Cervo, 30 de xuño, 2025. O Concello de Cervo pon en marcha unha nova edición do programa “Enredando no verán”, unha proposta educativa e lúdica que se desenvolverá ao longo dos meses de xullo e agosto, con actividades pensadas para as crianzas e a mocidade. A iniciativa terá lugar en diferentes ubicacións, e inclúe clases, obradoiros e dinámicas que combinan aprendizaxe, emocións, expresión artística e benestar.
As actividades estarán repartidas por franxas de idade e ofreceranse de luns a venres, incluíndo:
• Clases de debuxo e teatro os xoves pola mañá, para crianzas de entre 3 e 12 anos. (Comeza a partir do 17 de xullo)
• Talleres de emocións con Tila e Vilma os martes, adaptados a distintos grupos de idade.
• Sesións de lingua de signos, tamén con Tila e Vilma, os venres.
•Clases de ioga, todos os martes e mércores, enfocadas ao benestar físico e emocional.
• Clases de xadrez os luns, para rapazada entre 13 e 18 anos.
• Ademais, organizaranse catro xornadas de rutas en kaiak abertas a todas as idades: os días 4 e 18 de xullo e 1 e 22 de agosto, con saída dende o Porto de San Ciprián a partir das 12:30 h.
Este programa ten como obxectivo fomentar a creatividade, o respecto, a expresión persoal e o contacto coa contorna, ofrecendo unha alternativa de ocio educativa e integradora para as familias durante o período estival.
A participación é totalmente gratuíta, e para algunhas actividades será necesario realizar inscrición previa a través do correo electrónico casadacultura@concellodecervo.com ou no teléfono 982 59 51 57.
Desde o Concello anímase a todas as familias a participar activamente neste programa diverso e enriquecedor, pensado para que a infancia e a mocidade disfruten do verán aprendendo e compartindo.