Ribadeo, 6 de xaneiro, 2026. A Agrupación Cultural Francisco Lanza desenvolveu ao longo de 2025 unha intensa programación cultural, combinando presentacións literarias, accións de dinamización lingüística, viaxes culturais e iniciativas que, pola súa boa acollida, están chamadas a consolidarse no tempo.
Durante o ano, a entidade promoveu a figura do Apalpador, con dúas representacións polas principais rúas de Ribadeo. Tamén conseguiu que numerosos fogares da vila e da contorna contasen cun almanaque en galego, nesta ocasión dedicado ao exvoto da Capela de Arante.
A Agrupación organizou un xantar de confraternización para homenaxear a Rosalía de Castro, inspirado no seu célebre poema sobre o caldo de gloria. Ademais, continuou coa súa liña de conferencias, incluíndo unha charla sobre a piratería ao corso vinculada á historia de Ribadeo.
No ámbito das saídas culturais, a entidade realizou viaxes ás Mariñas coruñesas (Sada e Betanzos), á Ribeira Sacra (Castro Caldelas, canón do Sil e Monforte), así como a Samos, Portomarín e novamente Monforte.
As actividades “Palabras na varanda” iniciaron o ano cun formato especial, acompañado dunha actuación musical polas rúas de Ribadeo a cargo das Erikas e Peluxías. A Agrupación celebrou tamén as súas tradicionais Xornadas de Historia Local, promoveu a lectura da versión en galego do novo volume de Astérix, Astérix en Lusitania, e lembrou a figura do mariñán e galego universal Manuel Lourenzo.
No eido formativo, puxo en marcha novamente as aulas de galego e portugués para o curso 2025–2026 e participou no Proceso Social Lingua Vital, impulsado pola Plataforma Queremos Galego.
A Agrupación expresa o seu agradecemento ás persoas que se achegan a Ribadeo para compartir o seu traballo, así como aos veciños e veciñas que colaboran activamente nas iniciativas culturais. O recoñecemento é especialmente para toda a veciñanza de Ribadeo e das comarcas mariñá e eonaviega, cuxo apoio constante é a razón de ser da entidade.
Relatorio de actividades 2025
Publicacións e materiais
• Edición do Almanaque 2025, ilustrado co exvoto da Capela de Arante.
Programación estable
• Paseos da Francisco Lanza, cada primeiro sábado de mes.
• Aulas de galego e portugués.
Presentacións de libros
• Entre a memoria e o esquecemento, de Guiomar Acevedo López.
• Entre a vontade e o destino, de Xosé Henrique Costas.
• Entre nós e o Eo, de Beatriz Pin e Antón Cando.
• A voltas co prato, libro do programa da TVG.
• A voz do mosquito, de Francisco García Novio.
• Maxicamente vella, eternamente nova. A literatura tradicional galega, de Carlos Callón.
• Cartas na escuridade, de Lois Pérez.
• A fraga dos teixos. Relato dun naturalista tolo, de Xosé Salvadores.
Actos culturais e celebracións
• Xantar de confraternidade. Celebración do Día de Rosalía.
• Proxección do documental Segadores da Órrea en terras de Castela. Unha historia de heroes.
• Día das Letras Galegas: actuación das Cantareiras e música das Erikas e Peluxías no marco de Palabras na varanda.
• Campaña “Un caravel, un libro”.
• Recomendación e apoio á estrea en Ribadeo da película Antes de nós, de Ángeles Huerta.
Conferencias
• José María Leal Bóveda: A piratería ao corso en relación con Ribadeo.
• XXIII Xornadas de Historia Local: As mulleres fronte á historia
• Mércores 16: Cultura, academia e ciencia.
• Intervencións de Carmen Rodríguez (Coral Polifónica de Ribadeo) e Montserrat Iglesias (farmacéutica e investigadora).
• Xoves 17: Mulleres resilientes nos séculos XVIII e XIX.
• Conferencia de Xosé María Leal Bóveda.
• Venres 18: A muller no agro galego: afouteza e perseverancia.
• Excursión a Samos, Portomarín e Monforte (Mosteiro de Samos e Pazo de Tor).
Audiovisual
• Proxección, en colaboración con Vacas Fracas, do documental Se canto é porque quero, producido pola Real Academia Galega e dedicado ás cantareiras.
Viaxes culturais
• Sada e Betanzos.
