O Consello da Cultura Galega (CCG) é un órgano recoñecido no Estatuto de Galicia e na súa lexislación de desenvolvemento básico para o asesoramento da Xunta de Galicia, mais foi definido para desenvolver a súa alta función consultiva non dun xeito a demanda, senón proactivo, nomeadamente por se alicerzar tamén nas Universidades e noutros entes académicos e de estudos. Deste xeito (artigo 6 da súa Lei reguladora) cómprenlle, entre outras, as seguintes funcións : i) analizar cantas cuestións se refiran ao patrimonio cultural, ii) fomentar a lingua e a cultura galegas, iii) investigar e valorar as necesidades culturais do pobo galego, iv) asesorar e consultar ós poderes da Comunidade Autónoma no que xulgue preciso para a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego. e v) elevar ao Poder Galego informes e propostas a favor da defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego. Ningunha dúbida, pois, a respecto da súa capacidade xurídica para analisar os problemas do galego e buscar solucións.
Dende a lexitimidade de orixe destes alicerces estatutarios o CCG ven de xustificar a súa lexitimidade de exercicio presentando o estudo “Un país coa súa lingua”, que ten o acerto de se elaborar dende un foro participativo no que se escoitou ás Administracións, comunidade educativa e científica, sector cultural e creativo, tecido económico e sociedade civil. Deste xeito considera o CCG que pola diversidade de perfís evítanse nesgos de elite e pola infraestrutura participativa detéctanse barreiras operativas “…que non adoitan aparecer nas estatísticas”. Por outra banda, o estudo esixe unha metodoloxía aplicativa que require i) proba, ii) medición, iii) xeneralización e iv) publicación de resultados. As medidas haberán ter obxectivos claros, métrica sinxela e un responsábel de publicar os resultados, cando menos anualmente, de xeito que as medas de hoxe alimenten as reformas do mañá. É dicir, todo o contrario do que acompañou na (non) execución do Plan de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade no 2004 polo noso Parlamento.
Cómpre salientar como o CCG constata a fenda entre dereitos e prácticas. Malia a liberdade teórica, no plano xurídico, de usarmos do galego, o CCG conclúe unha clara asimetría: mentres quen desexa vivir en castelán faino sen restrición ningunha, quen desexamos vivir en galego atopamos “...ausencia ou baixa calidade de opcións en trámites, atencións e contidos…”, concreta, mais non exclusivamente, na educación, na xustiza e na sanidade.
Tamén constata o CCG graves eivas na socialización e transmisión interxeracional do galego cun lecer dixital e mediático producido maioritariamente noutras linguas e operando dinámicas de grupo que penalizan o uso do galego. Pola súa banda os servizos de normalización están infradotados e mal coordinados, a infraestrutura dixital e tecnolóxica é ”incompleta” e padecemos un déficit de información xeral, faltando “…unha práctica estendida de rendición pública de contas e publicación periódica de resultados”.
“Un país coa súa lingua” organiza as súas propostas en dous níveis: inmediatas (non requiren remudas normativas e xeran impacto rápido e concreto) e estruturais, que si requiren as devanditas remudas e teñen un meirande impacto futuro. Unhas e outras estrutúranse en sete liñas transversais: 1) gobernanza e planificación, 2) contratación pública e calidade de servizo, 3) educación e socialización, 4) infraestrutura dixital e tecnoloxías lingüísticas, 5) medios, cultura e acción exterior, 6) economía, turismo e deporte e máis 7) sociedade, crenzas e participación.
A metodoloxía novidosa deste documento ofrece unha base común para Administracións Públicas, sociedade civil, educación e tecido empresarial e asociativo para que cada quen poida desenvolver e verificar resultados das accións que execute en cadanseu ámbito de actuación. Velaí que a Xunta non poida cuestionar esta metodoloxía de análise nin se pechar nos preconceitos (bilingüismo cordial e equilibrado ou o amplo coñecemento teórico do galego) aos que nos ten tan afeitos.
E velaí, tamén, que consideremos que paga a pena seguir a debullar, nas vindeiras semanas, estas propostas do CCG en cadanseu deses sete eixos sectoriais.


















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



