Ribadeo, 1 de xullo de 2025. Acisa Ribadeo repartirá vasos de plástico ríxido reutilizable como recordo conmemorativo do X Ribadeo Indiano. Trátase de 15.000 recipientes serigrafiados. Na presentación, que tivo lugar hoxe, participaron a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e Acisa.
A presidenta do colectivo empresarial ribadense, Carmen Cruzado, indicou que “Acisa coorganiza xunto ao Concello o Ribadeo Indiano, cita na que nos implicamos de xeito especial, xa que se trata dun evento que cada ano se fai máis importante para o comercio e a hostalería ribadense, e que xera unha actividade económica inigualable. Todos os negocios están agardando por esta fin de semana e prepáranse para atender da mellor forma posible aos milleiros de persoas que do 11 ao 13 de xullo se achegarán á nosa vila. Por iso cada ano, desde a organización do Ribadeo Indiano, tentamos ir a máis e poñemos en marcha iniciativas como a que hoxe damos a coñecer: os vasos do Ribadeo Indiano, que son un auténtico reclamo”.
O xerente da asociación, Jesús Pérez, explicou, que “por iso un ano mais imos repartir de xeito gratuíto 15.000 vasos de plástico irrompible de 600 cc, reutilizables, lavables e de materia prima 100% reciclable, que nace do compromiso da asociación cos nosos socios e socias, neste caso do sector da hostalería, xa que queremos que poidan repartir entre os seus clientes un recordo do Ribadeo Indiano. Somos conscientes ademais de que esta fin de semana os hostaleiros sofren unha perda importante de vasos de cristal, polo que poñemos á súa disposición un xeito de evitalo, ademais de traballar no compromiso de manter as rúas limpas e para evitar cortes ou accidentes innecesarios. Tamén queremos amosar o noso compromiso co coidado do medio ambiente. Este ano ademais aumentamos a cifra de vasos pasando dos 10.000 do ano pasado a os 15.000 neste 2025”.
Cruzado Iglesias dixo que “estes vasos, que poñemos a disposición da hostalaría local asociada a Acisa, están pensados para quedar de recordo nas nosas casas, cun deseño precioso, que recolle a esencia do Ribadeo Indiano. Os vasos deberanse recoller nas oficinas de Acisa ata este venres, 4 de xullo, en horario de 9:00 a 14:30 horas na oficina da nosa asociación na rúa San Roque. Quero agradecer expresamente a colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que cofinancia dita acción”.
Na presentación participaron o deputado responsable da Área de Rural, Mar e Mocidade, Dani García, a presidente e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, e o concelleiro ribadense Pablo Vizoso.
Ampliacións horarias
Os establecementos hostaleiros de Ribadeo poderán abrir dúas horas máis durante as fins de semana do verán e pontes festivas grazas a Acisa.
Pérez Prada explicou que “os establecementos de hostalaría asociados a Acisa Ribadeo, contarán con dúas horas mais sobre a licenza habitual de peche as madrugadas do 11 ao 13 de xullo con motivo do Ribadeo Indiano, do 15 ao 17 de agosto polas festas de San Roque e as madrugadas do 1 ao 8 de setembro, datas nas que se celebrarán as festas patronais. Algo que sen dúbida cremos favorecerá ao sector asociado para poder exprimir ao máximo estes días de gran actividade económica. As ampliacións segundo licenza son as seguintes: os bares e cafeterías poderán pasar de pechar ás 02:30 a facelo ás 04:30 horas, as discotecas e salas de festas poden pasar das 06:00 ás 08:00 e os pubs das 04:00 ás 06:00 da madrugada”.
O xerente de Acisa declarou: “parécenos moi interesante poder ofrecerlle este servizo aos nosos asociados e asociadas, deste xeito dáselles a oportunidade de poder traballar mais horas durante estas datas de gran afluencia turística onde as ceas de amigos e de familia son moitas e as ganas de festexar e celebrar son aínda mais. Así tamén a veciñanza poderá gozar de mais horas de lecer na nosa hostalería. Queremos animar ás veciñas e veciños de Ribadeo e da nosa contorna e aos turistas que nos visitan a desfrutar das fines de semana de verán na hostalaría ribadense, que ten moito que ofrecer, tamén polas noites, onde atopamos locais cun ambiente impecable, con persoal cualificado e trato amable, e por iso animamos a todas e todos a gozar do verán na nosa hostalería, nos seus locais e nas súas terrazas. Agardamos que este sexa un grande verán para todo o sector empresarial de Ribadeo, porque iso redundará de xeito moi positivo no noso municipio”.
Rebaixas de verán no CCA ribadense
A presidenta da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, Carmen Cruzado, manifestou que “dende hai uns días demos por inauguradas oficialmente as rebaixas de verán en Ribadeo. Moitos comercios xa as adiantaron e outros estano a facer no dia de hoxe. Durante xullo e agosto centos de negocios terán grandes descontos e múltiples artigos de tempada a prezos moi interesantes, polo que animamos á veciñanza e aos visitantes a aproveitar esta gran cita. Nesta campaña de rebaixas coma noutras, desde Acisa apoiamos aos nosos negocios con materiais gratuítos, que xa foron repartidos, como cartelería anunciadora das rebaixas, tarxetas co antes e o despois da aplicación dos descontos correspondentes, así coma con publicidade en redes sociais”.
Cruzado Iglesias subliñou: “animamos a mercar no Centro Comercial Aberto coas mellores vistas e lembrámoslle á clientela do comercio, da hostalería e dos servizos asociados a Acisa que pida as súas papeletas para ter a posibilidade de participar no sorteo dunha viaxe a México para dúas persoas, que realizaremos o vindeiro 13 de xullo no marco do Ribadeo Indiano 2025. Que ninguén esqueza solicitar as súas rifas. Hai repartidas 160.000”.
A presidenta de Acisa engadiu: “como sempre dicimos Ribadeo é o mellor Centro Comercial Aberto, xa que aquí se pode disfrutar dunha experiencia integral de ocio e de compras e queremos demostralo dando os mesmos servizos que as grandes áreas comerciais das cidades, por iso queremos recordar tamén aos nosos asociados e asociadas que para esta temporada de verán que xa comezou, dispoñen de múltiples materiais gratuítos que poden solicitarnos: bolsas para o comercio, envases de comida para levar para hostalaría ou mapas turísticos e pases para visitar as Catedrais destinados aos hoteis. Así como os propios materias de rebaixas para o comercio”.