Cómpre insistir na importancia de reforzar as medidas de bioseguridade, así como intensificar a vixilancia das aves domésticas e silvestres, comunicando aos Servizos Veterinarios Oficiais calquera sospeita da enfermidade

NUEVOS POST AYTO NAVIA – 212
Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2025. A Consellería do Medio Rural informa das medidas de prevención adoptadas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, en coordinación coas comunidades autónomas, ante o incremento da influenza aviaria e como reforzo, por tanto, para protexer as explotacións avícolas galegas. Estas normas entrarán en vigor a partir do vindeiro luns, 10 de novembro.
Deste xeito, a partir desa data, aplicaranse diferentes medidas nos territorios denominados Zonas de Especial Risco (ZER) e Zonas de Especial Vixilancia (ZEV) de Galicia, definidas na Orde APA/2442/2206, de 27 de xullo, publicada polo Ministerio, pola que se establecen medidas específicas de protección en relación coa influenza aviaria.
Deste xeito, queda prohibida a cría de aves de curral ao aire libre, aínda que cando isto non sexa posible en determinadas circunstancias, estará permitido sempre que existan medidas de bioseguridade que garantan a ausencia de contacto, directo ou indirecto a través da auga ou alimento, das aves de curral con aves silvestres. Tamén se prohibe a cría de patos e gansos conxuntamente con outras especies de aves de curral, así como o emprego de aves das ordes Anseriformes e Charadriiformes como reclamos nas actividades cinexéticas.
Outra das medidas é a prohibición de dar auga ás aves de curral procedente de depósitos aos que poidan acceder aves silvestres, agás no caso que sexa tratada con métodos que garantan a inactivación do virus da influenza aviaria. Ademais, os depósitos de auga situados no exterior requiridos por motivos de benestar animal para determinadas aves de curral, deben estar protexidos suficientemente contra as aves silvestres.
Por último, queda prohibida a presenza de aves de curral ou outro tipo de aves cativas nos centros de concentración de animais como os mercados e certames gandeiros, mostras, exhibicións ou celebracións culturais, así como calquera concentración de aves de curral ou outro tipo de aves cativas. Como excepción, determinadas concentracións de aves poderán ser autorizadas pola autoridade competente tras unha avaliación individual de risco.
Estas medidas que xa estaban en vigor para os 11 concellos ZER, refórzase agora para as ZEV. Os ZER están conformados por A Illa de Arousa, Cambados, O Grove, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo, Vilanova de Arousa, na provincia de Pontevedra; Xove, na de Lugo; e Cerceda, Ordes e Tordoia, na da Coruña. En ZEV son Cariño, Dumbría, Mazaricos, Ortigueira, Porto do, Son Rianxo, Ribeira, Vimianzo e Zas, na provincia da Coruña; Ribadeo e Trabada, en Lugo; Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Vilar de Santos e Xinzo de Limia, en Ourense; e A Guarda, Marín, Meis, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela, O Rosal, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa, en Pontevedra.
Avaliación de riscos epidemiolóxicos
As novas normas adóptanse trala análise semanal dos riscos epidemiolóxicos de presenza desta enfermidade a nivel nacional, que poñían de manifesto un aumento do número de casos detectados nas últimas semanas, tanto en aves silvestres como en aves de curral, non só en España, senón tamén en países europeos da nosa contorna.
Na actual campaña de vixilancia da influenza aviaria na Unión Europea (e máis Noruega e Reino Unido) confirmáronse un elevado número de focos de Influenza Aviaria de Alta Patoxenicidade (IAAP) respecto a anos precedentes. Así, desde o 1 de xullo e ata o 5 de novembro detectáronse un total de 139 focos de en aves de curral, 708 en aves silvestres e 33 en aves cativas, correspondendo a España 14 en aves de curral, 68 en aves silvestres e 5 en aves cativas. En Galicia, neste mesmo período foron notificados un total 9 de focos, todos en aves silvestres.
A diminución previsible das temperaturas nas próximas semanas, así como a existencia nestas datas das migracións anuais de aves procedentes do centro e norte de Europa e de Asia, que pasan por España na súa ruta cara a África, son factores que contribúen a que a situación de risco sexa moi elevada en Galicia e no resto do Estado, motivo polo cal se adoptaron as medidas descritas.
Medidas de bioseguridade
Dada a relevancia do sector avícola en Galicia, desde a Consellería do Medio Rural vólvese a insistir na importancia de reforzar as medidas de bioseguridade das explotacións avícolas galegas, tanto das industriais como das familiares, especialmente as destinadas a evitar o contacto con aves silvestres, así como intensificar a vixilancia das aves domésticas e silvestres, comunicando de inmediato aos Servizos Veterinarios Oficiais calquera sospeita da enfermidade. No caso das aves silvestres esta comunicación pódese levar a cabo a través do teléfono de atención á cidadanía 012.
Cómpre lembrar que o serotipo vírico detectado (H5N1) ten demostrado un escaso carácter zoonótico, aínda que por un principio básico de bioseguridade, recoméndase non manipular aves atopadas enfermas ou mortas e comunicar o feito aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.





















O actor e humorista continuará a súa xira pola comarca e presentará esta mesma proposta en Burela o venres 27 de marzo, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura. O monólogo combina imaxes e historias, con contidos novos e outros xa coñecidos, sempre cun humor moi persoal. A función está recomendada para maiores de 14 anos e as entradas, a 5 euros, poderán adquirirse no despacho de billetes desde unha hora antes. O evento conta coa colaboración do Concello de Burela, a Xunta de Galicia, a Agadic e a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).
López agradeceu á Academia Galega do Audiovisual por escoller Lugo e destacou a importancia do evento para visibilizar o talento local e o apoio provincial ao sector. A gala contou cunha ampla representación lucense: Nuno Pico e Xaime Miranda polo videoclip Antes fun moi malo; Fran Fórneas e Sergio Marey por Ferido do Xoán; Sabela Ramil e Andrea Mesa por Non cho podo dar; o dúo Fillas de Cassandra; e o burelés Breixo Llano, do equipo de Cos pés na terra. Ademais, a película Sirāt, do naviego Oliver Laxe, foi unha das grandes favoritas con 14
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.



