As festas de Entroido da nosa terra poida que nos fixeran esquecer que hoxe comeza a Coresma, un tempo moi especial na vida da Igrexa e dos cristiáns. É unha oportunidade para entrar na necesaria ITV que necesitamos e descubrir como estamos, cara a onde camiñamos, que buscamos, que priorizamos… Son preguntas que sempre nos axudan e que, respondelas con sinceridade, nos permiten crecer, camiñar, avanzar cara á meta. Son preguntas que nos poñen en camiño de conversión como resposta a unha invitación previa.
Os cristiáns comezamos este tempo de camiño cara á vida nova que se nos regala na Pascua co xesto da cinza. Trátase dun xesto antigo que nos convida á penitencia, á conversión, á austeridade de vida. É un acto que indica vontade de cambiar, de seguir a chamada que o Señor nos fai a “ser máis” na vida, nese itinerario de desenvolvemento e de crecemento que todos levamos no noso interior. É fermoso que o fagamos xuntos para expresar este camiño comunitario ao que nos comprometemos.
Permitídeme que, nesta Coresma, vos faga unha proposta comunitaria de peregrinación compartida descubrindo o mundo que nos toca vivir. Co papa León convídovos a que este tempo de Coresma sexa unha ocasión privilexiada para “reconstruír xuntos a comuñón”.
Todos levamos dentro unha sede de comuñón interior: estamos feitos para a filiación divina, para a fraternidade entre iguais, para a unidade interior, para a harmonía co universo. E, con todo, os feitos fálannos de rupturas, enfrontamentos, desasosego interior, explotación, afastamento de Deus… Por iso, a comuñón como tesouro e meta a reconstruír e traballar durante a Coresma paréceme unha fermosa tarefa compartida. A iso convócanos constantemente a Palabra, se a escoitamos e acollemos. Unha meta que, se avanzamos cara a ela, encheranos de vida e xerará moita vida ao noso ao redor. Por iso, convídovos a unir as nosas mans nese horizonte común e de conversión.
A primeira tarefa é reconstruír a comuñón con Deus. O pecado é o que rompeu esa unidade. De Deus prescindimos en moitas ocasións; outras veces ignorámolo; non poucas o utilizamos; noutras o faltamos… O misterio da Pascua que nos dispoñemos a celebrar é a demostración do amor de Deus que ansía entrar en comuñón connosco. É El quen nos convoca a vivir nel, e percibir que o noso corazón está feito para acollelo e ter os mesmos sentimentos que El. A oración e as celebracións coresmais, especialmente a celebración do sacramento da reconciliación, constitúen un fermoso camiño para reparar esta unidade danada.
Urxe tamén reconstruír a comuñón connosco mesmos. Na nosa conciencia percibimos as nosas propias contradicións, a nosa falta de unidade interior entre o que pensamos e facemos, entre o que sentimos, vivimos e dicimos. Precisamente a Coresma ten moito de introspección, de escoita, de proceso interior, de procura de integración e harmonía interna. Necesitamos traballar ese corazón que nos centre e nos dea harmonía e paz, nos serene e nos integre. O xaxún pode axudarnos a traballar esa comuñón interior.
Tamén habemos de reconstruír a comuñón entre nós, especialmente cos máis pobres. Quizais é a máis elocuente e a que se visibiliza na polarización, a ausencia de vínculos, o individualismo atroz, as guerras entre iguais, as palabras que feren, a indiferenza ante o sufrimento… Tamén na nosa Igrexa coóusenos a división e a fractura, cústanos a unidade e a sinodalidade. Necesítase urxentemente reconstruír tantos camiños que nos permitan camiñar cara á fraternidade e procrear esa comuñón entre diversos. Sen dúbida, a esmola como instrumento coresmal pode axudar a xerar esas pontes.
Por último, reconstruír a comuñón co creado: a nosa casa común que habemos de administrar e coidar para, en xustiza, doala ás futuras xeracións. Non caben miradas explotadoras ou economicistas cara ao noso planeta, senón que hai que fomentar a ética do coidado e da responsabilidade.
Sen dúbida, neste desexo de “reconstruír xuntos a comuñón” ábrense moitas perspectivas, iniciativas, procesos… Camiños para percorrer xuntos. É o camiño da Coresma, da túa conversión cara á Pascua. Feliz peregrinaxe.
O voso irmán e amigo,
Fernando García Cadiñanos


















O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



