A recente traxedia de Adamuz (Andalucía) e o peche xudicial da traxedia do Alvia (Compostela, 24 de xullo de 2013), canda a crise do tren de proximidade catalá de competencia aínda estatal (Rodalíes) veñen de pór no foco as deficiencias de mantemento e de medidas de seguranza da alta velocidade ferroviaria e o abandono do tren de proximidade e da liña convencional.
A xeometría non é neutra. Na política de infraestruturas a liña recta que sempre conduce a Madrid é a expresión máis depurada dun centralismo que, lonxe de se diluír co Estado das Autonomías, refinouse até se converter nunha sorte de “absolutismo ferroviario“. Galicia asiste a un modelo de Estado que prioriza o brillo da alta velocidade cara á capital do Estado mentres deixa que as veas internas do noso territorio —a rede convencional e as autovías de acceso— sufran unha isquemia crónica por falla de mantemento e visión de país. Como proba do desleixo do Goberno do Estado velaí os 368,7M€ orzamentados para a rede ferroviaria estatal na Galicia que ficaron sen executar entre os exercicios 2020 e 2024.
O pecado orixinal reside na concepción radial do Estado, un deseño borbónico do século XVIII que o século XXI elevou aos altares co AVE. Esta estrutura non busca vertebrar territorios, senón conectar a periferia co centro, convertendo a Madrid nunha inmensa ventosa que absorbe recursos, talento e dinamismo económico. Para Galicia, isto constitúe un cruel paradoxo: hoxe é máis doado e rápido chegar de Ourense a Madrid que conectar dignamente o norte e o sur do noso propio país, ou quitar Lugo e Ferrol do ostracismo ferroviario ao que foron condenadas.
A priorización do AVE non foi unha elección técnica, senón unha decisión política de prestixio e un monumental negocio para o capitalismo castizo do palco do Estadio Bernabeu. Mentres se enterraban miles de millóns de euros en túneles e viadutos para gañar quince minutos na conexión coa Meseta, a rede de proximidade (na Galicia un deserto) e a rede convencional ficaban no esquecemento. O resultado é un país de dúas velocidades: a da elite que viaxa en AVE e A da cidadanía que sofre a absoluta falla de servizos de proximidade e os grandes atrancos diarios dunha media distancia que non cubre as necesidades dun dos eixos máis dinámicos economicamente do Estado, sen frecuencias abondo e con sistemas de sinalización que herdaron a precariedade do século pasado.
Se o ferrocarril amosa as fendas do modelo, as estradas estatais son o espello do abandono. O colapso dos viadutos do Castro na A-6 (A Coruña-Lugo-Madrid) non foi un accidente fortuíto; foi a metáfora perfecta da fraxilidade dun Estado que sabe inaugurar pero que esquece conservar. Que a principal arteria de comunicación por estrada de Galicia coa Meseta permanecese anos truncada por un fallo estrutural nunha obra de apenas dúas décadas é un síntoma de alarma, canda o “parcheo” de fochancas xeneralizado na devandita A-6 e na A-52 (Vigo-Ourense-Madrid) . Que dicir do desastre das estradas estatais Lugo-Ourense (N-540) e Ribadeo-Lugo-Pontevedra (N-640)!! O mantemento ten sido por moitos anos esquecido nos orzamentos do Estado e a conclusión é que o sistema chegou ao seu límite de fatiga.
Galicia non necesita só ser unha parada na ruta cara a Madrid; precisa ser un nodo vertebrado en si mesmo. Cómpre fuxirmos da trampa da radialidade. O Estado entende Galicia como apéndice periférico. Os sectores económicos con potencial endóxeno son, para o Estado, prescindíbeis, polo que non se admite Galicia como suxeito económico con dereito a súa propia transversalidade. A política de infraestruturas ha deixar de ser unha ferramenta de baleirado territorial para se converter nun instrumento de equilibrio. Sen un investimento decidido na rede convencional e sen un plan de mantemento rigoroso que garanta a seguridade e a fluidez, o AVE non será o motor do progreso que nos prometeron, senón o cadaleito de prata dunha Galicia que languidece mentres mira, de esguello, como todo o ferro se funde en Madrid.