• Ribeira Sacra: Castro Caldelas, canón do Sil en catamarán e Monforte.
• Samos, Portomarín e Monforte.
Lingua e dinamización
• Participación no Proceso Social Lingua Vital.
• Promoción da edición en galego de Astérix en Lusitania.
Actividades en marcha para 2026
Como cada Nadal, a Agrupación iniciou a preparación do Almanaque 2026 e a difusión da figura do Apalpador, iniciativas que se desenvolverán ao longo do novo ano.
Convócase tamén a Asemblea Xeral de socios e socias, que terá lugar o venres 9 de xaneiro, ás 20:15 h en primeira convocatoria e ás 20:30 h en segunda, na Casa Sindical, coa seguinte orde do día:
1. Estado de contas.
2. Balance das actividades de 2025.
3. Programación para 2026.
4. Cota 2026.
5. Renovación da directiva.
6. Poder de representación para a presidencia.
7. Rogos e preguntas.






















Ao remate creouse un pequeno xardín de plantas de tempada de cor rosa na contorna do parque Reina Sofía, como símbolo da loita e da visibilidade desta causa. O Concello agradeceu a participación de todas as persoas asistentes e destacou especialmente o labor da Asociación de Mulleres de San Ciprián, que decorou a cafetaría da Casa do Mar en tons rosas para acoller a merenda final, contribuíndo a crear un espazo cálido e significativo para pechar a xornada.
Solicítase á veciñanza que retire os vehículos estacionados nesta zona durante a mañá do martes, co fin de facilitar o desenvolvemento dos traballos. A Policía Local colocará esta tarde a sinalización informativa correspondente. Durante as actuacións poderán producirse cortes puntuais de circulación, procurando facilitar o acceso aos garaxes da zona. A duración dos traballos dependerá das condicións meteorolóxicas e da súa evolución. O Concello de Viveiro agradece a colaboración da veciñanza e desculpa as molestias que se poidan ocasionar.
A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, explica que foi “un encontro para compartir, aprender e lembrar a importancia da prevención, a detección precoz e a investigación. E, como símbolo de apoio, un lazo rosa ilumina a fachada da Casa do Concello e os donativos recollidos destinaranse integramente á AECC”.
Ribagorda visitou Ribadeo acompañado polo director xeral de Comercio, Gabriel Alén, nun percorrido polas principais rúas comerciais da vila, xunto ao xerente de ACISA, Jesús Pérez, e a concelleira de Comercio, Marta Saiz. Na Pontenova, o presidente da Asociación de Comerciantes, José Luis Balseiro, reuniuse tamén con Alén e Ribagorda. A campaña “De compras pola Mariña”, promovida pola FCAM e financiada por Comercio Galego e a Xunta de Galicia, difundirá varios vídeos nas redes sociais e na plataforma De las cosas del comer. Ribagorda percorreu estes días Foz, Lourenzá, Viveiro, Burela, Ribadeo e A Pontenova, achegándose ao comercio local e ao patrimonio natural e cultural da comarca.
O encontro principal terá lugar no comedor da carta o mércores 28 de outubro, ás 14:30 h. Ese mesmo día, ás 09:00 h, Jesús Manuel Blanco García, presidente da asociación micolóxica Os Bolouros, ofrecerá unha charla introdutoria para abrir a xornada.
Recoñecéronse as ganderías con máis participación na baixada tradicional e na feira, así como os mellores exemplares das distintas razas e categorías equinas. García destacou o valor das San Lucas como espazo de recoñecemento ao gando cabalar e ao labor dos gandeiros, fundamental para o coidado dos montes e a preservación das paisaxes tradicionais. A xornada incluíu unha homenaxe a Luciano García, falecido en xullo, impulsor da baixada dos cabalos e fundador de Puraga.
Tras unha parada nas Pontes para contemplar o lago e lembrar o pasado industrial da zona, o grupo visitou Pontedeume, onde repasou a historia da liñaxe dos Andrade e percorreu unha vila chea de patrimonio e vitalidade. Pola tarde, no mosteiro de Sobrado dos Monxes, os participantes apreciaron o legado da orde do Císter e do barroco galego, e escoitaron parte dunha mostra de música coral. A entidade agradeceu as explicacións de Enrique Campos, secretario da ACFL, así como as achegas de Celia Castro sobre arquitectura medieval e a vida cisterciense.



