Efrén Castro: “presentamos uns orzamentos útiles para o tecido produtivo e social da provincia e esenciais para soster a capacidade investidora dos concellos co Plan Deputacíon”
Lugo, 14 de novembro de 2025. O goberno provincial presentou esta maña a proposta de orzamentos da Deputacíon de Lugo para 2026, que ascenden a 135,2 millóns de € e que se aprobarán no vindeiro pleno ordinario, o 25 de novembro.
O vicepresidente da Deputación Efrén Castro subliñou a importancia de “concretar unha proposta de orzamentos, que canalice a acción política e poña os recursos da Deputación de Lugo ao servizo do tecido economico, social, cultural e deportivo da provincia dende o inicio do ano”
No acto, no que tamén participaron o deputado de Rural Daniel García e a deputada de Cultura Iria Castro, o vicepresidente falou duns “orzamentos útiles para o tecido produtivo e social da provincia e esenciais para soster a capacidade inversora dos concellos” que “non teñen partidas para pagar chamullos políticos para mocións de censura e acordos raros como fan outras administracións”
Destacou “o esforzo conxunto do goberno na dotación do Plan Deputación, que permite aos concellos xestionar con autonomía uns recursos asignados en función de criterios públicos e obxectivos”. Concretou que se dedicarán a este fin “22,25 millóns de euros, máis da metade deles para concellos gobernados polo Partido Popular, a pesar de non representaren esa porcentaxe en poboación” e destacou a importancia destes recursos para unhas “entidades municipais cunha autonomía cada vez mais limitada ao teren que asumir custos de servizos sociais básicos como o SAF que deberían financiar a Xunta de Galiza e o Estado”.
No relativo as áreas xestionadas polo BNG, o vicepresidente sinalou como elemento transversal o desenvolvemento de programas propios e axudas directas que chegan a todo o territorio da provincia, destacando que “as áreas da Vicepresidencia da Deputación suman 6 millóns de euros destinados ao tecido asociativo vinculado á cultura e ao deporte e a dotar axudas directas para ganderías e producións agroalimentarias”
Efrén Castro estimou en máis de 800 colectivos os que recibirán achegas para desenvolver iniciativas que van desde o ámbito sectorial ata as iniciativas locais, e que contribúen á dinamización económica, social e cultural dos concellos. Neste sentido, fixo fincapé na necesidade de traballar cos distintos sectores, desde a confianza e a colaboración, para promover a participación social e o traballo comunitario.
Rural
A área de Rural contará en 2026 con partidas que suman 3,1 millóns euros, e que consolidan “o traballo de deseño de politicas públicas realizado ao longo deste anos para apoiar a actividade agrogandeira” con iniciativas novidosas orientadas a desenvolver plenamente o potencial produtivo deste sector.
Os orzamentos consolidan partidas para os programas e liñas de axudas máis destacados da áera dirixida por Daniel García, como “O que non arde”, de fomento da gandería extensiva “Da Escola á Granxa”, con actividades formativas para alumnado de infantil e primaria en granxas e pequenas producións alimentaria, “Marela” de apoio a recría de Raza Rubia Galega ou “Un gusto de rural, un rural de gusto” de promoción de produtos de razas autóctona
O reforzo orzamentario da área permitirá ampliar a cobertura destes programas, que se traducen en axudas directas aos produtores, e reforzar a colaboración coas asociacións agrogandeiras e de asesoramento, para impulsar vías de comercialización das producions agrarias ou avanzar na profesionalizacion e na formacion do sector ante o reto do cambio climático.
Deportes
O orzamento da área de Deportes contempla 4,6 millóns de euros para fomentar a actividade deportiva, que se canalizan, fundamentalmente, a través do apoio a clubs e entidades deportivas e que converten a Vicepresidencia da Deputación de Lugo “principal soporte económico para o deporte na provincia, tanto de base e afeccionado como profesional ou semiprofesional”.
Efrén Castro incidiu na necesidade de “coidar e manter un equilibro entre os dous ámbitos, mantendo o apoio aos clubs que compiten nas máximas categorías, que teñen unhas necesidades de financiamento específicas, e o fomento do deporte como actividade física e alternativa de ocio saudable, a través da extensa rede de clubs afeccionados e de base coa que contamos nas distintas comarcas”.
Ademais da colaboración directa co tecido deportivo, os orzamentos recollen 455.000 euros para a Escola Provincial de Piraguismo e 1,2 millóns de euros destinados ao Pazo e ao Anexo. Efrén Castro explicou que “estes recursos financian seguridade, limpeza e submnistración de servizos basicos e permitirán tamén seguir avanzando no plan de mellora e modernización do Pazo tras os investimentos realizados este ano na renovación da cuberta e na licitación do videomarcador, que se adxudicará a pró`xima semana”
Cultura, Patrimonio e Normalización Linguística
A área xestionada por Iria Castro manterá as liñas de traballo dos últimos catro anos, compaxinando desenvolvemento de programacións propias para achegar a actividade cultural a todo o territorio co apoio ao tecido asociativo.
