Os traballos na LU-P-2009 afectan aos máis de 3 quilómetros, incluíndo a rúa Corporacións, que ten esta estrada e consistirán na reapertura de cunetas, mellora do firme e sinalización horizontal
Lugo, 7 de maio de 2025. A Deputación de Lugo iniciou esta semana os traballos de aglomerado na estrada LU-P-2009, no concello de Foz, que conecta o Peirao da vila co núcleo de Bispo Santo por Marzán, pasando pola rúa Corporacións. Uns traballos que afectan aos máis de 3 quilómetros cos que conta esta vía provincial, e que consistirán na reapertura de cunetas, na mellora do firme e na sinalización horizontal.
En concreto, as obras que que está a executar a Deputación na LU-P-2009, divídense en tres tramos. Nestes momentos, os traballos consisten no estendido do aglomerado en quente tras o fresado do firme en preto de 2 quilómetros. Ademais, renovaranse as marcas viarias reflexivas, as bandas de aparcadoiro e os pasos de peóns. Así mesmo, na contorna do campo de fútbol Martínez Otero instalaranse separadores de gota para reforzar a seguridade peonil nesta zona deportiva, moi empregada e frecuentada a diario polos focenses.
No último tramo da vía, entre os puntos quilométricos 1,820 e 3, acometerase a reapertura das cunetas para garantir a drenaxe, e eliminar a vexetación, retirar os aterros e limpar as canalizacións, para evitar acumulacións de auga.
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, explica que estas actuacións forman parte dun proxecto máis amplo, cun orzamento de 390.000 euros e un prazo de execución de tres meses, que inclúe a mellora doutras sete estradas do municipio. En total, suporá a renovación do 41% da rede viaria provincial ao seu paso por Foz. As vías incluídas no proxecto son as seguintes:
1. A LU-P-6303, que é a estrada que conecta Campón e Cordido por Güín. Neste caso, a Deputación actuará do punto quilométrico 2,630 ao 4,741 coa reapertura de cunetas, pavimentación con aglomerado e sinalización.
2. A LU-P-2001, que conecta a estrada autonómica LU-152 e a Nacional 642. A Deputación mellorará os 6 primeiros quilómetros mediante a reapertura de cunetas, pavimentación con aglomerado e sinalización.
3. A LU-P-2013, que vai do colexio de Nois á Praia de Arealonga. A institución provincial reparará o pavimento e mellorará a seguridade na zona escolar co reforzo da sinalización.
4. A LU-P-2006, que une A Cruz coa Praia de Llas. As obras afectarán ao treito comprendido entre os puntos quilométricos 0,949 e o 2,405 con melloras na pavimentación e sinalización.
5. A LU-P-2011, que une Marzán coa Praia de Llas. A Deputación mellorará neste caso os 700 primeiros metros coa pavimentación e a sinalización.
6. A LU-P-3101, de Areas á LU-152 por Oirán, onde a institución provincial mellorará a drenaxe desde o punto quilométrico 8,717 ó 13,024.
Tomé Roca detalle que “este paquete de melloras supón unha actuación estratéxica para Foz, xa que estas vías vertebran o municipio e son fundamentais para conectar as zonas do interior coa costa e as praias, que rexistran unha elevada afluencia de tráfico, especialmente durante os meses de verán”.
Compromiso coa Mariña
Esta actuación enmárcase no Plan de Mellora das Estradas 2025, co que a Deputación de Lugo reforza o seu compromiso coa mobilidade e, neste caso coa Mariña lucense. Así o destacou o Presidente da institución, José Tomé Roca, que sinalou que máis do 21% do orzamento provincial para este ano, un total de 27 millóns de euros, está destinado á conservación, mantemento e mellora da rede viaria, a máis extensa de España, con 4.217 quilómetros, triplicando a da Xunta de Galicia na provincia.
Este investimento forma parte do paquete de actuacións co que a Deputación acometerá obras en 400 quilómetros de estradas da provincia, cun investimento total que supera os 15 millóns de euros. Segundo detallou o Presidente, xa están en proceso de contratación o 65% dos 80 proxectos iniciais, e moitas das obras xa están en marcha, como é o caso da Avenida Infanta Elena en Lugo ou o Cinto Comarcal, á altura do Corgo.






















A principal será o regreso das carrozas dos pobos o domingo 27, recuperando unha tradición histórica. O venres abrirase coa charanga e verbena; o sábado haberá sesión vermú, verbena e fogos; o domingo, música dos sesenta e setenta, desfile de carrozas e festa dos oitenta; o luns, actividades para a infancia e reparto do bollo; e o martes, misa solemne, procesión e verbena final. O Concello de El Franco destaca o labor da Sociedade de Fiestas e o valor de recuperar tradicións e avanzar cara a unhas festas máis inclusivas.
Será o sábado 26 de setembro de 20:00–22:30 no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo. Entrada: 34,90 €, inclúe viño seleccionado e aperitivo.
Ás 16 horas deste mércores, o 112 Galicia tivo constancia dunha saída de vía a través do sistema de aviso e-Call do vehículo accidentado. Ocorreu no quilómetro 6 da LU-861, á altura de Santaballa. O propio implicado explicou nese momento que precisaba axuda para saír do vehículo. Nada máis ter constancia, os xestores do 112 Galicia solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros de Vilalba e servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros axudaron a retirar á persoa do vehículo, mais non foi necesario excarcerar.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.



