A Vicepresidenta do Consello Provincial de Turismo informou na primeira reunión do ano deste órgano sobre a reedición dos galardóns á excelencia turística que concede a institución nas categorías Lugo Cambia ao Turismo Lucense, Premio Turismo Sostible e …E para comer, Lugo á Gastronomía Lucense
Lugo, 27 de febreiro de 2026. A Vicepresidenta do Consello Provincial de Turismo e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presidiu este venres a primeira reunión do ano deste órgano participativo e consultivo da Deputación de Lugo, no que se aprobaron as bases da convocatoria 2026 para os Premios de Turismo e se presentou o calendario das principais accións previstas para este ano.
Pilar García Porto avanzou que, ao igual que anos anteriores, os Premios de Turismo contarán con tres modalidades –Lugo Cambia ao Turismo Lucense, Premio Turismo Sostible e …E para comer, Lugo á Gastronomía Lucense. Os premios teñen carácter honorífico e recoñecen a labor de persoas, empresas, institucións e colectivos que destacan pola súa contribución ao desenvolvemento turístico, á innovación, á sustentabilidade e á posta en valor da gastronomía lucense.
A Vicepresidenta do Consello sinalou que con estes distintivos “non só recoñecemos a excelencia turística e gastronómica da provincia, senón tamén fomentamos a colaboración entre administracións, sector privado e tecido asociativo, consolidando Lugo como un destino innovador, sostible e atractivo”.
Poden optar aos galardóns tanto persoas físicas como xurídicas, públicas ou privadas, a nivel local, autonómico, nacional ou internacional, sempre que o seu traballo teña repercusión positiva no turismo ou na gastronomía da provincia ou nunha zona concreta de Lugo. Os proxectos, iniciativas ou traxectorias profesionais deberán estar vixentes ou realizarse no marco dun plan en curso.
A entrega dos premios terá lugar nunha gala que se celebrará o 27 de setembro no Pazo de San Marcos, coincidindo coa Día Mundial de Turismo. O prazo de presentación de candidaturas abrirase tras a publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, e as solicitudes deberán presentarse de forma telemática a través da Sede Electrónica da
Deputación de Lugo, cun prazo dun mes.
Principais actuacións turísticas para o 2026
Ademais, a Vicepresidenta do Consello de Turismo detallou as principais accións da área de Turismo da Deputación para o ano 2026. Explicou que “seguiremos na mesma liña estratéxica, apostando por un modelo de turismo de calidade e sostible, que combine innovación e tradición, e que permita que visitantes e cidadáns descubran a riqueza natural, cultural patrimonial e gastronómica da nosa provincia”.
Entre as principais accións mantéñense programas consolidados e que están a ter unha grande acollida tanto en termos económicos como sociais. Por unha banda, o Coñece a túa Provincia, que na súa sexta edición vén de aprobar a listaxe provisional das entidades admitidas cun total de 135 colectivos que, como novidade, participarán por primeira vez neste programa de viaxes gratuítas. Desde que se puxo en marcha en 2021, esta iniciativa medrou de xeito constante xerando un retorno económico superior a 800.000€ e con 12.200 persoas beneficiadas.
Outra das liñas turísticas estratéxicas desta institución provincial son as rutas fluviais pola Ribeira Sacra, que arrincarán o vindeiro 19 de marzo e que operarán ata a ponte de decembro. Unha oferta coa que na pasada edición navegaron con 57.000 persoas para gozar desta xoia natural, que en xuño opta a ser declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.
Así mesmo, a institución provincial volverá a organizar as Rutas polo románico da provincia para conmemorar o 9 de maio, Día da Transrománica, que o pasado ano desfrutaron 300 persoas. “Como sabedes, a Deputación forma parte da Rede Transrománica desde o ano 2020, e estamos a valorar cos integrantes deste itinerario a posibilidade de que este ano a Asemblea Xeral se celebre na provincia de Lugo”, explicou Pilar García Porto.
