Juninho igualou cando restaban 55 segundos para a conclusión nun duelo no que os burelistas gozaron de máis e mellores ocasións
Burela, 25 de xaneiro, 2025. O conxunto masculino do Burela FS só puido sumar este sábado un punto ante o Viña Albali Valdepeñas (2-2) nun partido no que os mariñaos foron moi superiores ao seu rival durante a maior parte dos 40 minutos, pero dous goles en pouco máis de 35 segundos dos viñateiros puxéronlles as cousas costa arriba antes do descanso. Con todo, os discípulos de David Rial non baixaron os brazos e volveron acumular moitas ocasións de gol durante o segundo tempo para rematar igualando no último minuto.
O primeiro tempo foi dominado amplamente polo conxunto local, que dispuxo de moitas máis oportunidades que o conxunto rival. Os mariñaos empezaron moi enchufados e Isma xa avisaba no primeiro minuto, pero o seu remate sacábao Álex González. Con todo, o ex porteiro burelista xa non podería facer nada no seguinte intento do fonsagradino. O capitán plantábase só ante o marco viñateiro e definía con moita calidade para inaugurar o electrónico.
A pesar do tanto, o guion non se alterou e o conxunto dirixido por David Rial seguiu dominando o partido e no minuto tres produciuse unha acción que puido poñer as cousas máis francas aínda para os mariñaos. Nun balón que baixaba Rikelme nos dez metros, Álex González medía mal e chegaba moi tarde arroiando ao brasileiro cunha entrada moi fea que os colexiados, a pesar de ser o último home e da aparatosidade da mesma, só sancionaban con tarxeta amarela. A falta era sacada por Juninho, pero o cancerbeiro madrileño despexaba o envío do brasileiro.
Noutra falta chegaba a primeira ocasión dos visitantes. Pol Pacheco era o encargado de executala e Kaluza sacaba co seu ombreiro dereito. Charly tivo o segundo en dúas ocasións case consecutivas, pero na primeira cruzaba demasiado ante Álex González e na segunda remataba tamén desviado. No minuto 7 tentábao Pitero cun cabezazo tras un envío en longo, pero o seu remate era demasiado frouxo e detíñao Álex González sen apuros.
A piques de chegar ao ecuador da primeira entrega, Juninho volvía probalo nun perigoso libre indirecto, pero volvía intervir Álex González. Despois era Isma o que estaba preto de anotar, pero o seu balón tocaba nun xogador manchego e íase por pouco. O primeiros dez minutos foran practicamente un monólogo do conxunto burelés, pero non atopaban o premio ao seu esforzo e a vantaxe seguía sendo mínima.
A pesar de que practicamente non se achegaron pola portería mariñá, o Valdepeñas púxose por diante con dous tantos obra de Carlos en apenas 40 segundos. No primeiro disparaba e o balón coábaselle a Kaluza entre as pernas e non era capaz de atallalo antes de superar a liña de gol chorando. No segundo xa non podía facer nada ante o remate cruzado do viñateiro. Entremedias, Charly tivera o segundo para os locais, pero tras recortar a Álex González, o porteiro repúxose rápido e logrou desviar o seu disparo a córner.
Con dous minutos por disputarse para chegar ao descanso, o Burela FS lanzouse a polo empate tras unha acción de Eloy Rojas na que Kaluza tocaba o xusto para evitar o terceiro tanto visitante. Charly tívoo nun balón que sacaba Álex González e no rexeite era Boyis o que despexaba cando Rikelme se dispoñía a empuxala a porta baleira. Charly volvería tentar, pero Álex González desviábaa co pé.
O segundo tempo comezou cunha ocasión de Pol Pacheco que sacaba baixo paus Araya cando xa se ía para dentro. De novo tentaríao o barcelonés máis tarde e agora era Kaluza o que sacaba con apuros o disparo. A resposta mariñá chegou por mediación de Quelle cun trallazo que impactaba na cruceta esquerda da portería viñateira.
Nos seguintes minutos ningún equipo era capaz de xerar ocasións de perigo ata que no 31 era Isma o que nunha boa acción individual remataba fóra por pouco. Pouco despois chegaría a máis clara para os mariñáns, nunha gran combinación entre Isma, Charly e Pitero, na que este finalmente poñía o balón ao segundo pau e Rikelme, só ante o marco visitante, remataba fóra.
A resposta viñateira veu por mediación de Carrasco, nunha acción na que Kaluza evitaba o terceiro en dúas ocasións. Logo era Rikelme o que volvía inquietar o marco visitante nun disparo desde uns 10 metros que sacaba coas dúas mans Álex González. Os locais seguían buscando a igualada e Pitero non chegaba por pouco no segundo pau a un centro chute de Rikelme.
Antes de que Isma saíse coa camiseta de porteiro para apostar polo xogo de cinco nos dous últimos minutos, os manchegos tiveron o terceiro nas botas de Pol Pacheco e José Mario, pero en ambas ocasións aparecía Kaluza para despexar.
Aínda que mereceron a vitoria, os locais atoparon un pequeno premio ao seu esforzo a 55 segundos do final cando Juninho disparaba coa zurda desde uns 10 metros e o balón tocaba o xusto en Alberto para evitar que Álex González puidese despexar o esférico. Os visitantes tentárono con Carlos como porteiro-xogador nestes segundos finais, pero o marcador xa non se volvería a mover.
Ficha Técnica Burela FS 2-2 Viña Albali Valdepeñas
Burela FS (2): Kaluza; Araya, Alberto, Rikelme, Isma -quinteto inicial-, Juninho, Charly, Pitero e Quelle.
Viña Albali Valdepeñas (2): Álex González; Boyis, José Mario, Pol Pacheco, Carrasco -quinteto inicial-, Eloy Rojas, Alberto, Lolo, Bynho, Saura, Carlos e Nano.
Goles: 1-0, min. 2: Isma. 1-1, min. 15: Carlos. 2-1, min. 16: Carlos. 2-2, min. 40: Juninho.
Árbitros: Marazuela Hernando e Toral Heredia (Colexio de Castilla y León). Amoestaron ao técnico local, David Rial, así como a Araya e Isma. Tamén viron o cartón amarelo os visitantes Álex González, Alberto, Lolo, Pol Pacheco e Boyis.
Incidencias: Encontro da decimoquinta xornada da Primeira División disputado no pavillón de Vista Alegre diante duns 900 espectadores.




















O Concello destaca que este novo éxito é froito do compromiso, do esforzo e da dedicación constante do deportista, cualidades que lle permiten seguir acadando resultados destacados a nivel estatal. Desde a entidade municipal transmítense os parabéns a González Villares por este subcampionato de España.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.
Foi unha xornada máxica na que a música e a convivencia se deron a man nunha contorna única. Os instrumentos de corda encheron de melodías os xardíns do centro, creando unha atmosfera especial que emocionou ao público asistente e puxo en valor o talento e a ilusión da mocidade. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, non quixo perderse esta cita tan especial e desfrutou da tarde xunto ás persoas usuarias, e o persoal do centro. Durante o encontro, agradeceu o convite e felicitou á organización por promover actividades que fomentan a cultura, a inclusión e os espazos de encontro entre a veciñanza.



