo, Siero e Laviana) Madrid e Valladolid.
Desde a súa posta en marcha, o programa de rutas e visitas guiadas, conta cun elevado grado de aceptación e satisfacción, considerando novamente nesta edición o 100% dos enquisados que responderon á enquisa, que o programa debería ter continuidade no tempo, que dinamiza a oferta turística da Mariña Lucense e que recomendaría a experiencia a outra persoa. A valoración xeral da iniciativa foi de 9,7 (sendo o ano pasado de 9,2) sobre un máximo de dez, as puntuacións medias para as rutas foron de 9,5 (sendo o ano pasado de 9), a do guía de 9,6 (sendo o ano pasado de 9,3) e a organización 9,5 (sendo o ano pasado de 9,3).
A Mariña. Obradoiros con corazón, creativos e participativos con artesáns
Neste caso tratouse dunha nova iniciativa da Mancomunidade destinada a xerar un novo programa de posta en valor da actividade artesanal no destino mediante a creación de experiencias inmersivas que acheguen ás persoas visitantes e á poboación local á rica tradición artesanal da comarca.
O programa levouse a cabo os días 31 de outubro, 2, 3, 9 e 10 de novembro como unha primeira experiencia piloto e congregou durante 6 citas distintas a 62 persoas procedentes de concellos da Mariña, da provincia de Lugo (Pantón), da Coruña (Mugardos, Camariñas), Asturias (Navia, Tapia ou Cadavedo) ou de Luxemburgo.
O 100% dos artesáns/sás participantes (6 de distintas artes e localizacións no xeodestino) consideran que o programa debería ter continuidade no tempo, e repetirían a experiencia noutras ocasións, valorando todos eles a iniciativa de xeito moi positivo.
As persoas participantes nos obradoiros tamén amosaron unha elevada satisfacción co programa. Así o 100% das persoas enquisadas considera que o programa debería ter continuidade no tempo, sinalando que repetirían a experiencia e/ou a recomendarían a outra persoa. A valoración xeral da iniciativa, das actividades e das explicacións dos artesáns/sás foi de 9,8 e a organización da actividade e a xestión das reservas obtivo unha valoración de 9,4.
Entre os motivos principais sinalados para a súa participación no programa encóntranse a temática (72% das respostas) e o carácter participativo e creativo dos obradoiros (68%). Outros aspectos sinalados son a curiosidade (28%) ou polo seu carácter familiar-con nenos/as (24%), pois varios dos obradoiros programados posibilitaban a participación deste público.
Programa de xeoturismo
Un caso similar é o das actividades xeoturísticas que a mesma Mancomunidade poñía a andar a finais de decembro do pasado dentro dun Programa de Xeoturismo a cargo do Plan de Sostibilidade Turística, que cofinancia coa Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.
Unha oferta que se pausaba na época álxida do verán para dar cabida á oferta que os Concellos da Mariña a nivel local ofrecen e remataba en setembro deste ano, para darlle paso aos Plans e Obradoiros con Corazón, gozando de gran acollida entre veciñanza e visitantes e incluíndo rutas e visitas xeolóxicas guiadas por xeólogos. Ademáis do Xeo Finde celebrado no mes de xuño, co que nenos e adultos se mergullaron no apaixoante mundo dos minerais e descubriron os segredos da terra.
Nas 22 actividades xeoturísticas que se desenvolveron a finais de decembro de 2023, xaneiro, febreiro, marzo, abril, maio, xuño, finais de agosto e no mes de setembro de 2024 participaron un total de 359 persoas procedentes de concellos da Mariña, da provincia de Lugo (Lugo, Monforte de Lemos, Castro Riberas de Lea, Navia de Suarna, Cospeito, Lugo, Vilalba, Castro de Rei), da Coruña (Arteixo, Ribeira, Milladoiro, A Coruña, Pontedeume, Ames, Narón, Oleiros, Mañón, Miño, Valdoviño, Ferrol, As Pontes, Bergondo, Noia, Culleredo, Mugardos, Santiago de Compostela), de Ourense (Ourense, Barbadás) ou Pontevedra (Pontevedra, Vigo, Pontecesures), Asturias (Castropol, San Tirso de Abres, Vegadeo, Taramundi) e da Comunidade de Madrid.
Realizando unha análise xeral das enquisas de satisfacción recibidas para estas actividades foi posible coñecer que todos os participantes repetirían a experiencia, e un 100% cren que debería ter continuidade no tempo. A valoración xeral das actividades foi moi positiva cunha nota media de 9,3 puntos, sobre un máximo de 10. Ademais, as puntuacións medias para as explicacións dos guías foi de 9,8, a organización 9,4, e da iniciativa en xeral 9,7.






















Castro destacou o labor da Asociación e o potencial da tradición do ferro como motor económico, social e cultural para Riotorto, subliñando a importancia de impulsar iniciativas que garantan futuro para estes oficios. A Deputación de Lugo mantén unha colaboración estable coa entidade, cunha achega de 14.000 euros. No marco deste apoio, a Asociación avanzou na documentación dos oficios do ferro, catalogando ferramentas, técnicas e a historia das antigas “ferrerías de monte”.
O responsable provincial destacou "o traballo realizado pola organización ao longo destes anos para consolidar unha proba deportiva de primeiro nivel, que atrae tanto deportistas do máximo nivel competitivo como participación popular"
O grupo teatral O Centiño de San Martiño (Foz) actuou este sábado en Marzán, convidado pola asociación veciñal Torques de Marzán. O local quedou pequeno ante a resposta do público: 73 persoas, un récord de asistencia para unha obra de teatro na parroquia. A comedia provocou constantes risas e un ambiente moi participativo. A iniciativa volve demostrar o valor de levar actividade cultural e teatro afeccionado ás parroquias e barrios, achegando propostas escénicas a lugares afastados dos grandes circuítos. O Centiño continuará a xira de “O Autobús” nas vindeiras semanas: Sábado 25 de abril: Vilaronte (Foz). Sábado 2 de maio: Casa da Cultura de Trabada
A xornada contou con degustación gratuíta de viños elaborados por adegas da contorna, unha cata comentada e un mercado de produtos gastronómicos locais, permitindo aos asistentes coñecer de primeira man a riqueza do produto de proximidade. O pregón desta edición correu a cargo de Alejandro Gándara, quen presentou o seu proxecto audiovisual 360 curvas, unha obra que reflexiona sobre a distancia entre A Fonsagrada e Lugo e sobre o conflito social e político asociado á perda da súa condición de cabeceira de comarca, no marco da loita contra a despoboación.
Haberá degustación diaria de ostras na carpa do porto. Concertos, showcookings, visitas guiadas e actividades mariñeiras. Lancha pola ría, exposición de maquetas e concurso fotográfico #somoslasostra2026, ademais propostas especiais en Acueo, La Casilla e Restaurante Peñalba.
A etapa, cun percorrido duns 150 quilómetros, partiu arredor das 11:30 horas e rematou en Barreiros, atravesando concellos como Xermade, Muras, Viveiro ou Foz. A proba reúne a equipos do ciclismo profesional internacional e sitúa a provincia de Lugo como escenario dunha das citas deportivas máis destacadas do calendario. O Goberno colabora no desenvolvemento da carreira a través das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que velan polo correcto desenvolvemento da proba e pola seguridade de participantes e afeccionados.
A cita contará con charlas, obradoiros, concurso de fotografía e unha ampla zona expositiva. A feira será de acceso gratuíto e está pensada para gozar en familia.