Os orzamentos para 2026 contemplan 1,3 millóns de euros para dotar distintas liñas de axuda a asociacións e a entidades dedicadas á promoción e á dinamización cultural, e 1,5 millóns de euros para a actividade organizada pola propia área, con circuítos de teatro afeccionado e profesional, o programa de difusión da música tradicional e popular Tradigalu, ciclos de cine, exposicións e actividades divulgativas nas que se prioriza, destacou Efrén Castro, “a contratación de creadores e creadoras locais” e “a promoción da lingua”.
A grande aposta da área de Cultura en 2026 será a organización dos Premios Mestre Mateo, que se financiarán a través dun convenio coa Academia Galega do Audiovisual. “É un investimento no recoñecemento e promoción do audiovisual lucense e na promoción de Lugo e da provincia nos circuítos culturais galegos e estatais”, destacou Efrén Castro na exposición das contas.
A área de Cultura xestiona tamén a Rede Museística – o Museo de Lugo, o Museo do Mar de San Cibrao, o Pazo de Tor e a Museo de Narla-, que contan cun orzamento global de 3,9 millóns de euros para atender a retribución do persoal, o funcionamento e mantemento dos propios edificios – tres deles bens patrimoniais – e a programación de actividades nos distintos museos.
Artesanía e Deseño e Memoria Histórica
O vicepresidente da Deputación tamén repasou o orzamento do Centro de Artesanía e Deseño conta de cara ao 2025, que contará con 1,51 millóns de euros, destinados ao funcionamento do propio centro, que alberga un importante patrimonio,e á promocion dos oficios artesáns.
Mantense o investimento da úlitma anualidade para continuar coas liñas de traballo desenvolvidas nos últimos anos, ligadas á formación e a comercialización dos produtos artesáns, e á difusión do patrimonio musical que atesoura a Colección de Instrumentos Musicais, con programacións como Celme de Zanfona.
Os orzamentos de 2026 consolidan tamén unha partida específica para Memoria Histórica, coa previsión de convocar un premio dirixido a fomentar a investigación en relación co golpe de Estado do 36 e coa ditadura franquista.
























O grupo, composto por cinco mulleres e sete homes cunha media de 26 anos, foi recibido pola subdelegada do Goberno, Olimpia López, que lles agradeceu o compromiso co servizo público e destacou o papel esencial da Policía Nacional na seguridade cidadá. Oito axentes estarán na Comisaría de Lugo, dous en Monforte e dous en Viveiro. Ao finalizar as prácticas, escollerán destino definitivo segundo a puntuación obtida no proceso selectivo.
A iniciativa busca poñer en valor a diversidade cultural do municipio a través da gastronomía, convidando ás persoas de diferentes países a elaborar pratos típicos que se ofrecerán de forma gratuíta ao público. O Concello asumirá o custo dos ingredientes e asignará a cada participante un posto identificado co seu país de orixe. As inscricións poden realizarse ata o 29 de xullo enviando un correo a feiras@vilalba.es. Rouco chamou á participación para seguir construíndo unha Vilalba aberta e integradora, nunha feira que quere consolidarse como espazo de convivencia e dinamización da feira tradicional.
Ata o 4 de agosto poderán realizarse as renovacións, mantendo as tarifas aprobadas en asemblea: 200 € e 250 € para adultos, e acceso gratuíto para menores grazas ao convenio coa Fundación Imdecum, con opción voluntaria de abono infantil por 40 € con reserva de asento. A partir do 5 de agosto activaranse as novas altas. Os abonos poderán tramitarse a través de CLUBER ou presencialmente na oficina do club, con horario de mañá e tarde en xullo e só de mañá en agosto.
A Presidenta Carmela López destacou o valor deste produto emblemático da Mariña e o traballo do sector pesqueiro. Rocío Rivera e Herminia Pernas puxeron en valor a tradición mariñeira de Burela e o papel dos mariñeiros da Moncloa. O público degustou 450 tapas elaboradas con bonito nunha xornada que serviu de escaparate desta cita gastronómica e de convite a visitar Burela a próxima fin de semana.
As crianzas desfrutaron dunha refrescante xornada con inchables e xogos acuáticos na contorna do complexo deportivo da Veiga.
Trátase dunha mostra de 28 fotografías de gran formato do naturalista Ezequiel Martínez que reivindica a diversidade e a conservación da fauna salvaxe. A iniciativa, organizada polo Concello da Pastoriza en colaboración con ABANCA e Afundación dentro do proxecto Corrente cultural, poderá visitarse de balde ata o 26 de agosto. As imaxes, acompañadas de textos divulgativos elaborados por especialistas de Naturnova, amosan especies emblemáticas como o oso pardo, a cegoña, o cervo ou a aguia imperial, convidando a reflexionar sobre a importancia de protexer o patrimonio natural.
O campo de fútbol do Cascabeiro acolleu o pasado sábado a III Festa do Mexillón, organizada polo Celta Barreiros. Centos de persoas achegáronse a gozar dunha tarde de gastronomía e de música. En total foron servidas 670 racións entre veciñanza e visitantes, que saborearon mexillóns e lacón. Os organizadores amosasen satisfeitos da acollida: “estamos contentos pola boa resposta dos asistentes”. E tiveron palabras de agradecemento “para os Concellos de Barreiros e de Foz pola boa colaboración”.