Cómpre abandonar a queixa retórica e pasar á acción xurídica e á esixencia competencial. O Estatuto de Galicia habilita á Xunta para asumir as estradas e ferrocarrís que decorran integramente polo territorio galego. A transferencia integral das competencias ferroviarias á Xunta de Galicia é unha necesidade de xestión para crearmos un Ente Ferroviario galego que sexa quen de dar un servizo de proximidade digno no Eixo Atlántico e nas nosas principais áreas urbanas. Tamén nos eixos A Coruña-Ferrol, Lugo-Ourense e Ferrol-Ribadeo. A delegación ao Poder Galego das competencias de xestión na conservación e mantemento da rede de estradas do Estado na Galicia, coa transferencia correspondente dos fondos orzamentarios precisos, tamén é unha prioridade.
Fronte á inacción dos Gobernos do Estado do PSOE e Sumar e da Xunta do PPdeG cómpre pormos na axenda pública galega estas prioridades, porque responden aos nosos intereses económicos vitais e ás esixencias da calidade de vida da nosa cidadanía.



















O delegado territorial da Xunta en Lugo participou este martes nos actos programados con motivo da festividade da Patroa de Ribadeo, Santa María do Campo.
Nesta ocasión, a homenaxeada foi a de Román. Tras unha recepción ás portas do concello, a veciñanza da parroquia desprazouse a pé ata a Igrexa de Santa María co grupo tradicional Cerna de Árbol. Na misa, cantada pola Coral Polifónica Vilalbesa, realizáronse as ofrendas e púxose en valor a tradición “dos canteiros e os traballos en pedra” en Román, unha parroquia cun destacado patrimonio histórico e cultural. Tras a celebración na igrexa, os veciños e veciñas de Román compartiron uns pinchos de fraternidade no Centro Cultural.
A celebración estivo organizada pola asociación cultural Ourofest coa colaboración do Concello do Valadouro e contou co apoio do Goberno galego. Villares participou na celebración litúrxica, que contou coa actuación do coro da Escola de Música ‘Ao Compás do Río Ouro’, e compartiu coa veciñanza esta xornada festiva de especial arraigo na localidade.
O corte afectará ao tramo que vai desde o principio da vía ata o punto quilométrico 0,900. Para facilitar a execución das obras, será necesario que non haxa vehículos estacionados nese treito. Os traballos, executados pola empresa Jose No Mantiñan E Hijos Construcciones, S.A., forman parte dun proxecto conxunto para a mellora e acondicionamento de varias estradas provinciais no municipio de Xove, cun investimento total superior aos 800.000 euros.
Daniel García reafirmou o apoio ao festival, que conta cunha colaboración estable e continuada da Vicepresidencia provincial desde a primeira edición e valorou "o impulso que a Asociación Fanto Fantini lle dá ano a ano ao festival, cun programa que vai máis alá do cartel musical e que profundiza na súa identificación e o seu vínculo con Burela e coa Mariña". A Vicepresidencia da Deputación achega 25.000 euros ao patricinio desta edición do Osa do Mar.
Presidenta e xerente, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, acudiron ao Teatro a escoitar a Pepe Conde, quen fora xefe do servizo de cirurxía do HULA e persoa moi vinculada a esta vila por motivos familiares. Co seu pregón arrincaron varios días festexos que rematarán o vindeiro martes, día da patroa. Cruzado e Pérez departiron cos responsables da comisión das festas minutos antes do inicio do pregón.
No acto tamén estivo o presidente de ACRUGA, César Dorado Pin, e outras autoridades. López destacou a importancia do certame e entregou os trofeos. A Granxa Gayoso Castro, situada en Castro de Rei, é un referente provincial pola súa labor de formación, investigación e apoio á recría de Rubia Galega en colaboración coa USC e ACRUGA.



