A Xunta de Goberno deu luz verde a estes contratos nos que se inclúe a cobertura na área de formación básica e instrumental, en actividades e programas, e en servizos xerais para a promoción da autonomía persoal
Lugo, 24 de xullo de 2025. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este xoves a licitación dos contratos para a prestación dos servizos básicos nos 9 Centros de Atención a Maiores que a institución provincial ten en funcionamento por un importe conxunto de case 7M€. Así o avanzou a Voceira Socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen detallou que “a duración do contrato será dun ano prorrogable por outras tres anualidades máis”.
Nestes contratos inclúese a cobertura na área de formación básica e instrumental, en actividades e programas, e tamén en servizos xerais para a promoción da autonomía persoal e a atención aos usuarios e usuarias como alimentos, bebidas, produtos de hixiene, etc. Ademais, inclúense os custes derivados da contratación de persoal necesario para dar cobertura a este tipo de prestacións: persoal de limpeza, persoal de cociña e xerocultores e xerocultoras.
García Porto avanzou que son preto de 7M€ de orzamento que se licitan en contratos individuais para cada centro:
-688.974€ para o Residencial O Castro, en Castroverde.
-662.174,24€ para o Centro de Atención a Maiores da Fonsagrada.
-717.444€ para a residencia de Meira.
-707.194,80€ tanto para a o Centro de Navia de Suarna como para o de Pedrafita do Cebreiro.
-834.968€ para o de Pol.
-1.020.364,80€ para o de Ribadeo.
-692.428,36€ para o Centro de Ribas de Sil.
-888.264€€ para o de Trabada.
“Estas cifras dan conta do gran esforzo investidor que estamos a facer para manter os centros de atención a maiores que puxemos en marcha desde a institución provincial. Asegurando así os mellores coidados e as mellores condicións de vida e de benestar dos 293 usuarios e usuarias que atendemos nos nosos centros”, recalcou a voceira.
Reto demográfico e falta de prazas
García Porto resaltou que Galicia é a segunda comunidade autónoma máis envellecida de España, e que a provincia de Lugo ocupa o segundo posto entre as provincias galegas con maior porcentaxe de persoas maiores, por detrás de Ourense. “Uns datos que claramente demostran o reto demográfico ao que debemos facer fronte e que evidencian a necesidade urxente de contar con centros que garantan unha atención digna e de calidade para os nosos maiores”.
Neste sentido, a Voceira avanzou que Galicia “non só encabeza os rankings de envellecemento poboacional, senón que tamén é a cuarta comunidade de España cunha maior carencia de prazas en residencias de maiores. Hai un déficit de case 14.000 prazas para alcanzar o ratio recomendado pola Asociación de Directoras e Xerentes en Servizos Sociais, que establece un mínimo de 5 prazas por cada 100 persoas maiores de 65 anos”.
Centros residenciais de titularidade e xestión pública
Co fin de dar resposta a esta “preocupante situación, e ante o abandono que leva amosando a Xunta de Galicia con competencias neste eido” a Deputación de Lugo puxo en marcha unha rede de centros residenciais de titularidade e xestión pública. “Un modelo que sacamos adiante en solitario, sen ningún tipo de colaboración, nin económica nin en materia de xestión por parte da Xunta de Galicia, que como saben, é a Administración que por Lei, ten atribuídas as competencias en servizos sociais”.
A institución provincial ten nestes momentos 9 residencias abertas (Castroverde, A Fonsagrada, Meira, Navia de Suarna, Pol, Ribadeo, Ribas de Sil e Trabada) e “avanzamos a bo ritmo na construción dos centros de Becerreá, Guitiriz, A Pobra do Brollón e A Pontenova. E á vez, seguimos traballando nos proxectos dos centros que se abrirán en Portomarín, Ourol, Cervantes, Folgoso do Courel e Pantón”.
