- Remataron as Noites de Volei Praia en Cervo
Resultaron gañadores na Categoría SUB 15: Los Reversos. Categoría Sénior: Doloringues. Entregaron as medallas os edís Alfredo Fernández e Adrián Arias. As actividades seguen o martes, 8 de xullo, coas Noites de Fútbol Praia.
- En Academia A Mariña deu comezo a décimo segunda edición da Escola de Minitalentos
Prolongarase ata a primeira semana do mes de setembro “co obxectivo de axudar na conciliación familiar e laboral ao longo de todo o verán”, explica a súa directora, Raquel Hermida. A Escola de Minitalentos, dirixida a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, abre de oito da mañá a tres da tarde: “os asistentes poden incorporarse ás actividades e talleres ao longo da mañá”.
- Aínda que o tempo non acompañe non hai lugar para o aburrimento no Cervo Concilia
Tirando sempre de creatividade e imaxinación, tamén aproveitaron para saír a mercar froita ao Mercado que se celebra cada xoves na Praza dos Campos. Unha forma tamén de fomentar a alimentación saudable e a aprendizaxe activa.
- Con motivo da celebración do Mercado Renacentista, o servizo de recollida de lixo no casco histórico de Viveiro sufre modificacións a partires deste xoves
Debido á instalación dos postos, non será posible realizar o sistema habitual de «quita e pon», polo que se instalarán contedores fixos nos puntos indicados no plano elaborado para tal fin. Ademais, colocaranse contedores de reforzo nas seguintes localizacións: Praza Maior. Rúa Irmáns Vilar Ponte. Rúa Fernández Victorio. O Concello agradece a colaboración da veciñanza e do sector hostaleiro no uso responsable dos contedores, recollida de residuos xerados nos espazos cedidos, así como que estes espazos sexan mantidos en condicións axeitadas.
- Fin de semana de música e teatro con motivo do segundo aniversario da Taberna Galiana, aproveitando tamen a distinción de Solete Repsol do restaurante
O sábado a partir das 21h espectáculo de narración oral a cargo de Lîlâ Teatro coa obra "Estremonías da Silva" e á súa finalización, música tradicional con Os Carricantos. O domingo, toca sesión vermut da man de José Brea & Miguelón a partir das 13h, para disfrutar dun aperitivo antes do xantar. Como sempre, acompañado das tapas de Galiana e do mellor ambiente.
- Ángela Alcántara Coto, Marcela Pérez-Magdalena Villar, Eduardo Veiga Otero, e Antonio Florín Parlogea, do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, recibiron o premio MEGAU 2025
Trátase dunha homenaxe que as universidades públicas galegas en colaboración coa Consellería de Educación renden ao estudantado con mellores expedientes de Galicia nas probas de acceso á universidade, sendo necesario acadar nota igual ou superior a 8,5 na fase xeral da PAU. O acto celebrouse na Universidade de Vigo o pasado 20 de xuño, onde lles foron entregados os diplomas que os acreditan como alumnado sobresaínte. Dende o IES de Ribadeo, parabéns aos homenaxeados polos resultados acadados e tamén a tódolos compañeiros e compañeiras que superaron a PAU polo esforzo realizado.
- O grupo dos maiores de Cervo Concilia fixo este mércores unha saída á praia para recoller tesouros naturais: cunchas, area, pedras e outros materiais especiais
De volta no obradoiro, estes verdadeiros artistas puxeron toda a súa creatividade para elaborar preciosos marcos personalizados. Cada marco é único, feito con moito agarimo e cun anaquiño da nosa costa.