Feiras e patrocinios
A presenza en feiras e eventos turísticos será outro dos obxectivos a seguir este ano. Nestes dous primeiros meses a Deputación presentou en Fitur xunto ao cineasta Óliver Laxe a campaña Provincia de Lugo, Reserva Natural. Ademais, a institución estará presente, entre outras feiras, en BioCultura 2026, do 6 ao 8 de marzo na Coruña; en Expocidades que se celebrará en maio en Portugal; e en Expovacaciones, do 8 ao 10 de maio, en Bilbao.
Ademais, a Deputación continuará apoiando a entidades e concellos co obxectivo de fomentar iniciativas turísticas e festas locais. No ano 2025, a institución destinou preto de 850.000€ a estas actividades, a través do Plan Deputación e distintas colaboracións.

























Estará dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, xa que neste 2026 cúmprese o centenario do nacemento de quen fora presidente do Goberno. No acto interviñeron o presidente do RCNR, Pablo Fernández, o director territorial de Deportes da Xunta, Manuel Otero, un dos fillos do tamén alcalde honorario de Ribadeo Víctor Calvo-Sotelo, e o rexedor ribadense, Dani Vega. Todos exaltaron a práctica deportiva na ría, a labor desenvolvida polo Real Club Náutico e a vinculación de Leopoldo Calvo-Sotelo co estuario. Entre o público asistente estaban máis membros da familia Calvo-Sotelo, directivos e ex directivos do RCNR, edís de Ribadeo e representantes de Acisa.
O grupo, composto por cinco mulleres e sete homes cunha media de 26 anos, foi recibido pola subdelegada do Goberno, Olimpia López, que lles agradeceu o compromiso co servizo público e destacou o papel esencial da Policía Nacional na seguridade cidadá. Oito axentes estarán na Comisaría de Lugo, dous en Monforte e dous en Viveiro. Ao finalizar as prácticas, escollerán destino definitivo segundo a puntuación obtida no proceso selectivo.
A iniciativa busca poñer en valor a diversidade cultural do municipio a través da gastronomía, convidando ás persoas de diferentes países a elaborar pratos típicos que se ofrecerán de forma gratuíta ao público. O Concello asumirá o custo dos ingredientes e asignará a cada participante un posto identificado co seu país de orixe. As inscricións poden realizarse ata o 29 de xullo enviando un correo a feiras@vilalba.es. Rouco chamou á participación para seguir construíndo unha Vilalba aberta e integradora, nunha feira que quere consolidarse como espazo de convivencia e dinamización da feira tradicional.
Ata o 4 de agosto poderán realizarse as renovacións, mantendo as tarifas aprobadas en asemblea: 200 € e 250 € para adultos, e acceso gratuíto para menores grazas ao convenio coa Fundación Imdecum, con opción voluntaria de abono infantil por 40 € con reserva de asento. A partir do 5 de agosto activaranse as novas altas. Os abonos poderán tramitarse a través de CLUBER ou presencialmente na oficina do club, con horario de mañá e tarde en xullo e só de mañá en agosto.
A Presidenta Carmela López destacou o valor deste produto emblemático da Mariña e o traballo do sector pesqueiro. Rocío Rivera e Herminia Pernas puxeron en valor a tradición mariñeira de Burela e o papel dos mariñeiros da Moncloa. O público degustou 450 tapas elaboradas con bonito nunha xornada que serviu de escaparate desta cita gastronómica e de convite a visitar Burela a próxima fin de semana.
As crianzas desfrutaron dunha refrescante xornada con inchables e xogos acuáticos na contorna do complexo deportivo da Veiga.
Trátase dunha mostra de 28 fotografías de gran formato do naturalista Ezequiel Martínez que reivindica a diversidade e a conservación da fauna salvaxe. A iniciativa, organizada polo Concello da Pastoriza en colaboración con ABANCA e Afundación dentro do proxecto Corrente cultural, poderá visitarse de balde ata o 26 de agosto. As imaxes, acompañadas de textos divulgativos elaborados por especialistas de Naturnova, amosan especies emblemáticas como o oso pardo, a cegoña, o cervo ou a aguia imperial, convidando a reflexionar sobre a importancia de protexer o patrimonio natural.