Modelo de atención integral centrado nas persoas
Un total de 18 Centros de Atención a Maiores centrados nas persoas, que garanten un acceso xusto e en igualdade de condicións. García Porto recalcou que “todos eles están situados en concellos de menos de 20.000 habitantes, favorecendo así a permanencia dos residentes no entorno máis próximo e evitando o desarraigo territorial e emocional.
De feito, o 85 % das persoas usuarias proceden do propio municipio no que se atopa o centro ou de concellos limítrofes, o que reforza os vínculos sociais e familiares”.
A Voceira do Goberno fixo referencia a que ademais de ofrecer atención aos usuarios e usuarias, tamén mantén uns 230 postos de traballo directos, “o 95% deles ocupados por mulleres, o que potencia directamente o emprego feminino. Ademais, xeran outros postos indirectos ligados a servizos auxiliares que demandan os propios centros.”



























A iniciativa busca poñer en valor a diversidade cultural do municipio a través da gastronomía, convidando ás persoas de diferentes países a elaborar pratos típicos que se ofrecerán de forma gratuíta ao público. O Concello asumirá o custo dos ingredientes e asignará a cada participante un posto identificado co seu país de orixe. As inscricións poden realizarse ata o 29 de xullo enviando un correo a feiras@vilalba.es. Rouco chamou á participación para seguir construíndo unha Vilalba aberta e integradora, nunha feira que quere consolidarse como espazo de convivencia e dinamización da feira tradicional.
Ata o 4 de agosto poderán realizarse as renovacións, mantendo as tarifas aprobadas en asemblea: 200 € e 250 € para adultos, e acceso gratuíto para menores grazas ao convenio coa Fundación Imdecum, con opción voluntaria de abono infantil por 40 € con reserva de asento. A partir do 5 de agosto activaranse as novas altas. Os abonos poderán tramitarse a través de CLUBER ou presencialmente na oficina do club, con horario de mañá e tarde en xullo e só de mañá en agosto.
A Presidenta Carmela López destacou o valor deste produto emblemático da Mariña e o traballo do sector pesqueiro. Rocío Rivera e Herminia Pernas puxeron en valor a tradición mariñeira de Burela e o papel dos mariñeiros da Moncloa. O público degustou 450 tapas elaboradas con bonito nunha xornada que serviu de escaparate desta cita gastronómica e de convite a visitar Burela a próxima fin de semana.
As crianzas desfrutaron dunha refrescante xornada con inchables e xogos acuáticos na contorna do complexo deportivo da Veiga.
O campo de fútbol do Cascabeiro acolleu o pasado sábado a III Festa do Mexillón, organizada polo Celta Barreiros. Centos de persoas achegáronse a gozar dunha tarde de gastronomía e de música. En total foron servidas 670 racións entre veciñanza e visitantes, que saborearon mexillóns e lacón. Os organizadores amosasen satisfeitos da acollida: “estamos contentos pola boa resposta dos asistentes”. E tiveron palabras de agradecemento “para os Concellos de Barreiros e de Foz pola boa colaboración”.
Familias, amizades e persoas de todas as idades viviron cada xogada e cada aplauso, evidenciando que o fútbol é tamén unha oportunidade para fortalecer a convivencia e a unión da veciñanza. O municipio felicitou á Selección Española polo seu título mundial, un éxito histórico que fixo vibrar a toda a comunidade.
Trátase dunha mostra de 28 fotografías de gran formato do naturalista Ezequiel Martínez que reivindica a diversidade e a conservación da fauna salvaxe. A iniciativa, organizada polo Concello da Pastoriza en colaboración con ABANCA e Afundación dentro do proxecto Corrente cultural, poderá visitarse de balde ata o 26 de agosto. As imaxes, acompañadas de textos divulgativos elaborados por especialistas de Naturnova, amosan especies emblemáticas como o oso pardo, a cegoña, o cervo ou a aguia imperial, convidando a reflexionar sobre a importancia de protexer o patrimonio natural.



