O líder socialista criticou que os populares “falan aquí de protexer o medio rural, e na UE non son capaces de sacar uns orzamentos que permitan o sustento das granxas”
Meira, 22 de xullo de 2025. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, achegouse hoxe á granxa da Gaigo SAT, situada no concello de Meira e que reflicte a realidade da maior parte das explotacións galegas. Tras coñecer o funcionamento dunhas instalacións nas que a día de hoxe se atopan 250 vacas para a produción de leite e de conversar cos socios sobre o impacto que tería a redución da PAC que vén de anunciar a Comisión Europea, o líder socialista mostrouse “moi preocupado” polo impacto que tería esa decisión de levarse a cabo. De feito, cualificou a medida de “salvaxada”.
Besteiro estivo acompañado durante a visita polo presidente da Deputación de Lugo, José Tomé; a deputada autonómica e secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, e os alcaldes de Meira, Antonio de Dios, e de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández. Tras o percorrido, criticou que as políticas que está impulsando o Partido Popular desde a Comisión Europea, na que dispón de maioría, ameazan con afectar gravemente ás explotacións gandeiras galegas. Por iso reclamou “negociación e presión” para evitar a redución do 20 % nos fondos destinados á PAC, incluída no Marco Financeiro Plurianual 2028-2034.
“O PP está sacando adiante políticas cun claro sesgo de dereitas e volvendo aos recortes”, advertiu. Por iso, cominou a Feijoo e a Rueda a que cando vaian a Europa “non o fagan só para torpedear o uso do galego, senón que se poñan as pilas e reivindiquen ante o Partido Popular Europeo que mude ese xeito de facer política que prexudica ás nosas explotacións”.
José Ramón Gómez Besteiro lembrou que as axudas directas aos custes de produción permiten manter a economía das explotacións gandeiras, pero á vez evitan que se disparen os prezos de produtos básicos cando chegan ao consumidor. Engadiu, ademais, que esas subvencións contribúen ao sostemento de pequenas granxas e ás economías familiares no medio rural nun momento no que cada día pecha unha explotación en Galicia. Só o ano pasado, foron 372, e desde o 2015, fixérono 4.359.
Iso acontece na que é a novena rexión europea en canto a produción leiteira, con 6.170 explotacións que o ano pasado produciron máis de 3 millóns de toneladas de leite e facturaron un total de 1.352 millóns de euros.
O secretario xeral do PSdeG recordou, ademais, que o plan de reducir a PAC de 378.000 millóns a só 302.000 ven acompañado doutro recorte para o sector primario, neste caso o da pesca, que pasaría de contar con 6.000 millóns a unicamente 2.000, o que supón unha redución de dous terzos das achegas. “É unha verdadeira traxedia á que entre todos temos que poñerlle remedio”, advertiu Besteiro. “O PP, que tanto fala aquí, en Galicia, de protexer o medio rural, despois en Europa non é capaz de sacar uns orzamentos que permitan o sustento das explotacións”, censurou.
Durante a visita, Besteiro comentou cos socios os pormenores da histórica redución de axudas, que significarían unha tallada moi importante nas subvencións directas (FEAGA) e por outra banda practicamente eliminarían as políticas de desenvolvemento rural (FEADER), co resultado de menos fondos para servizos, infraestruturas, dixitalización, e, por tanto, máis dificultades para asentar xente nova nun rural que está a sufrir un grave despoboamento.
Tamén explicaron que a PAC proporciona seguridade ante a flutuación dos prezos, do que se beneficia especialmente o consumidor, pero tamén contribúe de xeito decisivo a soster empregos. Actualmente, na Gaigo SAT, que abriu hai 25 anos, traballan 5 persoas, tras a ampliación das instalacións hai tres anos para contar con 70 vacas máis. A granxa conta cunha vaca, Coviña, galardoada na MOEXMU pola súa alta produción. Nos seus 8 anos de vida leva 6 partos e produciu cerca de 100.000 litros de leite.


























A iniciativa busca poñer en valor a diversidade cultural do municipio a través da gastronomía, convidando ás persoas de diferentes países a elaborar pratos típicos que se ofrecerán de forma gratuíta ao público. O Concello asumirá o custo dos ingredientes e asignará a cada participante un posto identificado co seu país de orixe. As inscricións poden realizarse ata o 29 de xullo enviando un correo a feiras@vilalba.es. Rouco chamou á participación para seguir construíndo unha Vilalba aberta e integradora, nunha feira que quere consolidarse como espazo de convivencia e dinamización da feira tradicional.
Ata o 4 de agosto poderán realizarse as renovacións, mantendo as tarifas aprobadas en asemblea: 200 € e 250 € para adultos, e acceso gratuíto para menores grazas ao convenio coa Fundación Imdecum, con opción voluntaria de abono infantil por 40 € con reserva de asento. A partir do 5 de agosto activaranse as novas altas. Os abonos poderán tramitarse a través de CLUBER ou presencialmente na oficina do club, con horario de mañá e tarde en xullo e só de mañá en agosto.
A Presidenta Carmela López destacou o valor deste produto emblemático da Mariña e o traballo do sector pesqueiro. Rocío Rivera e Herminia Pernas puxeron en valor a tradición mariñeira de Burela e o papel dos mariñeiros da Moncloa. O público degustou 450 tapas elaboradas con bonito nunha xornada que serviu de escaparate desta cita gastronómica e de convite a visitar Burela a próxima fin de semana.
As crianzas desfrutaron dunha refrescante xornada con inchables e xogos acuáticos na contorna do complexo deportivo da Veiga.
Trátase dunha mostra de 28 fotografías de gran formato do naturalista Ezequiel Martínez que reivindica a diversidade e a conservación da fauna salvaxe. A iniciativa, organizada polo Concello da Pastoriza en colaboración con ABANCA e Afundación dentro do proxecto Corrente cultural, poderá visitarse de balde ata o 26 de agosto. As imaxes, acompañadas de textos divulgativos elaborados por especialistas de Naturnova, amosan especies emblemáticas como o oso pardo, a cegoña, o cervo ou a aguia imperial, convidando a reflexionar sobre a importancia de protexer o patrimonio natural.
O campo de fútbol do Cascabeiro acolleu o pasado sábado a III Festa do Mexillón, organizada polo Celta Barreiros. Centos de persoas achegáronse a gozar dunha tarde de gastronomía e de música. En total foron servidas 670 racións entre veciñanza e visitantes, que saborearon mexillóns e lacón. Os organizadores amosasen satisfeitos da acollida: “estamos contentos pola boa resposta dos asistentes”. E tiveron palabras de agradecemento “para os Concellos de Barreiros e de Foz pola boa colaboración”.



