A deputada Montse Valcárcel asegura que é unha legalización encuberta a plantacións ilegais e deseñada á medida de Altri, Ence e Navigator
Santiago de Compostela, 22 de outubro, 2025. A portavoz de Montes e Industrias Forestais do BNG, Montse Valcárcel, denunciou no Parlamento galego que a chamada “moratoria flexíbel” que a Xunta pretende aprobar supón, na práctica, a vía libre para unha expansión masiva do eucalipto, especialmente da especie Nitens, en amplas zonas da provincia de Lugo e noutras comarcas até agora afastadas do monocultivo forestal.
Segundo explicou, o novo marco proposto pola Xunta facilita un sistema de “permutas” que permitiría substituír plantacións pouco rendíbeis no sur de Galiza por novas masas de eucalipto en áreas húmidas e fértiles do norte, como as Terras de Ordes, o centro e o sur de Lugo ou a franxa norte do Ulla. “É unha operación deseñada á medida das grandes pasteiras Ence, Altri e Navigator, as que cualificou como a “Santísima Trindade pasteira” e que —engadiu— xa operan como auténticos planificadores do territorio galego, sen control público nin transparencia”.
“Quen decide e planifica o monte galego non é a Administración, senón as grandes pasteiras, ao abrigo de portas xiratorias e intereses electorais”, recalcou.
Advertiu, na súa interpelación á conselleira do Medio Rural que, por primeira vez, as cortas de Nitens superan ás de Globulus, desprazando o centro de gravidade do negocio forestal cara zonas interiores, como o Distrito Santiago–Meseta Interior, que xa superan Ortegal e A Mariña en volume de corta. “Estamos diante dunha mudanza estrutural no modelo forestal galego, sen debate público, sen avaliación ambiental e ao servizo exclusivo da industria pasteira”.
Valcárcel criticou tamén que esta suposta moratoria é, en realidade, unha legalización encuberta de miles de hectáreas de eucalipto plantadas ilegalmente nos últimos anos, a través de mecanismos como modificacións urbanísticas, instrumentos de ordenación parciais ou simple inacción administrativa. “Segundo datos da Asociación Profesional de Enxeñería Forestal da Xunta de Galicia (Apenfoga), hoxe sae máis barato pagar unha multa que arrincar unha plantación ilegal”, denunciou.
A portavoz do BNG puxo o foco sobre a situación do sector do piñeiro, “totalmente abandonado pola Xunta”, e acusou ao Goberno galego de permitir —e mesmo incentivar— a súa substitución por eucalipto, sen ningún plan de protección, prevención de pragas ou reforestación. “O desmantelamento do piñeiro é o desmantelamento dun sector clave para a economía, o emprego, a industria e o equilibrio ambiental do noso País”, afirmou.
Valcárcel lembrou que Galiza corta anualmente 5,5 millóns de toneladas métricas de eucalipto, das cales menos da metade fica no País, e até un 17% é exportado directamente a Portugal. Apuntou que, só entre xaneiro e outubro de 2024, empresas como Altri ou Navigator extraeron máis de 673.000 toneladas métricas da madeira galega. “Un modelo produtivo que expulsa valor fóra do noso territorio, debilita a nosa economía e entrega a soberanía forestal aos intereses externos”, advertiu.
Solucións reais, non monocultivo
A deputada nacionalista, na súa intervención, fíxose eco das advertencias do sector gandeiro que sinalan o perigo desta moratoria pola destrución que suporía para os pastos e pradarías e para o futuro da gandaría galega ou o sector lácteo, así como pola desertificación do rural produtivo á que levaría.
As solucións propostas polo colectivo pasan por unha ordenación territorial real, planificada polo interese público, non pola lóxica do monocultivo industrial. “Cómpre combinar produción forestal lexítima, actividade agrogandeira, recuperación de especies autóctonas, e protexer a multifuncionalidade e biodiversidade de Galiza”, expresou Valcárcel.
A responsable de Montes e Industrias forestais do BNG tamén afeou que o Goberno de Rueda faga “oídos xordos” ás advertencias da comunidade científica. “Os estudos universitarios galegos alertan desde hai anos dos perigos ambientais, sociais e económicos do avance do eucalipto: incremento do risco de incendios, perda de biodiversidade, degradación do solo, ou o impacto nas actividades agrarias e gandeiras.
“Galiza non pode resignarse a ser un territorio ao servizo das pasteiras, á maquillaxe forestal ou á ocultación da evidencia científica e institucional”, manifestou, para pedir a continuación “acción real, vixilancia efectiva, transparencia e respecto polo coñecemento” emprazando así mesmo a que se publiquen xa os datos do Inventario Forestal Continuo 2024 porque “se desaparece o monte, desaparece Galiza” e “a historia saberá quen foi responsable”, sentenciou.




















Varios grupos participan en obradoiros de cestería na Devesa e de manualidades en Rinlo, Cinxe e As Anzas. A Área de Benestar Social, Saúde e Familia quere “potenciar deste xeito a convivencia e encher de propostas os locais sociais do noso concello e de entretemento ás persoas que viven nas parroquias de Ribadeo”.
A programación inclúe propostas variadas como cociña, manualidades, cestería, risoterapia, baile e poda, pensadas para ofrecer alternativas de lecer e fomentar un envellecemento activo entre a veciñanza. Desde o Concello destacan que as actividades “están a ter unha resposta moi positiva por parte dos veciños e veciñas”, o que demostra o interese por este tupo de propostas. Neste sentido, poñen en valor a importancia de promover este tipo de iniciativas, xa que “contribúen a promover un envellecemento activo e melloran a calidade de vida das persoas, xa que fomentan a participación social e serven como punto de encontro”.
O tráfico estará regulado por semáforos e está previsto que este venres rematen as obras.
O xurado profesional outorgou o primeiro premio ao Restaurante Ca Vitoriano por “El susurro del llagar”, seguido do Blanco Hotel Spa e de Los Olivos. No xurado popular, o triunfo foi para Los Olivos, acompañados no podio polo Novak Café e A Mar de Fondo. O Concello de Navia destacou o impacto do evento no dinamismo da vila e o papel clave da hostalaría como motor económico e turístico.
Fixoo no marco do Campionato Galego de Coctelería celebrado no Hostal dos Reis Católicos.
O presidente, José Manuel Gómez Puente, destacou o bo tempo e o reencontro do grupo nun percorrido de 22 km entre Pedrafita e Triacastela. A próxima etapa será o 1 de maio, entre Triacastela e Sarria, e xa está aberta a inscrición no teléfono 623 22 68 25.
Ás doce en punto, tres foguetes —un por cada palabra do nome oficial— foron lanzados desde O Castrodouro, capital histórica do termo municipal e orixe da localidade, pois alí, hai 806 anos, Afonso IX concedeu o título de vila e todo un distrito que administrar; episodio histórico do que deriva o nome do concello. Os veciños reunidos mostraron a súa satisfacción pola recuperación da denominación histórica, afirmando moitos deles que nunca deixaran de empregar o nome completo. Do mesmo xeito, os maiores agradeceron aos impulsores da iniciativa a restitución do topónimo que a historia legou ao municipio alfocés.



