O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou na mesa local do comercio, visitou a praza de abastos e os negocios By Hortensia, Lentocoop, Naná e Bolsos Núñez
Ribadeo, 18 de abril de 2026. O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, realizou hoxe unha visita institucional a Ribadeo centrada en poñer en valor o comercio de proximidade e coñecer de primeira man iniciativas locais de dinamización comercial. Na xornada participou tamén o alcalde, Daniel Vega, así como representantes municipais e da asociación empresarial ACISA Ribadeo.
A visita comezou coa sinatura no libro de honra do Concello e continuou coa celebración da mesa local de comercio, a primeira presidida por un conselleiro en Galicia. Neste encontro interviñeron o alcalde, a concelleira de Comercio, a presidenta de ACISA, Carmen Cruzado, o xerente da entidade, Jesús Pérez, o director xeral de Comercio e o propio conselleiro. O xerente de ACISA expuxo a evolución da asociación na última década, o balance das actividades de 2025 e a programación prevista para 2026.
José González destacou o papel de Ribadeo como referente galego na dinamización comercial, salientando o bo funcionamento do Centro Comercial Aberto e o labor de ACISA. Como exemplo, puxo en valor a campaña O noso comercio é vida. Vive Ribadeo, recoñecida pola Xunta entre as cinco iniciativas extraordinarias de 2025 no marco do programa O teu comercio local é extraordinario. Ademais, anunciou que nas vindeiras semanas comezará a formación destinada aos xerentes dos Centros Comerciais Abertos para impulsar a súa profesionalización.
O conselleiro subliñou tamén que a experiencia das mesas locais de comercio se reforza coa recente constitución da Mesa do Comercio de Galicia, creada esta mesma semana en cumprimento do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030. Trátase dun órgano consultivo e de participación que busca consolidar un espazo estable de diálogo entre administracións e sector, mellorar a coordinación e avanzar na modernización do comercio galego.
Pola súa banda, o alcalde, Daniel Vega, agradeceu a visita e puxo en valor a colaboración institucional: “o concepto dinamismo crea riqueza directa aos comercios”, afirmou, destacando o traballo conxunto entre Concello e ACISA, así como a importancia do relevo xeracional no sector. Desde ACISA, Carmen Cruzado e Jesús Pérez cualificaron a mesa como “moi positiva” e agradeceron o apoio das administracións para desenvolver as actividades previstas en 2026.
A comitiva desprazouse posteriormente á praza de abastos de Ribadeo, onde o conselleiro asistiu á primeira actividade do proxecto Gastropraza, impulsado pola Xunta, ACISA e a Asociación Provincial de Cociñeiros de Lugo. Alí destacou o compromiso autonómico coa modernización das prazas de abastos e coa súa adaptación aos novos hábitos de consumo, lembrando a orde específica dotada con 2,3 millóns de euros para 2026 e o Plan de impulso da Rede de Mercados Excelentes de Galicia, cun investimento superior aos 23 millóns ata 2030 para acadar 25 mercados certificados. Tamén salientou iniciativas como Prato de Mercado, que reforzan o vínculo entre as prazas e a gastronomía galega.
A xornada completouse cun percorrido por varios establecementos locais —Bolsos Núñez, Naná, By Hortensia e Lento— para coñecer o seu labor e realidade diaria. O itinerario rematou cunha degustación de cabala no marco das xornadas gastronómicas organizadas por ACISA coa colaboración da OPP do Porto de Burela e do Concello de Ribadeo.



























As crianzas desfrutaron dunha refrescante xornada con inchables e xogos acuáticos na contorna do complexo deportivo da Veiga.
O campo de fútbol do Cascabeiro acolleu o pasado sábado a III Festa do Mexillón, organizada polo Celta Barreiros. Centos de persoas achegáronse a gozar dunha tarde de gastronomía e de música. En total foron servidas 670 racións entre veciñanza e visitantes, que saborearon mexillóns e lacón. Os organizadores amosasen satisfeitos da acollida: “estamos contentos pola boa resposta dos asistentes”. E tiveron palabras de agradecemento “para os Concellos de Barreiros e de Foz pola boa colaboración”.
Familias, amizades e persoas de todas as idades viviron cada xogada e cada aplauso, evidenciando que o fútbol é tamén unha oportunidade para fortalecer a convivencia e a unión da veciñanza. O municipio felicitou á Selección Española polo seu título mundial, un éxito histórico que fixo vibrar a toda a comunidade.
O acto está organizado pola Asociación de Irmandade Locudy, nunha proposta cultural que pon o foco na relación entre Galicia e Bretaña a través da figura de Castelao.
Era o único ocupante do vehículo. O 112 Galicia tivo coñecemento do accidente uns minutos despois das 10:00 horas deste domingo. Segundo indicou un particular, un coche caera por un desnivel duns 20 metros no quilómetro 2 da LU-P-6104. Desde a Sala de Operacións do 112 Galicia informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Barreiros, á Garda Civil de Tráfico e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Trabada. Unha vez no punto, os servizos de emerxencias indicaron que había unha persoa falecida, único ocupante do vehículo, sen que nada se puidera facer por salvarlle a vida.
A cita, consolidada como un referente do verán cultural no municipio, reuniu na Praza dos Campos á formación anfitriona do encontro, a Agrupación La Sidrina, de Lugones (Asturias) e o Grupo Folklórico Estampas de México. A programación continuou o sábado coa celebración do Festival Folklórico Infantil. Villares puxo en valor o labor que o grupo Mistura desenvolve durante todo o ano na conservación e difusión do patrimonio cultural galego, así como a importancia de iniciativas coma este festival “para manter vivas as tradicións e dinamizar a vida social e cultural dos nosos concellos”.
A eucaristía, un dos actos centrais das festas patronais de Foz, continuou coa tradicional procesión e coa ofrenda floral en memoria das persoas falecidas no mar. A mandataria provincial formou parte da comitiva xunto a numerosos veciños e veciñas, visitantes, membros da corporación municipal e a pregoeira desta edición, María Nelle Castro Neira, focense moi vinculada ás festas desde a infancia.


