Alfoz, 8 de xullo de 2025. O Concello de Alfoz informa de que xa está rematada a obra de reparación do muro de contención situado na subida ao Castelo de Castrodouro, unha actuación clave para garantir a seguridade e a conservación deste emblemático monumento, declarado Ben de Interese Cultural dende 1994.
A intervención foi financiada a través do Plan Deputación Cooperación cos Concellos, cunha achega de 35.965 euros. A obra foi executada tras detectar a presenza dunha bolsa de auga que estaba a provocar danos estruturais no muro. Unha vez realizado o estudo técnico correspondente, procedeuse á súa consolidación e estabilización.
“Era unha actuación urxente e prioritaria. Grazas á axilidade dos traballos conseguimos rematalos antes da celebración do Mercado Medieval, garantindo así o acceso seguro ao castelo tanto para veciñanza como para visitantes”, explicou a alcaldesa, Efigenia Maseda.
O Concello anuncia ademais que, como parte dunha segunda fase de melloras, tamén está prevista a impermeabilización da canaleta da fortaleza, co obxectivo de evitar futuras filtracións de auga e continuar co labor de preservación do edificio.
Estas actuacións reflicten o compromiso do Concello de Alfoz coa posta en valor do seu patrimonio histórico e co impulso do turismo na comarca.