O voceiro popular pregunta a Carmela López se algunhas das condicións impostas por Tomé para elevala á presidencia da Deputación poderían ser pagarlle o custe dos avogados nas súas causas xudiciais abertas, como tentou xa en xunta de goberno, ou o convenio de 2.100.000€ que lle pediu para financiar a campaña á alcaldía
Lugo, 5 de xuño de 2026. O Grupo Provincial Popular esixiu hoxe e de forma rotunda que a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, “entregue de inmediato o expediente de José Tomé solicitado e se deixe de xogos, de opacidade e de manobras de distracción, tras poñer a disposición outro expediente que non se solicitou”.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, amosou a súa indignación ante o que cualificou como “unha falta de respecto institucional e democrática sen precedentes”, despois de que o goberno provincial respondese á solicitude de acceso e copia do expediente número 2026RPE006775 —iniciado polo expresidente José Tomé— entregando un documento totalmente distinto: o expediente 2026RT009397.
Para o Antonio Ameijide este “intento de cambiazo” de expedientes non só demostra o nerviosismo de Carmela López senón que “tamén sitúa a Carmela López de novo como unha encubridora de José Tomé”.
No documento enviado “por erro ou estratexia”, confírmase que José Tomé —na súa condición de alcalde de Monforte— esixe á Deputación un convenio de 2.100.000€ no que a institución provincial pon o 100% dos cartos e o Concello de Monforte pon exactamente 0€, “posiblemente unha das condicións pactadas con Tomé para poñer a Carmela López de presidenta da institución, o cheque para financiar a campaña electoral de Tomé”.
“É un escándalo maiúsculo que Tomé siga utilizando a Deputación como o seu talón de cheques particular, pero o máis grave é que Carmela López intente desviar a atención para non amosar o verdadeiro expediente que lle pedimos”, afirmou, ao que engadiu que “cada día aumentan as sospeitas de que outra das condicións impostas por Tomé para aupar a Carmela López da Deputación foi pagarlle o salario do seu avogado defensor como xa tentou el mesmo en xunta de goberno”.
Antonio Ameijide pregunta directamente á presidenta da Deputación: “que oculta? Por que ten tanto medo de entregar o expediente 2026RPE006775? Acaso estamos ante un novo capítulo de encubrimento a José Tomé?”.
Cómpre recordar que José Tomé foi apartado da presidencia da Deputación de Lugo por un presunto caso de acoso sexual, no que supostamente ofreceu postos de traballo en administracións públicas a cambio de favores sexuais, un asunto de extrema gravidade que xa está en mans da xustiza.
Ante esta negativa a entregar a documentación real, no Grupo Provincial Popular aumentan as sospeitas de que PSOE e BNG poden estar intentando pagar as costas dos avogados de José Tomé, algo que xa intentou o expresidente provincial na última xunta de goberno que presidiu.
“Os indicios apuntan a que o PSOE e o BNG poderían estar tramitando ou ocultando os mecanismos para que a Deputación de Lugo, todos os lucenses, asumamos os custos do avogado defensor de José Tomé nesta causa por presunto acoso sexual”, denunciou.
Antonio Ameijide amosouse taxante ante esta situación: “Carmela López ten que elixir hoxe mesmo se está do lado da transparencia ou se está do lado do encubrimento e da vergoña institucional, polo que esiximos a entrega inmediata e sen dilación hoxe mesmo do expediente número 2026RPE006775”.



















Villares detallou algunhas destas accións no encontro empresarial organizado en Vilalba pola organización profesional BNI LOU VCR Breogán, un grupo de networking integrado por unha trintena de empresarios e profesionais da provincia. Entre outras, referiuse ás axudas para favorecer o establecemento dos traballadores autónomos ou para o fomento da contratación; os plans do Igape para a expansión e innovación do tecido produtivo, ou as iniciativas de formación. “Apoiar as empresas, as pemes e aos autónomos é apoiar o futuro do territorio”, afirmou.
A principal será o regreso das carrozas dos pobos o domingo 27, recuperando unha tradición histórica. O venres abrirase coa charanga e verbena; o sábado haberá sesión vermú, verbena e fogos; o domingo, música dos sesenta e setenta, desfile de carrozas e festa dos oitenta; o luns, actividades para a infancia e reparto do bollo; e o martes, misa solemne, procesión e verbena final. O Concello de El Franco destaca o labor da Sociedade de Fiestas e o valor de recuperar tradicións e avanzar cara a unhas festas máis inclusivas.
Será o sábado 26 de setembro de 20:00–22:30 no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo. Entrada: 34,90 €, inclúe viño seleccionado e aperitivo.
Ás 16 horas deste mércores, o 112 Galicia tivo constancia dunha saída de vía a través do sistema de aviso e-Call do vehículo accidentado. Ocorreu no quilómetro 6 da LU-861, á altura de Santaballa. O propio implicado explicou nese momento que precisaba axuda para saír do vehículo. Nada máis ter constancia, os xestores do 112 Galicia solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros de Vilalba e servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros axudaron a retirar á persoa do vehículo, mais non foi necesario excarcerar.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.



