O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, acompañado polo director xeral de Patrimonio Cultural, visitou o templo no que se acaba de mellorar a iluminación
Mondoñedo, 28 de maio de 2025. O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou hoxe a Catedral de Mondoñedo, onde se acaban de completar os traballos de renovación do sistema eléctrico e de iluminación. Trátase dunha actuación impulsada xunto coa Fundación Endesa e ao abeiro dun convenio coa Diocese de Ferrol-Mondoñedo que se encadra no compromiso da Xunta de Galicia coa conservación e posta en valor deste ben.
Así, tal e como explicou o responsable autonómico de Cultura, o Goberno galego dedica este ano preto de 300.000€ a este complexo catedralicio a través do plan de Catedrais de Galicia, a folla de ruta dotada con 38 millóns de euros que contempla un investimento de 6,5M€ para levar a cabo unha decena de actuacións en Mondoñedo. “Os galegos temos a sorte de contar cun rico e variado patrimonio cultural e templos como o de Mondoñedo son recursos cun papel fundamental tanto pola súa significación relixiosa como polo seu protagonismo social”, salientou López Campos.
Neste senso, o conselleiro puxo en valor que a Catedral de Mondoñedo é “unha das xoias do Camiño do Norte e está incluída na súa declaración como Patrimonio Mundial, polo que é especialmente importante o noso compromiso para reforzar e revalorizar o seu papel”. Para conseguilo, tal e como lembrou, a Xunta de Galicia tomou como punto de partida o “esforzo colectivo feito na Catedral de Santiago” para “actuar e blindar a conservación do resto das catedrais a través da suma de vontades de administracións e entidades como a Fundación Endesa”.
A actuación completada permitiu renovar a antiga instalación de electricidade e iluminación feita nos anos 60 co fin de asegurar un bo funcionamento e obter unha mellor eficiencia enerxética.
Con este obxectivo, propúxose un novo sistema de luces que ofrece unha maior visibilidade de espazos como as pinturas murais, o retablo, o altar ou a cátedra episcopal e que tivo tamén en conta a presencia e o efecto da iluminación natural. Para iso, proxéctase unha iluminación xeral do espazo empregando as cornixas e os capiteis de piares para minimizar a presenza de focos.
Como complemento, instaláronse proxectores regulables para a iluminación de detalle, focos lineais sobre as arcadas a un sistema de control de potencia e acendido de cada luminaria que posibilita a coordinación en grupos de funcionamento segundo as necesidades de cada momento.
No relativo a electricidade, os traballos levados a cabo incluíron a modificación da acometida e a instalación dun grupo electróxeno propio e dun cadro de protección para os circuítos de alumeado, forza e distribución. O proxecto completouse coa canalización de novas liñas de alimentación e de forza e coa instalación dun novo sistema de megafonía.
1,7M€ desde o ano 2015
A renovación da electricidade e iluminación súmase a outros traballos que están actualmente en marcha na Catedral de Mondoñedo para reparar a cuberta e o control e seguimento dos traballos de restauración das pinturas murais. Trátase de dúas actuacións que está previsto completar nos primeiros meses e que, xunto coas obras xa completadas, supoñen un investimento de preto de 300.000€ por parte da Xunta de Galicia.
Tal e como sinalou López Campos, estas actuacións forman parte do compromiso da Xunta de Galicia coa protección e conservación desta Catedral e que se reflicte na achega de máis de 1,7M€ feita polo Goberno galego desde o ano 2015 e que permitiu actuar xa nas vidreiras, na portada occidental, na casa dos Cóengos ou na cuberta do claustro.























A banda presentará o seu espectáculo nunha cita aberta ao público, que promete unha noite de rock e diversión para todos os asistentes.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.
O acto celebrarase este venres 4 de setembro ás 20:30 horas na sala de exposicións. Servirase un viño e un pequeno petisco. A mostra permanecerá aberta ao público ata o 4 de novembro.
O Concello destacou que esta primeira edición nace para impulsar a creación literaria e manter vivo o legado de Manuel García-Galano. A obra gañadora, definida pola autora como unha historia de suspense psicolóxico sobre amizade, lealdade e segredos, engádese á programación cultural da XXXIII Feira Campomar. Con este premio, o concello inicia unha traxectoria destinada a honrar a figura do escritor a través da literatura.
Villares felicitou á entidade lucense polos éxitos acadados na última tempada e puxo en valor “o traballo e dedicación dos nadadores e nadadoras e o esforzo do equipo técnico” do club. Recalcou en especial o impulso ao deporte base dende idades moi temperás, en liña coa aposta da Xunta por fomentar a actividade física entre os nenos e nenas con accións como o programa de deporte escolar Xogade, que no curso pasado chegou case ao 60% do alumnado galego.
Ao longo destas semanas, arredor de 20 nenos e nenas iniciáronse e melloraron as súas habilidades neste deporte, desfrutando do exercicio, aprendendo e pasándoo en grande. O Concello agradece a participación da rapazada e o apoio das familias, e reafirma a súa aposta polo deporte e por ofrecer alternativas de ocio activo para os máis pequenos. A actividade estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil.



